A humanidade esgotou o orzamento ecolóxico anual en menos de 8 meses

Os automóbiles son unha das principais fontes de contaminación CC-BY-SA Un claro no bosque

Xosé Veiras analiza n'Un claro no bosque, o blog sobre ecoloxismo social e biodiversidade de Praza Pública, o que implica o esgotamento de recursos da Terra por parte da humanidade

No ano 2000 foi a principios de outubro. No ano pasado, o 20 de agosto. En 2014 chegamos ao Overshoot Day, o Día da Sobrecarga da Terra, o 19 de agosto. Outro feito que nos alerta do choque contra os límites ecolóxicos globais. Durante o resto do ano, a humanidade vivirá á custa do esgotamento de reservas de recursos renovábeis e do aumento da concentración de dióxido de carbono (CO2) na atmosfera, co conseguinte agravemento da crise climática.

A rede de investigación Global Footprint Network (GFN) estima a data en que a pegada ecolóxica da humanidade nun determinado ano excede a biocapacidade de rexeneración de recursos renovábeis e de servizos ambientais (concretamente o de absorción de CO2). “A translimitación ecolóxica estase a converter no desafío determinante do século XXI. É ao tempo un problema ecolóxico e económico”, afirma Mathis Wackernagel, presidente da GFN.

“Os custos do noso sobreconsumo ecolóxico tórnanse cada vez máis evidentes. Os xuros que estamos a pagar pola nosa enorme débeda ecolóxica, en forma de deforestación, escaseza de auga, erosión do solo, perda de biodiversidade e incremento de CO2 na atmosfera, implican enormes custos humanos e ecolóxicos que trascenden as fronteiras”, sinala a GFN.

Proxeccións conservadoras sobre o crecemento do consumo e da poboación indican que a humanidade demandaría a biocapacidade de 3 planetas antes de 2050

A mediados dos anos 70, a humanidade ultrapasou un limiar crítico: o consumo humano excedeu o que o planeta é capaz de producir, a pegada ecolóxica superou a biocapacidade. Desde entón, o déficit ecolóxico medrou e hoxe o conxunto da humanidade vive como se dispuxese de 1,5 Terras, o que acabará por nos levar ao colapso se non o remediamos. Unha minoría privilexiada é a responsábel principal do gasto excesivo de capital natural: o 20% da poboación mundial, integrado pola maioría da poboación das sociedades do Norte global e pola minoría consumista do Sur. Máis da metade da poboación mundial, a maioría en Latinoamérica, África e Asia, vive coa súa parte xusta da Terra, ou mesmo con menos.

Proxeccións conservadoras sobre o crecemento do consumo e da poboación indican que a humanidade demandaría a biocapacidade de 3 planetas antes de 2050. Algo fisicamente imposíbel, mais que é xustamente a biocapacidade que requeriría agora mesmo a humanidade se vivise como a media da poboación galega.

Galicia está entre os países que máis adebedan en termos ecolóxicos, pois o valor da súa pegada ecolóxica é un 150% superior ao da biocapacidade do seu propio territorio

Galicia está entre o grupo de países que máis adebedan en termos ecolóxicos, pois o valor da súa pegada ecolóxica (6,64 hectáreas/persoa) é un 150% superior ao da biocapacidade do seu propio territorio (4,4), segundo o último dato dispoñíbel, correspondente ao ano 2005 e polo tanto anterior ao inicio da crise económica. Esta contraeu o consumo, polo que a pegada ecolóxica actual debe ser menor, aínda que certamente elevada. E alén de insuficiente e non procurada, a previsíbel diminución da pegada ecolóxica de Galicia rexistrada nos últimos anos produciuse de xeito socialmente insustentábel, cun aumento da desigualdade social e do número de persoas que sofren privacións materiais severas. É preciso reducirmos o consumo total de natureza, mais redistribuíndo a riqueza en favor d@s máis desfavorecid@s, ao contrario do que está acontecer. Só abandonando o mito do crecemento económico e distribuíndo con xustiza a riqueza disponíbel poderemos vivir ben todos e todas sen ultrapasarmos os límites ecolóxicos globais e espoliarmos outros pobos.

Seguir lendo n'Un claro no bosque

Os automóbiles son unha das principais fontes de contaminación CC-BY-SA Un claro no bosque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.