0 Gardados para despois

Estudante 'de letras', sen cartos e cun suspenso: sen bolsa

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Carme estuda primeiro curso de Dereito. Nos seus primeiros meses de universidade as cousas non lle van mal, vai sacando adiante sen grandes dificultades a práctica totalidade das materias. Vivía en Ourense coa súa nai, nun fogar no que entran pouco máis de 10.000 euros ao ano procedentes dunha prestación por desemprego pero, grazas a unha bolsa, estuda en Santiago e vai vivindo. Pero non todo é positivo. No primeiro curso hai unha materia que case ninguén é quen de superar á primeira, un óso que Carme tampouco foi quen de roer. Suspendeuna e o ano que vén non poderá seguir en Compostela, queda sen bolsa e fin da aventura.

Este pequena descrición dunha hipotética estudante á que a falta de cartos lle trunca a carreira, as ilusións e o futuro profesional deixará de ser imaxinaria en poucos meses. Concretamente, cando o Goberno central materialice os plans que o Ministerio de Educación aínda non lle transmitiu formalmente ao conxunto da sociedade, pero que xa lle comunicou á Unión Europea. No denominado Plan Nacional de Reformas, o documento que o Estado lle vén de remitir ás autoridades comunitarias para informalas do xeito en que cumprirá os esixentes límites de déficit, o gabinete de Mariano Rajoy inclúe un epígrafe dedicado ao "fomento da eficiencia na política de bolsas" que pode resultar unha verdaeira bomba nas expectativas do estudantado con menos recursos económicos.

A bolsa compensatoria recibírona neste curso estudantes cuxa renda, nunha familia de dous membros, non superou os 10.600 euros anuais

Ademais da suba das taxas xa anunciada polo departamento que dirixe José Ignacio Wert o Executivo central anúncialle á UE que aplicará unha "modificación do réxime de becas", unha mudanza que será especialmente lesiva para o alumnado que recibe as coñecidas como "bolsas salario" ou "bolsas compensatorias", as axudas ao estudo de maior contía que non só cobren aspectos como a matrícula ou a residencia, senón tamén a manutención daqueles estudantes que, por exemplo, non teñen cartos dabondo para irse formar a outra cidade, por moi próxima que estea. Segundo figura no plan gobernamental a partir do curso 2012-2013 elevaranse os requisitos académicos para acceder a estas bolsas. Dende ese momento, "para ter dereito a unha bolsa salario/axuda compensatoria os estudantes universitarios" terán que acceder á universidade "cunha nota media de 6,0 puntos" e "para a súa renovación en cursos posteriores deberán superar a totalidade dos créditos matriculados", isto é, unha soa materia suspensa equivale a perder a bolsa. Só haberá unha "excepción": os estudantes de Enxeñaría e Arquitectura poderán quedar no 85% de aprobados.

Pero non só se verán afectados polo recorte os perceptores de bolsas compensatorias, ou o que é o mesmo, os estudantes en cuxas familias só entran 7.200 euros ao ano, se son de dous membros, ou 10.600, se son de tres -segundo os umbrais de renda establecidos polo Ministerio-. Para acceder a calquera bolsa universitaria non abondará con aprobar as probas de acceso á universidade. Quen quede por baixo dos 5,5 puntos na selectividade, "con exclusión da fase específica", xa non terá axuda. Ademais, "para renovar a bolsa en segundo e posteriores cursos", será imprescindible ter superado o 65% dos créditos en Arquitectura e Enxeñaría  e o 90% nas demais. Ata agora, os límites estaban no 60% e no 80%, respectivamente. Do mesmo xeito, "non formarán parte da bolsa de matrícula os créditos que se matriculen por segunda ou sucesivas veces", os mesmos que ademais soben de prezo, e no caso dos másters, non haberá axudas para ninguén que non teña "unha nota media de 6,5 puntos nos estudos previos".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.