O PPdeG defende os graos de 3 anos, que para o PSdeG benefician ás privadas

Claustro da Universidade de Vigo, celebrado este martes © Uvigo

O debate sobre o novo modelo universitario propiciado polo decreto que cambia a estrutura de graos e posgraos intensifícase. O proxecto prevé implantar a partir do curso 2016-17 unha estrutura de graos de 3 anos e posgraos de 2, fronte á actual de 4+1. A pasada semana o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto criticou no Claustro un cambio "precipitado e inoportuno porque aínda non tivemos tempo de avaliar os resultados da implantación dos graos" e que, dixo, "elevará o custe da formación universitaria para o estudantado porque os prezos de matrícula dos posgraos son superiores aos dos graos”. Este martes foi a portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Concepción Burgo, a que denunciou que "o novo sistema universitario que quere impoñer o goberno co beneplácito da Xunta beneficia s universidades privadas”.

Para o PSdeG, o PP “quere atacar ao modelo de universidade pública e camiñar a unha Universidade de elite á que só poidan acceder os cidadáns con maior poder adquisitivo"

O PSdeG-PSOE presentou unha proposición non de Lei, rexeitada polo PP, que pedía para que a Xunta se reunise cos tres reitores galegos para tratar esta cuestión e trasladarlle posteriormente a súa visión ao Goberno central. Burgo advertiu que a implantación deste novo modelo "sumirá no caos e a confusión” as universidades e alumnado, que aínda esán implantando o modelo de 4 anos de grao e un de master –consensuado en 2007-. Ademais, lembrou que o modelo de 3+2 carece de consenso e resulta moito máis caro para os e as estudantes, xa que os máster triplican os prezos dos graos. Burgo salientou que esta proposta conta co informe negativo da Conferencia de Reitores Universitarios de España.

Para a deputada socialista o PP “quere atacar ao modelo de universidade pública e camiñar a unha Universidade de elite á que só poidan acceder os cidadáns con maior poder adquisitivo, perdendo a Universidade o seu papel de motor da equidade e da igualdade de oportunidades”. E criticou que o sistema sexa presentado “precisamente nun momento de redución e endurecemento das condicións para acadar unha bolsa de estudos, de incremento das taxas e de crise nas economías familiares”.

Para Román Rodríguez (PP), o modelo de graos de 4 anos "sitúanos ao carón de países como Armenia ou Azerbaián"

Pola contra, no debate que propiciou a presentación da proposición socialista o portavoz de Educación do Grupo Popular, Román Rodríguez, defendeu o proxecto do Goberno central, sinalando que “a medida adoptada no 2007 (o modelo de 4+1) alonxounos de países como Francia, Reino Unido ou Alemaña, que contan cun sistema de 3+2 ou no que conviven ambas modalidades" e, engadiu, "sitúanos ao carón de países como Armenia ou Azerbaián”. Segundo Rodríguez, o proxecto "pretende dotar de máis autonomía ás universidades para avaliar en función das súas características a conveniencia de ofertar titulacións na modalidade pola que opte". E, ademais, “posibilitará que os alumnos teñan maior liberdade de eleccións e capacidade de inserción no mercado de traballo”.

 

Claustro na Universidade de Vigo

Mentres, a Universidade de Vigo celebrou o derradeiro Claustro do ano, que serviu para aprobar o orzamento para 2015 e para presentar as liñas de planificación plurianual 2015-2018. O orzamento increméntase nun 3,5% e acada os 165,2 millóns de euros, constituíndo a primeira suba, despois de permanecer tres anos conxelado. O equipo de goberno establece tres escenarios orzamentarios posibles até o 2018, que van depender do novo Plan de Financiamento do SUG que se ten que negociar coa Xunta.

O orzamento da Universidade de Vigo increméntase nun 3,5% e acada os 165,2 millóns de euros, constituíndo a primeira suba, despois de permanecer tres anos conxelado

O vicerreitor de Economía subliñou que a posición da Universidade nesta negociación basearase en defender un incremento e vinculación dos fondos totais destinados por parte da Xunta ao SUG con indicadores de crecemento obxectivos, como a taxa de crecemento dos ingresos non financeiros da Xunta ou a taxa de crecemento do orzamento da propia administración autonómica. No Claustro, o reitor Salustiano Mato salientou a cifra de captación de recursos de I+D+i que, dixo, "supera xa o 20 millóns de euros”, entre proxectos europeos, nacionais e autonómicos, contratos e informes e infraestruturas científico-técnicas.

Claustro da Universidade de Vigo, celebrado este martes © Uvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.