0 Gardados para despois

“Queren cambiar o modelo e abrir a universidade pública ao mercado privado”

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


“É unha situación crítica”. As medidas previstas polo Goberno no Real Decreto-Lei 14/2012 pon en vilo ás universidades. Os mecanismos propostos para a valoración da dedicación docente e investigadora, a regulación de varios aspectos que vulneran a autonomía dos centros e, sobre todo, a anunciada suba das taxas teñen en pé de guerra á comunidade universitaria.  “É un intento de cambio de modelo, un intento de privatización das universidades para abrir a educación superior ao mercado privado”.

 

O prezo das taxas e a calidade do profesorado sempre foron mellores na universidade pública, "xusto as dúas cousas que agora o Goberno quere cambiar con este decreto"

Quen así fala é Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo da USC e voceira da CIG para temas de Universidade. Na súa opinión, o intento do Goberno central non é outro que igualar os factores de competitividade da educación superior pública e privada para beneficiar así a esta última. “O que dificulta a extensión e proliferación da universidade privada sempre foi o elevado prezo das taxas e a menor calidade do profesorado; xusto o que agora o Executivo pretende cambiar co novo decreto”, explica. De feito, o plan de estabilidade que o Executivo central enviou a Bruxelas dio claramente. "Prevese unha redución do profesorado e do cadro de persoal, unha medida vinculada á suba das taxas, porque todo está relacionado", explica a portavoz da central nacionalista, que cre que o propósito final non é outro que "un menor acceso dos estudantes" á ensinanza superior. 

A intención non é outra que lograr que a educación privada poida competir na oferta coa pública. Coa suba das taxas que impón o Goberno, e que pode supoñer un aumento de case o 70%, o importe a pagar polos estudantes “non será tan diferente entre unha universidade e outra”. O descenso no número de profesores busca o mesmo obxectivo, igualar as condicións coa privada, pero cunha consecuencia aínda peor. “Cada vez van ter máis dificultades para facer investigación porque terán unha función de profesorado de ensino medio, envorcado na docencia, pero con escaso transvase á investigación”, explica Nogueira, que advirte do problema de futuro que estas eivas suporán para a sociedade en xeral.

 

"Feijóo reducirá o orzamento das universidades e acabará abocándoas a subir as taxas"

En definitiva, e segundo Nogueira, o Executivo procura un desprestixio e empobrecemento da universidade pública para acabar favorecendo á privada e á inclusión do mundo empresarial na ensinanza superior. Ademais, e en canto á promesa de Feijóo de non subir as taxas universitarias, tal e como recomenda o Estado, Nogueira cre que o presidente da Xunta “acabará abocando as universidades a facelo”.

“Rajoy xa lle dixo a Bruxelas que ía limitar as transferencias á educación e a Xunta reducirá o seu orzamento para que as tres universidades elixan entre cobrar máis a cada alumno ou quedar nunha peor situación”. De feito, iso mesmo se deduciu das palabras do xefe do Executivo galego, cando recomendou aos tres reitores galegos a decidir se “poden seguir subsistindo sen necesidades de máis recursos”. Para a voceira da CIG, as palabras de Feijóo non foron máis que “unha promesa preelectoral a poucos meses das eleccións”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Manifestación e moblizacións das dúas plataformas polo ensino público

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público formada por CIG, BNG, Galiza Nova, Liga e AS-PG, entre outros colectivos, manifestouse este martes contra os recortes en educación en varias comarcas do país. A concentración principal realizouse en Santiago, na Praza do Toural, a partir das 19.30 horas, a mesma hora elixida nas principais cidades galegas. 

Ademais, esta mesma plataforma anunciou o seu apoio á folga estudiantil que se levará a cabo o vindeiro xoves 10 de maio e tamén a participación nos peches rotativos que se realizarán en diferentes centros. Ademais, tamén estará presente na manifestación nacional que se celebrará en Santiago o próximo 3 de xuño en defensa dos servizos públicos e na que tamén protestarán os diferentes colectivos en defensa da sanidade pública. 

"Estamos ante unha cruzada contra todo o que é publico para camiñar cara a súa destrución e privatización", asegura Anxo Louzao, secretario xeral de CIG-Ensino, que cre que "só coa mobilización" se pode loitar contra "as poíticas antisociais contra o Estado de Benestar". "Non imos axeonllarnos, senón que imos combater", insiste. 

Ademais, a Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia, a composta por CCOO-Ensino, FETE-UGT e CSI-F, Confapa, Iesga ou o Sindicato de Estaduantes, presentou Compostela o calendario de mobilizacións contra os recortes. "A data máis sinalada" para este colectivo, que é unha delegación na comunidade da plataforma a nivel estatal, será o 22 de maio, día no que está convocada unha xornada "de loita". "En función da evolución dos acontecementos podería ser unha folga do sector ou outro tipo de acción", explicaron.

Pero haberá máis, a primeira acción será "solicitar unha entrevista co conselleiro" de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, ademais de apoiar as diferentes manifestacións convocados o próximo xoves día 10 con motivo da folga estudiantil. A plataforma convida o profesorado "a participar nas concentracións ás portas dos centros educativos".

O xoves 10, data da folga estudantil, están convocadas manifestacións ás 12 horas en Santiago de Compostela, con saída desde a Alameda; na Coruña, desde praza da Palloza; en Ferrol, con saída do edificio da Xunta; e en Vigo, desde a praza de América.