Crean unha app para rexistrar avistamentos de paxaros nas Illas Atlánticas

Captura de pantalla da aplicación Dominio Público Praza Pública

É ben coñecida a riqueza da fauna existente, sobre todo no que respecta ás aves, no parque das Illas Atlánticas, que abrangue as illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, onde existen multitude de zonas de cría, pousadoiros ou áreas de alimentación. O parque vén de poñer en marcha unha aplicación para dispositivos android coa que calquera persoa pode rexistrar avistamentos de aves na zona, contribuíndo a crear unha base de datos colaborativa.

A aplicación, SightBirds, funciona como caderno de campo cuxos datos se poden poñer en común co resto de usuarios e usuarias, e permite inserir información sobre familia, especie, sexo, idade, data, localización, condicións meteorolóxicas, mareas e outros comentarios. Os usuarios e usuarias da app tamén poden interactuar entre eles e elas, seguir os seus perfís, e enviar mensaxes aos outros afeccionados e afeccionadas ao birdwatching ou birdingAsí mesmo, incorpora unha opción de xeoposicionamento para localizar os lugares nos que se produciu o avistamento das aves. A iniciativa conta tamén cunha web na que se poden incorporar os datos das observacións e que inclúe tamén unha guía de aves.

As illas acollen as maiores colonias de cría da gaivota patiamarela, que supera as 31.000 parellas, o que representa máis do 10% da poboación total e o núcleo máis importante do mundo. Tamén é moi importante a presenza do corvo mariño cristado, do que poden existir 2.000 parellas, cantidade que supón un 70% da poboación ibérica. Igualmente, pódense atopar poboacións de gaivota escura, paíño pequeno, furabuchos balear, arao dos cons ou de corvo mariño grande. A avifauna non mariña de cantil é moi interesante e lles confire unha gran significación ecolóxica ás illas de carácter oceánico no humanizado contorno das Rías Baixas, malia que os efectivos de todas as especies son escasos e varias delas se atopan xa en situación crítica: falcón peregrino, pomba das rochas, andoriñón real, choia biquivermella, gralla pequena ou corvo grande.

Captura de pantalla da aplicación Dominio Público Praza Pública
Imaxe do parque Dominio Público Parque das Illas Atlánticas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.