Montenoso, premiado no meirande festival internacional de arte dixital e multimedia

Captura de pantalla da web Dominio Público O monte é noso

Montenoso é un proxecto colaborativo e horizontal que procura, empregando todas as ferramentas online, multimedia e as redes, para facilitar a visibilidade dos montes comunais e das comunidades que as xestionan, e outros tipos de comúns rurais. E, nun proceso de ida e volta, motivar tamén os comuneiros a que sexan partícipes da multifuncionalidade dos montes e da súa revalorización. En definitiva, procura traballar os bens comúns como espazos de socialización e de transferencia de coñecemento. Montenoso vén de ser premiado nos Prix Ars Electronica 2014, un dos festivais internacionais máis importante no eido das artes dixital e multimedia, converténdose no primeiro colectivo galego que acada este recoñecemento, e sendo elixidos entre un total de 2.703 aplicacións procedentes de 77 países.

O seu proxecto Comúns rurais <link> comúns dixitais recibiu unha mención de honra na categoría Comunidades Dixitais, aberta a proxectos políticos, sociais, culturais e artísticos, a iniciativas, grupos, e plataformas que estean empregando eficazmente as tecnoloxías dixitais e que dende aí estean a promover a responsabilidade social. Os premios entregaranse no Ars Electronica, que se vai celebrar do 4 ao 8 de setembro en Linz, Austria.

A proposta presentada por Montenoso aposta por poñer en marcha un dispositivo a través do cal comunicar as microhistorias, os saberes dispersos e múltiples. Trátase dunha plataforma online colaborativa e aberta para ordenadores e dispositivos móbiles, tablets e smartphones, que contén unha gran variedade de relatos xeoposicionados en diferentes formatos (vídeos, audios, infografía, imaxes fixas ou textos). 

A proposta presentada por Montenoso aposta por poñer en marcha un dispositivo a través do cal comunicar as microhistorias, os saberes dispersos e múltiples

A través deste dispositivo xérase unha experiencia na que as usuarias e usuarios van construíndo os seus relatos de maneira interactiva a través de varios medios conectados por un sistema de etiquetaxe por palabras clave. Estes medios son: unha cartografía expandida na que están xeoposicionados todos os recursos do documental; un modo de visualización infográfico do volume de patrimonio; unha wiki semántica na que aparecen definidos os conceptos e palabras relacionadas co universo do proxecto, e un blogue con noticias e artigos froito do traballo de investigación do Lar de Investigación Comunal de Montenoso. Emprega para o seu desenvolvemento ferramentas de software libre e licencias libres como as creative commons.

Montenoso, composto por Iñaki López, Fran Quiroga, Vanesa Castro, Alex Mikelinos e Andrea Olmedo, traballa coas comunidades veciñais desde as súas realidades, nun micro nivel, combinando o potencial político e artístico dos sistemas dixitais con outras redes offline. Trátase dun grupo transdisciplinar de persoas que traballan dende as artes dixitais, o estudo dos comúns, a comunicación online, o empoderamento e axitación rural e a arquitectura social.

Colaboran "cos pés na terra" cos comuneiros e comuneiras de Argozón, Valadares, Mántaras, Torres-Vilamateo, Mouriscados, Guillade e Ombre, visitando os montes para coñecer de man das comuneiras a súa situación, problemas, casos de éxito e necesidades

Colaboran "cos pés na terra" cos comuneiros e comuneiras de Argozón, Valadares, Mántaras, Torres-Vilamateo, Mouriscados, Guillade e Ombre, visitando os montes para coñecer de man das comuneiras a súa situación, problemas, casos de éxito e necesidades. Un dos asuntos e eivas que sempre se salienta é a falta de contacto entre elas, algo no que dende Montenoso están a traballar, articulando conexións tanto online coma offline, e creando un espazo para que comuneiros e comuneiras de todo o país poidan unirse e compartir experiencias.

Montenoso quere aproveitar este importante recoñecemento internacional para "reividicar un apoio real das institucións culturais galegas neste tipo de proxectos"

De igual xeito, dende Montenoso chaman a atención sobre o feito de que, malia contar co apoio de institucións como o Medialab Prado, Intermediae, o GIST-IDEGA da USC, ou o Museo do Pobo Galego, até o momento non contan con ningún tipo de financiamento, polo que dende Montenoso se quere aproveitar este importante recoñecemento internacional para "reividicar un apoio real das institucións culturais galegas neste tipo de proxectos", de cara a superar "a precariedade que caracteriza o proceso de traballo destes colectivos".

 

Os premios Ars Electronica

Dende 1987, o Prix Ars Electronica é un indicador de tendencia recoñecido na escena de arte de medios de comunicación a nivel internacional. Cada ano o xurado outorga os chamados Golden Nicas, considerados os Oscars do media art, así coma Mencións de Honra. Proxectos españois galardoados noutras edicións co Golden Nica son Canal Accesible de Antoni Abad en 2006 e Campo de Cebada, coordinado por Pascual García. Nesta edición foi premiado tamén o proxecto Goteo.

Os proxectos foron seleccionados en base o seu compromiso social e tecnolóxico, o uso de ferramentas de software social e o seu grao de potencial futuro

Segundo a organización, seleccionáronse proxectos, aplicacións, iniciativas e fenómenos de innovación social e artística dando unha atención prioritaria aos proxectos que tratan o concepto de cidade intelixente. E especialmente de cidadáns e cidadás intelixentes, poñendo foco en procesos de participación social. Os proxectos foron seleccionados en base o seu compromiso social e tecnolóxico, o uso de ferramentas de software social e o seu grao de potencial futuro. Estes proxectos teñen que ser facilitadores de acceso a tecnoloxías, redes, contidos e de comúns dixitais. Outra das premisas era que debían estar abertos para servir de modelos para ser tomados por outras iniciativas e persoas, e terían que constituír unha fonte de inspiración, ánimo e empoderamento para outras propostas. Características todas que cumpre o proxecto presentado por Montenoso.

Captura de pantalla da web Dominio Público O monte é noso
Algúns dos integrantes do proxecto © Montenoso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.