Máis alá da punta do iceberg: a web profunda

Un iceberg Dominio Público Praza Pública

Rechouchíame, o blog de tecnoloxia e redes sociais de Praza Pública, estréase cun post sobre a deep web, contidos non indexados por buscadores que representan ao redor do 96% da parte de acceso público da rede.

Estamos acostumad@s a escoitar falar do infinito da rede. Todo un océano sen fin de sitios web e contidos que nin sequera somos capaces de asimilar. Ben, e se che dixéramos que a maioría de nós utilizamos nada máis que o 4% do que existe na rede? Imaxinémolo como se fose un iceberg. Estes grandes bloques de xeo flotantes amosan en superficie soamente a punta, escondendo baixo a auga a meirande parte da súa masa. 
Ben, o mesmo acontece con Internet. Debaixo da Web Superficial onde todos nos movemos: portais, redes sociais, blogs… está o que se coñece como Deep Web ou Web Profunda. Os contidos desta parte da rede non son indexados polos buscadores como Google ou Bing. A maneira de acceder é distinta. 

E se che dixéramos que a maioría de nós utilizamos nada máis que o 4% do que existe na rede? Imaxinémolo como se fose un iceberg

O primeiro que se debe aprender da Web Profunda é que non é segura. Cada busca que fagamos aquí pode ser monitorizada e os nosos datos poderían verse comprometidos, por non falar da integridade do noso software. Os seus enderezos web non seguen a estrutura palabra.gal ou termo.com. Normalmente estes enderezos están compostos por combinacións aleatorias de letras e a extensión .onion ("cebola" en inglés).

Tampouco podemos acceder a ela desde un navegador como Safari, Chrome ou Firefox. O sistema de acceso máis utilizado é Tor (The Onion Router). Unha alusión directa ao funcionamento da Deep Web. Tratase dun sistema de capas (coma as dunha cebola) que elimina o rastro de busca. O rastrexo da IP do usuario convértese nunha tarefa titánica. Uns usuarios tapan aos outros configurando unha rede na que a privacidade é moi forte.

Non podemos acceder a ela desde un navegador como Safari, Chrome ou Firefox. O sistema de acceso máis utilizado é Tor (The Onion Router)

Precisamente esta clandestinidade do usuario é a que posibilita que nesta parte da rede atopemos todo tipo de contidos ilegais. En portais como Agora ou Pandora podemos mercar drogas, armas, documentación falsa e ata contratar sicarios -na meirande parte dos casos son estafas-.  A peor parte sen dúbida é a gran cantidade de contidos relacionados coa pedofilia que se poden atopar na web profunda. Cuestión na que poñen o acento os hackers da policía de delitos informáticos. 

En países onde está prohibida a navegación libre, a existencia da Web Profunda é fundamental

Máis aló do mundo da delicuencia, a Deep Web constitúe unha arma para loitar contra a censura e a espionaxe na rede. Os datos, a nosa privacidade, son o gran tesouro da nosa época. Expertos na materia falan da necesidade de estender e simplificar estes sistemas, por exemplo, en servizos como o correo electrónico. Dentro do mundo do xornalismo, algúns consideran que sería fundamental na protección das súas fontes. En países onde está prohibida a navegación libre, a existencia da Web Profunda é fundamental. 

A liña entre privacidade e clandestinidade supón o principal punto de discordia en canto á Web Profunda. A solución ao debate non semella sinxela. 

Un iceberg Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.