0 Gardados para despois

Milleiros de estudantes saen á rúa en Galicia contra os recortes

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Milleiros de estudantes do ensino medio e universitario saíron á rúa este xoves en diversas vilas e cidades de Galicia, especialmente en Santiago, para amosar o seu rexeitamento aos recortes levados a cabo polo Goberno central na educación pública. Fixérono no mesmo día dunha xornada de folga nos dous niveis educativos.

"Queremos estudar e non emigrar", berraron os manifestantes

Non aos recortes no ensino público foi o lema da principal das varias concentracións convocadas. As máis concorridas, as da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que agrupa os colectivos do ámbito nacionalista, e que xuntou varios milleiros de persoas na manifestación que partiu da praza do Toural en Compostela e á que se acabaron unindo os citados pola Plataforma en Defensa do Ensino Público, que conta co apoio de CCOO e UGT, e que contou con menor apoio.

Uns e outros, xa agrupados, berraron “este decreto ímolo queimar” ou “quero formarme, non deformarme” en protesta contra os recortes, o incremento da ratio de alumnos por aula, a diminución das partidas para as bolsas de estudo e, principalmente, contra a suba das taxas universitarias. Ademais, os estudantes centraron tamén as súas críticas no conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, do que solicitaron a “dimisión” e ao que lembraron que queren “estudar e non emigrar”.

En canto ao seguimento da folga, o responsable nacional dos Comités, Daniel Candal, así como Diotino González, un dos voceiros da Liga Estudantil, aseguran que o paro "foi moi seguido" na Universidade de Santiago de Compostela, pero tamén na de Vigo. Ana Barxa, responsable de campus dos Comités na UdC cifrou o seguimento "entre un 80 e un 90%" nos centros universitarios e "maioritario" no ensino medio.

Durante a manifestación en Santiago, Ana Pontón, voceira parlamentaria do BNG, manifestou o seu rexeitamento a un decreto do Goberno que “agocha unha política desinada a desmantelar a educación pública” para acabar conformando “un modelo de educación elitista”. Pola súa banda, Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, pediulle ao presidenta da Xunta, Núñez Feijóo, que "recorra xa o decreto" e que "non o aplique" no país para poñer fin así "á liquidación dos servizos públicos". Ademais, o líder sindical censurou que o xefe do Executivo "presuma e se chulee de ter aplicado recortes con anterioridade". 

Precisamente, en opinión do presidente da Xunta tanto as manifestacións contra a suba das taxas universitarias como o resto de mobilizacións contra os recortes no ensino ou na sanidade non responden estritamente á inquedanza da cidadanía. Para Alberto Núñez Feijóo as protestas están "perfectamente previstas, preparadas e organizadas dende distintas sedes en todo o territorio" do Estado. Para apoiar a súa teoría o xefe do Goberno galego botou man, tras a xuntanza semanal do Consello da Xunta, dun "teletipo que acabo de ver" segundo o cal "na cidade de Zaragoza" se producen unhas "60 manifestacións ao mes". "En Zaragoza hai un alcalde do PSOE e un Goberno do PP e do PAR", evidencia.

Feijóo cre que as protestas están "perfectamente previstas, preparadas e organizadas dende distintas sedes en toda España"

Neste contexto Feijóo asegura crer "no sentido común de Galicia" aínda que di que estará "moi atentos á manifestacións no resto de España" e a "algunha" que "supón" que tamén haberá "aquí". Non obstante, o titular da Xunta asegura estar "satisfeito" coa "responsabilidade" dos axentes sociais en Galicia e, nomeadamente, gábase do "diálogo" que mantén coas centrais sindicais. "Respectamos as súas posturas, ás veces compartímolos e outras, non", pero, en todo caso, di, "eu dedícome a facer hospitais públicos" mentres outras autonomías os "pechan", "eu dedícome a seguir pagando facturas" e outras autonomías "teñen que estar sometidas ao rescate" do Estado. "Estes son os datos", afirma o presidente nun contexto no que, en calquera caso, "os que durante oito anos foron confeccionando esta situación non teñen lexitimidade para poñerse á fronte destas manifestacións". "Eu, non sería capaz de facelo", conclúe.

Pola súa banda, a Federación do Ensino de CCOO de Galicia valorou como "un xesto de forza" a xornada de mobilizacións e incidiu na importancia de "unificar as forzas para rexeitar de xeito unánime e contundente os recortes educativos, que só están encamiñados a deteriorar a calidade do ensino público".

Desde CCOO, que apoiou estas accións reivindicativas como organización integrada na Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia, cren que os estudantes e a comunidade educativa no seu conxunto rexeitan os recortes en educación impostos tanto polo Goberno central como polo autonómico. Machús Fernández, secretaria xeral da Federación do Ensino, salienta a disposición da sociedade a defender o dereito a unha educación pública calidade, polo que "as mobilizacións continuarán mentras a política educativa non modifique a súa implicación cos futuros traballadores e traballadoras".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

CCOO denuncia "boicot" e EU pide "unidade de acción"

CCOO lamentou que existan "organizacións máis preocupadas por rebentar as manifestacións organizadas polo Sindicato de Estudantes que por traballar na mesma dirección desde a necesaria unidade de resposta". Segundo a secretaria xeral de CCOO-Ensino, Machús Fernández,  a convocatoria do Sindicato de Estudantes foi "unanimemente apoiada" en Vigo e seguida polo resto de organizacións estudantís e cidadás, pero denuncia que en Compostela deuse unha "auténtica guerra sucia" contra a manifestación que saía da Alameda. Ademais, tamén se queixa de que na Coruña "intentaron boicotear a manifestación, pero sen éxito.

Na súa opinión, resulta "inadmisible o erro na visión do inimigo" que amosan estas organizacións, "que non respectan a diferencia ideolóxica e pretenden que só se escoiten as súas consignas".

Por outra banda, Esquerda Unida realizou un chamamento público ao conxunto da comunidade educativa e da cidadanía para "a unidade de acción na defensa do ensino público galego". A coordinadora nacional da coalición, Yolanda Díaz, cre que “todas as entidades" que comparten a defensa do ensino público "deben que traballar xuntas para derrotar as privatizacións e os recortes do PP”.

Manifestacións nos centros hospitalarios

Durante a xornada de onte, ademais das manifestacións no ensino, tamén tivo lugar unha xornada de loita en defensa da sanidade pública en toda Galicia, igual ca no resto do Estado. Foron varios os centros hospitalarios que acolleron concentracións de centos de profesionais nas que esixiron "o incremento e mellora dos servizos públicos sanitarios do sistema nacional de saúde, a reforma da xestión pública do sistema para procurar unha óptima eficiencia e efectividade e a protección e coidado dos profesionais sanitarios en tanto que fonte principal de excelencia do sistema.

Os sindicatos convocantes (CCOO, UGT, CSI-F, Cemstatse e Satse) reclaman que as medidas que afecten ás condicións laborais "sexan negociadas coa súa representación legal nos ámbitos correspondentes" e a aposta pola coordinación entre o sector sanitario e sociosanitario, así como un maior investimento en atención primaria, "porque isto xerará un aforro a medio prazo en todo o sistema". Ademais, denuncian que "ao tempo que o Goberno central recorta 7.000 millóns de euros en sanidade, unha cantidade similar irá destinada ao rescate de Bankia", diñeiro que "sae dos impostos dos cidadáns"