Os reitores galegos rexeitan na Xunta a "inxustiza social" da suba das taxas

Os sindicatos educativos, no exterior de San Caetano durante a xuntanza CC-BY-SA CIG

José Ignacio Wert e Jesús Vázquez non contan coas universidades galegas para subir as taxas. Os tres reitores trasladáronlle este mércores ao conselleiro de Educación o que viñan dicindo por separado dende que o Goberno central fixo pública a súa intención de consagrar tamén o ensino superior no altar do control do déficit. Sentados á mesma mesa que Vázquez, Xosé Luis Armesto (A Coruña), Juan Casares (Santiago) e Salustiano Mato (Vigo) deixáronlle claro ao máximo responsable das institucións educativas galegas o seu desacordo co incremento das taxas. En caso de que non exista un veto total á suba, a aposta é que esta sexa "mínima", nomeadamente, que non exceda o Índice de Prezos ao Consumo (IPC).

É precisamente o IPC como un dos indicadores fundamentais do "nivel de vida" da cidadanía o que, en opinión dos reitores, debe ser fundamental á hora de establecer as taxas universitarias. Nesta liña, o reitor vigués ve "unha inxustiza social intolerable" que o novo incremento se aplique botando man de "prezos medios" para cada carreira, de xeito que en todo o Estado "as carreiras vallan o mesmo". Desta maneira, "onde hai máis nivel de vida pagarán menos e onde hai menos poder adquisitivo, como é o noso caso, pagarán moitísimo máis". Esta cuestión, di Salustiano Mato, é precisamente a que estará sobre a mesa da negociación que, din os tres responsables das institucións académicas, a Xunta se comprometeu a entablar co Ministerio de Educación. "A loita é que o custo real do que vale a matrícula se calcule en función dos parámetros de Galicia, do nivel de vida", abonda. "Se é así estará arredor do 13 ou 14% do que vale a carreira", e non chegará en ningún caso ao 25% ata o que permite chegar o Ministerio.

"A loita é que o custo real do que vale a matrícula se calcule en función dos parámetros de Galicia, do nivel de vida"

Tamén o reitor coruñés coida que o "xusto e razoable" é que o "custe real" das carreiras ao que alude o Executivo central sexa calculado en función do nivel de vida de cada autonomía. Neste sentido, Armesto sinala que dende a Xunta se "coincidade" nesta necesidade, polo que tentará "interpretar" o Real Decreto de maneira que sexa posible "minimizar o aumento de taxas". Estas negociacións, engade o reitor de Santiago, poderían prolongarse ata "un mes", xa que a norma aínda debe pasar polo Congreso dos Deputados e sobre ela terán "moito que dicir" órganos como o Consello de Universidades e a Comisión de Política Universitaria. "Esperamos que para entón se aclaren as dúbidas, se corrixan aspectos que entendemos interpretables e moi discutibles e, polo tanto, a nosa esperanza está en que se escoiten as partes interesadas no tema", sinala Casares.

"Erros" e "mala redacción" na normativa do Ministerio

Mentres no exterior de San Caetano delegados dos sindicatos educativos e representantes da Liga Estudantil Galega se manifestaban contra os recortes os reitores advertían de que a suba das taxas non é o único elemento do Real Decreto que suscita a súa discrepancia. Neste sentido, Xosé Luís Armesto explica que non é viable medir "a dedicación dos docentes" en créditos ECTS -os implantados coa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior-. Este método "mide o esforzo do estudante en conseguir un cŕedito, que son 25 horas, e non mide a dedicación do profesor. Na mesma liña, Salustiano Mato advirte de que este non é un rexeitamento a incrementar o traballo do profesorado universitario, senón a un decreto con "erros técnicos e mala redacción".

Os reitores rexeitan que os bolseiros teñan que ter "un rendemento superior" ao resto do alumnado para poderen estudar

Do mesmo xeito, e aínda que polo momento o reducen á categoría de "globo sonda", os reitores galegos están tamén alerta ante a posibilidade de que o Ministerio endureza as condicións para acceder ás bolsas universitarias. Tras as declaracións lanzadas por Wert neste sentido, Armesto, Casares e Mato subliñan que este precepto "aínda non está por escrito", se ben o reitor da Coruña xa advirte de que sería "inxusto" que quen é bolseiro deba ter un rendemento "superior" que o resto do estudantado. "En calquera caso, entendemos que son opinións, declaracións globo sonda que non están plasmados en ningunha decisión política", salienta.

Os reitores, nunha xuntanza con Jesús Vázquez o pasado ano © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.