E a 'mazá' en galego, para cando?

Captura de pantalla da web da campaña Dominio Público http://queremosapplegalego.me/

En decembro botou a andar Queremos Apple Galego!, unha iniciativa que busca a tradución de todos os sistemas operativos dos dispositivos de Apple (OS e iOS) ao galego. Nos últimos tempos campañas semellantes, dirixidas a Twitter ou a Google (para a tradución de Android) conseguiron, grazas ao traballo conxunto e sistemático dos e das internautas, que hoxe o galego sexa unha lingua máis nesa rede social e nese sistema operativo.

Polo de agora, a actividade de Queremos Apple Galego! está centrada aínda no lanzamento da campaña, a publicación dunha web e á difusión dun manifesto e ao envío de tuits ao máximo responsable da compañía da mazáTim Cook: "Hi @tim_cook, I want to take my #OS and #iOS in Galician! When will it be possible? @AppleEnGalego #AppleInGalician". Ademais, na páxina da campaña xa difundiron hai unhas semanas algúns truco para que o sistema operativo de Apple corrixa os textos en galego.

Nos vindeiros meses poranse en marcha novas accións para que a empresa tome conciencia da relevancia social do idioma galego, cunha importante pegada nas novas tecnoloxías

Nos vindeiros meses poranse en marcha novas accións para que a empresa tome conciencia da relevancia social do idioma galego, cunha importante pegada nas novas tecnoloxías: "É unha intención partillada a que nos chama: termos os nosos aparellos en galego e mais pular polo noso idioma, que non está a pasar bos momentos. É de destacar o alto emprego do galego na rede, non só pola súa importante presenza nas redes sociais (chegando a ser a 20ª lingua máis empregada no Twitter no ano 2009), senón tamén pola existencia de potentes grupos de tradutores de software (especialmente software libre) e de moi activos desenvolvedores de aplicacións do máis diversas", destacan.

Porén, malia as estatísticas de uso do noso idioma na rede, Apple aínda non incluíu o galego como lingua do seu sistema operativo. No iOS8, así como nas últimas versións de OSX, permítese configurar a lingua principal como a galega, mais a maioría dos seus contidos non están traducidos. "Cremos que Apple ten que facer os deberes e rematar coa discriminación que está a sufrir a nosa lingua. Neste senso, lanzamos a nosa campaña #AppleEnGalego", din.

En breve a campaña iniciará a recollida de sinaturas ao redor do manifesto que xa se pode ler na súa web. "En Apple non existe problema técnico ningún para a incorporación do galego. Tanto OSX como iOS están preparados para facer o que lle pedimos", salienta Diego Boquete. "Os cataláns xa o conseguiron hai algún tempo; polo tanto, incluír o galego só dependen que queiran, e esperemos que oian á súa clientela. De todas formas, para o catalán contaron con algo co que en Galiza nin o hai nin se lle espera, que é unha administración que crea e defenda a súa lingua", engade.

"Os cataláns xa o conseguiron hai algún tempo. Pero para o catalán contaron con algo co que en Galiza nin o hai nin se lle espera, que é unha administración que crea e defenda a súa lingua"

Boquete destaca a importancia que nunha campaña coma esta terá a participación dos e das usuarias galegas de apple, e dos e das internautas no seu conxunto: "Como en todas as peticións ás empresas, é importante que todas as persoas que defenden a nosa lingua se involucren; evidentemente canto maior sexa o número de clientes maior pode ser a repercusión para Apple, pero toda a cidadanía galega é potencial cliente dos produtos da mazá".

"Canto maior sexa o número de clientes maior pode ser a repercusión para Apple, pero toda a cidadanía galega é potencial cliente dos produtos da mazá"

O obxectivo final, conclúe, é "a normalidade". "Non podemos aceptar que haxa produtos que se vendan no noso país e non inclúan a súa lingua, e máis cando falamos de produtos, como no caso de Apple, que están cada vez máis introducidos no ensino", engade. "Estamos nun momento moi delicado para a nosa lingua dado o nulo apoio, cando non ataque, que recibe da administración galega. Polo tanto, non podemos deixar ningún ámbito sen traballar nel, e como exemplo temos a manifestación do 8 febreiro de Queremos Galego, todas as que defendamos o galego temos que estar ese día na rúa en Compostela", conclúe.

Captura de pantalla da web da campaña Dominio Público http://queremosapplegalego.me/
Unha das imaxes da campaña Dominio Público http://queremosapplegalego.me/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.