Eva Dafonte, premio Ada Byron

Eva Dafonte © CPEIG

O 23 de abril, ademais do Día do Libro, celébrase en todo o mundo o Día Internacional das Rapazas e as TIC, momento no que o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) aproveita para entregar o seu premio Ada Byron, que recoñece o labor das mulleres no sector das TIC e co que o Colexio quere "visibilizar a participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovación, investigadoras e líderes dun sector punteiro". Nesta ocasión a gañadora foi Eva Dafonte (Ourense, 1979).

Dafonte é a responsable das bases de datos do CERN, desde os sistemas de control de aceleradores, as aplicacións de enxeñaría e administración e os experimentos do LHC

Dafonte é enxeñeira superior en Informática e traballa na actualidade na Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra. É a subdirectora do grupo de Servizos de Bases de Datos e a responsable das bases de datos de toda a organización, desde os sistemas de control de aceleradores, as aplicacións de enxeñaría e administración e os experimentos do LHC (Gran Colisor de Hadróns). Así mesmo, a premiada é a coordinadora do centro de competencia de bases de datos do programa CERN-Openlab.

O premio foi anunciado polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, durante o evento organizado polo CESGA para celebrar o Día Internacional das Rapazas e as TIC. Suárez aludiu ao recente estudo sobre a situación laboral dos profesionais do sector TIC, presentado a semana pasada polo Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en Informática. Entre outras conclusións, destacou “a masculinización do sector, con apenas un 17% de mulleres, o que coincide coas cifras de estudantes nas titulacións universitarias tecnolóxicas no noso país”. Para o CPEIG, cómpre facerlle ver ás estudantes de Bacharelato que “a Informática tamén é cousa de rapazas. Se botamos a vista atrás, foron moitas as mulleres que xogaron un papel crucial, como Ada Byron, quen pasou á historia como a primeira programadora”.

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, destacou “a masculinización do sector, con apenas un 17% de mulleres, o que coincide coas cifras de estudantes nas titulacións universitarias tecnolóxicas no noso país”

Tamén lembrou outras figuras femininas destacadas no sector tecnolóxico: desde Grace Murray Hopper (creadora do primeiro compilador) ou Anita Borg (fundadora do Instituto da Muller e a Tecnoloxía) ata Marissa Meyer (actual presidenta de Yahoo), pasando por figuras como a ferrolá Ángela Ruíz, quen polos anos 50 ideou a “Enciclopedia mecánica”. Eva Dafonte será unha das homenaxeadas na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para o 26 de xuño.

No acto organizado no CESGA, ademais das intervencións institucionais, celebrouse unha interesante mesa redonda na que se amosou a "Visión e experiencia de tres mulleres galegas emprendedoras nas TIC", coa participación de Verónica Ramallal, socia fundadora de Pekecha.com (social media management), Mª Rosa Vázquez Rogel, CFO Appentra. (Empresa de software de computación de altas prestacións e spinoff UDC) e Mariel Martínez Estévez, ‎CEO e cofundadora de Ameiga (Empresa desenvolvedora de xogos para móbiles).

En anos anteriores o premio Ada Byron recoñeceu o traballo de Bertha Guijarro (vicecoordinadora-responsable científica do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC), Susana Ladra (enxeñeira informática, profesora da UDC e vicedecana de Organización Académica na Facultade de Informática) e Luz Castro (enxeñeira Informática e socia fundadora de Imaxin Software).

 

Bolsa de Galpón para o 'Campus Tecnológico UGR para Chicas 2015'

GALPon convoca unha bolsa para rapazas estudantes en Galicia para asistir ao Campus Tecnológico UGR para Chicas 2015 que organiza a Universidade de Granada. A bolsa ten un importe máximo de 1.000 euros e poderán acceder a ela alumnas de 3º ou 4º da ESO, de Bacharelato ou de Módulos Profesionais de centros de ensino galegos que teñan entre 14 e 18 anos.

A bolsa ten un importe máximo de 1.000 euros e poderán acceder a ela alumnas de 3º ou 4º da ESO, de Bacharelato ou de Módulos Profesionais de centros de ensino galegos que teñan entre 14 e 18 anos

A candidata terá que enviar unha carta ou vídeo de presentación de candidatura, na que conte que é o que a motiva a asistir a este Campus.
Tamén será obrigatorio o envío dun e-mail da persoa responsable do centro ou docente de tecnoloxía na que expoña en detalle os méritos da candidata, e na que tamén faga unha "recomendación" de por que considera que pode ser merecedora desta bolsa.

Concluído o Campus e xa de volta en Galicia, a beneficiaria da bolsa elaborará un artigo, baixo a forma literaria que considere oportuna, ou un vídeo-blog, no que exporá a experiencia vivida para que sirva de referencia a outras escolantes da súa idade e con inquedanzas semellantes. Este artigo ou vídeo deberá liberalo baixo unha licenza que permita a súa libre difusión e a súa reutilización (CC by-SA ou semellante).

Eva Dafonte © CPEIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.