Centros de Betanzos, Bueu, Monforte e O Rosal, premiados polo Ministerio de Educación

Capa da aplicación de loita contra o lume desenvolvida polos dous centros galegos Dominio Público Praza Pública

O Ministerio de Educación concedeu hai uns días os Premios Nacionales de Educación para o ensino non universitario, recoñecendo o traballo e os proxecto de catro centros galegos: o CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos), o CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu) e, de forma conxunta, o IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos) e CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal). Cada un destes tres proxectos recibiu, ademais, dez mil euros.

O IES Francisco Daviña Rey e o CPI Manuel Suárez Marquier foron galardoados na categoría de Proxectos de colaboración no ámbito das TIC polo proxecto "Monte sen lume". Ao abeiro desta actividades o alumnado de ambos os dous centros elaborou información, enquisas e entrevistas, entre outros contidos, sobre a prevención, a extinción, as causas e as consecuencias dos lumes, os mitos existentes sobre os incendios forestais. A web do proxecto inclúe xogos para promover a concienciación sobre o impacto dos lumes e tamén unha aplicación para dispositivos móbiles.

Esta app, dispoñible para sistemas Android, permite chamar automaticamente aos servizos de urxencia avisando dun incendio forestal e enviando directamente a nosa localización por GPS, calcula a velocidade de avance dun incendio en función do vento ou da pendiente, determina o risco de incendio en función do vento, temperatura e humidade relativa. Ademais, calcula o custe económico provocado por un incendio forestal e a súa extinción e facilita o cálculo da distancia entre dous puntos ou da superficie queimada.

 

Os outros premios

O CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos) levou o premio á Inclusión do Alumnado con Necesidades Educativas Especiais polo proxecto "Atención á diversidade a través da sensibilización e da formación permanente. Seguimos ou plantamos?", que se pode consultar nesta ligazón. O proxecto incluíu a organización de xornadas de formación e sensibilización e a realización de enquisas a familias e docentes.

Finalmente, o CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu) foi recoñecido na categoría de Desenvolvemento de Competencias de Lectoescritura e Audiovisuais polo proxecto "Expresámonos a través de diferentes linguaxes", que agrupaba distintos programa e actuacións realizadas por este centro para mellorar as capacidades do alumnado, tanto na lectura, a escrita, o cálculo, a comprensión e utilización das linguaxes audiovisuais ou a convivencia escolar.

Capa da aplicación de loita contra o lume desenvolvida polos dous centros galegos Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.