0 Gardados para despois

Avenida Castelao S/N

Redacción | @prazapublica

Unha "alumna indignada" remítenos unha carta na que denuncia a degradación da calidade do ensino na universidade pública por mor dos recortes e critica, en concreto que "varios profesor@s do departamento de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC van perder os seus postos de traballo", polo que outros docentes van ter que ocupar esas horas, co dobre de tarefas.

 

Nun marabilloso manual de introdución á literatura comparada o grande estudoso Armando Gnisci conclúe con estas verbas de Salman Rushdie o prólogo da súa obra:
“Se a democracia xa non ten ao comunismo para axudala a esclarecer, por oposición, as súas propias ideas, quizais terá á literatura como adversaria” Traballamos para explicar a dobrez dubidosa deste “quizais”. (Armando Gnisci)

As materias que antes impartían el@s terán que ser asumidas polos seus compañeiros, cargados co dobre de tarefas nas que, na maioría dos casos, non estarán tan especializados como os seus ex colegas

Nos tempos que corren, nos que dá vergoña chamarlle democracia a un goberno ao que o “demos” (“pobo” en grego) pouco lle importa habería que botar man de máis da literatura para tentar saír da bosteira profunda na que o sistema capitalista esgotado e un goberno retrógado nos teñen afundidos. Pero como é a literatura a disciplina que estudo e da que creo que sei un chisquiño (non tanto como quixera) voume atrever a falar dende este punto de vista. Hai uns días chegou aos meus oídos que, por mor desta marabillosa política de recortes á imitación da marca Merkel, varios profesor@s do departamento de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC van perder os seus postos de traballo; isto significa, entre outras cousas, que as materias que antes impartían el@s terán que ser asumidas polos seus compañeiros, cargados co dobre de tarefas nas que, na maioría dos casos, non estarán tan especializados como os seus ex colegas (iso se segue habendo alumnos aos que impartir materias, porque tendo en conta a subida das taxas …). É dicir, a calidade da educación mermará.

Diante do meu ordenador, lendo as noticias, morro da rabia ao saber desta nova. Para min, e para outros moitos alumnos, o descubrimento desta área de estudo da literatura marcou un antes e un despois tanto no ámbito académico coma fora deste. Trátase, para aqueles que non a coñezan, dunhas rama que vai máis alá da concepción do fenómeno “literatura” como un listado ordenado cronoloxicamente de movementos, autores e obras que hai que estudar e memorizar no instituto. É unha materia que obriga a indagar nos miolos da literatura, dos textos (entendidos nun sentido amplo), das sociedades que os producen, das culturas que os reciben, que os consumen e os asumen. Trátase de analizar e comprender o mundo que nos rodea a través da literatura, parola tan sinxela que esconde grandes complexidades. Trátase, a fin de contas, de desenvolver un espírito crítico no estudante e darlle ferramentas para que saiba afrontar un texto, o que a fin de contas, tamén pode significar saber afrontar a vida.

Estásenos privando dun dereito que é noso, o dereito de formarnos como persoas e como profesionais

Botar á rúa a estes profesores, a calquera profesor, recortar neste ámbito implica un empeoramento na educación e na formación pública, dar un paso atrás no que tanta suor custou acadar. Estásenos privando dun dereito que é noso, o dereito de formarnos como persoas e como profesionais. E o peor é que nos teñen tan ocupados, afogados e inmersos nun absurdo plan de estudos capitalista (o famoso Plan Bolonia) cuxo único obxectivo é a criba e a merma do espírito crítico, que conseguen ternos tan entretidos cunha carga de traballo diario e unha asistencia a clase estritamente obrigatoria (canto menos ocio mellor, non vaia a ser que se nos dea por pensar) que pouco nos percatamos do que acontece ao noso redor.

Non é xusto o que está a acontecer. Non é xusto que profesionais formados e pagados por este país non lle poidan devolver o que se investiu neles. Non é xusto que estas persoas se vexan obrigadas á emigración cara lugares onde si poidan adicarse ao que mellor saben facer, para o que mellor están preparados. Non é xusto que se nos prive a nós, @s alumn@s, dunha educación digna e de calidade, educación para a que os nosos país levan traballando demasiado tempo e con demasiado esforzo como para que unas medidas feitas por ineptos tiren abaixo os nosos soños tan facilmente.

Non é xusto que se nos prive a nós, @s alumn@s, dunha educación digna e de calidade, educación para a que os nosos país levan traballando demasiado tempo e con demasiado esforzo como para que unas medidas feitas por ineptos tiren abaixo os nosos soños tan facilmente

Nun curioso libro de A. Cèsaire no que fala do colonialismo hai unha escena moi coñecida no que o colonizado rebélase contra o colonizador e pronuncia, parafraseando, algo así como “Ensináchesme a falar na túa lingua e na túa lingua voute maldicir”. Gustaríame utilizar este fragmento pero invertido en positivo e dándolle outro sentido para explicar o por que destas miñas verbas: vos, profesores en xeral, e desta materia en particular, déstesme as ferramentas para comezar a ter un punto de vista crítico do mundo que me rodea. É este punto de vista o que me fai percatarme da inxustiza que se está cometendo e escribir este fragmento simbólico dedicado, especialmente, a todos aqueles que, citando de novo a Gnisci, tentan (e de seguro tentarán aínda que sexa noutro país) explicar a dobrez dubidosa dese “quizais”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.