Un estudo da Uvigo e a USC subliña a falta de mulleres nas spin-off universitarias

As profesoras Sara Fernández e María Jesús Rodríguez Gulías, dúas das autoras do estudo © Uvigo

As profesores María Jesús Rodríguez Gulías, da Universidade de Vigo, e Sara Fernández e David Rodeiro, da Universidade de Santiago, veñen de presentar o estudo A orixe universitaria como mitigador do efecto xénero nas spin-off españolas, no que analizan a presenza de mulleres nas empresas nacidas dende as universidades españolas. As investigadoras analizaron a evolución entre 2001 e 2010 de 120 empresas xurdidas das aulas e laboratorios universitarios. E os resultados amosaron claramente a baixa presenza feminina neste tipo de empresas, xa que tan só un 22% das spin-off estudadas contaba con algunha muller entre os seus socios, fronte ao 78% das empresas formadas exclusivamente por homes e que non tiñan nin unha soa muller entre os seus fundadores ou socios.

Os resultados amosaron claramente a baixa presenza feminina neste tipo de empresas, xa que tan só un 22% das spin-off estudadas contaba con algunha muller entre os seus socios

Trátase do primeiro estudo empírico que analiza as diferenzas de xénero nos recursos iniciais (financeiros, humanos, sociais e tecnolóxicos) e no crecemento en vendas e en emprego das spin-off universitarias. A investigación conclúe que estas variables non difiren entre as empresas creadas por mulleres e as fundadas exclusivamente por homes.

Rodríguez Gulías, Fernández e Rodeiro tamén analizaron o crecemento empresarial das diferentes compañías que participaron na mostra. Os resultados desvelaron que nas spin-off impulsadas por mulleres, o crecemento produciuse dun xeito "máis suave e sostido", roldando nos últimos anos da análise os 1,5 millóns de euros de media. Porén, nas empresas con participación exclusivamente masculina as vendas acadan un importante crecemento ata o ano 2007, exercicio no que superan os 2,5 millóns de euros de media, para despois caer de forma drástica ao ano seguinte, chegando a situarse de novo en valores próximos a 2005. Esta evolución “parece indicar que a cifra de negocios das spin-off participadas exclusivamente por homes viuse afectada pola crise económica iniciada en 2007 en maior medida que as spin-off femininas”, conclúen.

"A cifra de negocios das spin-off participadas exclusivamente por homes viuse afectada pola crise económica en maior medida que as 'femininas'”

En canto ao crecemento no número medio de empregados e empregadas, “a tendencia no caso das empresas femininas semella máis estable”, acadando unha media de 18 traballadores en 2010. Pola súa banda, as masculinas presentan maiores fluctuacións e pasan de ter un máximo de 17 traballadores en 2007 a unha media de 12 no último exercicio analizado, en 2010.

As profesoras Sara Fernández e María Jesús Rodríguez Gulías, dúas das autoras do estudo © Uvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.