Chuza! lanza o proxecto dunha web colaborativa de preguntas e respostas

Portada de Chuza! Dominio Público Praza Pública

Chuza! cambia e amplía as súas actividades. Os atrancos impostos pola chamada Taxa Google, que o pasado ano introduciu a obriga para as páxinas web do pagamento dun canon por enlazar contidos protexidos por dereitos de propiedade intelectual, obríganlle a realizar certos cambios na xestión. E é que a pesar das moitas críticas recibidas, a reforma da Lei de Propiedade Intelectual segue adiante e dificulta moito a actividade dos agregadores de novas, moito máis no caso de Chuza!, xestionada por unha asociación cultural sen ánimo de lucro, e que como sinalaba hai uns meses "non podemos permitirnos taxación de ningún tipo, xa que todos os nosos esforzos tanto humanos como económicos están enfocados a actividades sen rendemento económico".

"Unha vez aclarada a súa situación legal, a intención da Asociación é reintegrar Chuza con Menéame, mantendo as nosas características propias e a nosa marca"

Por este motivo a Asociación Cultural Chuza! anuncia que deixa de prestar servizo ao agregador de noticias, que pasa a ser xerido por unha persoa non residente no Estado español. Así mesmo, sinala que por este motivo  desenvolvemento de Chuza! "fica parado temporalmente" e que "unha vez aclarada a súa situación legal, a intención da Asociación é reintegrar Chuza con Menéame, mantendo as nosas características propias e a nosa marca, e ao mesmo tempo beneficiándonos do desenvolvemento de Menéame e incluso colaborando nese desenvolvemento". "Nestes momentos danse as condicións técnicas para lograrmos ese obxetivo, que sería o desexábel para asegurarmos o futuro da web", engade.

Aínda que a Asociación naceu co fin manter Chuza!, a entidade está en proceso de converterse nunha plataforma de apoio e difusión dos proxectos de código aberto galegos. Xa o pasado ano lanzou un certame de aplicacións de software libre e agora bota a andar outro proxecto: impulsa a posta en marcha dunha web colaborativa de preguntas e respostas, ao estilo de Quora ou StackOverflow e orientada ao público galego.

Impulsa a posta en marcha dunha web colaborativa de preguntas e respostas, ao estilo de Quora ou StackOverflow e orientada ao público galego

A asociación vén de abrir unha lista de correo para todo o mundo que queira colaborar nesta nova iniciativa. Tamén habilita un novo wiki para este propósito. "A nosa idea é involucrar ao maior número de persoas posíbel. Todo tipo de contribucións son ben recibidas", destaca. Sinala que a web de preguntas e respostas ten unha certa complexidade "ainda que cremos que é moi interesante e que actualmente está tendo bastante éxito a nivel internacional". "O éxito do proxecto depende de todos vós", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.