0 Gardados para despois

Docentes, investigadores, PAS e estudantes preparan un "marzo quente" na USC

Redacción | @prazapublica

A USC pasou nos últimos tres anos dun orzamento -euros reais- de 269 millóns en 2009 a 222 millóns en 2012. Esta redución do vinte por cento no orzamento é o que está levando ás sucesivas propostas e ameazas de redución de persoal en todas as áreas. Segundo Antonio Pérez Casas, do colectivo de PAS A Trabe, o reitorado "cometeu algúns erros de inicio, coma o nomeamento de novos catedráticos, sabendo a que viña. As promocións son un dereito e son correctas, pero non son unha prioridade. E o mantemento dos Parga Pondal si o é, ou cumprir cosas necesidades de docencia, ou evitar a redución de postos de traballo no servizo de limpeza". Pérez Casas advirte de que esta primavera van xurdir máis conflitos, por exemplo cos profesores asociados, dos que algúns teñen cartas de despedimento para o 1 de maio.

E tamén se teme que o persoal de administración e servizos estea afectado polos recortes, ben por redución temporal de carga de traballo ou ben por despedimentos. "O conflito é moi importante e está modificando a natureza da universidade: estase degradando a docencia e a investigación. As reducións do gasto, que seguramente se teñen que facer, hai que facelas naquelas áreas que non afecten ao cumprimento da nosa función", di.

"Casares decidiu converterse unicamente nun xestor dos recortes do PP"

 

En opinión de Antonio Pérez Casas, o principal problema do equipo reitoral da USC "é que non está gobernando a universidade, non ten un modelo de goberno e decidiu converterse unicamente nun xestor dos recortes do PP. Ten unha dependencia absoluta da Xunta de Galicia e renunciou a reclamar maior financiamento, renunciou a reclamar a autonomía que nos expropian. Casares asumiu que se gobernaba dende fóra e que el era o xerente dese goberno". Péres Casas conclúe que a primeira loita que debería enfrontar é a loita do financiamento.

"Un mes de marzo quente"

 

Distintos colectivos de varios sectores da Universidade crearon en decembro a Plataforma Universitaria en Defensa da Universidade Pública. Entre os asinantes hai colectivos de docentes, coma Universidade Aberta e +Ideas, organizacións estudantís (Liga, Meu, Comités, Iesga, Agir), sindicatos (CIG, CC.OO., UGT), colectivos de PAS (CUPAS, +UTIL, A Trabe) ou a Asociación de Investigadores do Programa Parga Pondal (AIP2). Nestes momentos, estanse incrementando os contactos con Coruña e Vigo, para actuar en clave galega e nos vindeiros días vaise presentar un calendario de mobilizacións para marzo, "que vai ser moi quente", avisan. A plataforma está así mesmo mantendo contactos frecuentes con Catalunya, Madrid e Valencia, para coordinar unha protesta a nivel estatal.

A Plataforma denuncia que “as universidades galegas están a ser obxecto dun estrangulamento económico que pon en perigo a súa continuidade no tempo, xa que as deixa incapacitadas para daren respostas satisfactoriamente ás obrigas, tanto de docencia como de investigación”.  Ademais, demándanlle aos gobernos das universidades galegas “contundencia na denuncia diante da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria pola insuficiencia do actual plan de financiamento (2011-2015), na defensa da autonomía e a suficiencia financeira”.

A Liga Estudantil salienta a “febleza” na súa postura perante a política da Xunta de Galicia

A Liga Estudantil Galega fai unha valoración “negativa” da xestión do Equipo de Goberno da USC e salientan a “febleza” na súa postura perante a política da Xunta de Galicia, que nos últimos tres anos reduciu o orzamento para o Sistema Universitario nun 20%. A Liga tamén critica a redacción das Normativas de Permanencia e Avaliación “sen negociación cos representantes do estudantado, e cun carácter verdadeiramente lesivo para os nosos dereitos” e tamén na “suba sistemática de prezos dos servizos prestados dende a USC, chegándose a aceptar polo Consello Social fai pouco máis de un mes que haberá que pagar até para facer as probas de nivel do Centro de Linguas Modernas”.

 

Unha suba de taxas no horizonte

En novembro o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, dixo que é "inevitable" abordar unha posible suba das taxas universitarias, propuxo mirar cara a outros países de Europa, nos que as matrículas son moi superiores e apostou por un sistema de bolsas para que esta suba puidese ser asumida polas familias con menos recursos. Dous días despois, Alberto Núñez Feijoo entrou no debate servido en bandexa por Casares e afirmou que lle parecía unha proposta "valente e non improvisada" e que a educación era unha área na que Xunta podería recortar gasto. En calquera caso, devolveulle a pelota ao reitor da USC, pois "son os reitores os que deben facer unha proposta e logo a Xunta establecerá unha proposta como administración educativa".

"Cando se fala de incrementar as taxas, fálase de incrementar o copago como que se quere impoñer o copago sanitario"

En decembro a Plataforma en Defensa dunha Universidade Pública rexeitou as subidas de taxas apuntadas por Feijoo e o reitor da USC, “para que estas nunca supoñan un motivo de discriminación para os cidadáns e as cidadás con menos recursos económicos". Para Antonio Pérez Casas, nas universidades "xa hai un copago", pois os estudantes pagan as súas matrículas cos seus impostos ou os dos seus pais. "Cando se fala de incrementar as taxas, fálase de incrementar o copago exactamente da mesma maneira que se quere impoñer o copago sanitario. É bastante curioso que persoas que se manifestan en contra do copago sanitario, apoien o copago das matrículas".

Así mesmo, considera "enganoso" o argumento utilizado por Feijoo e Casares ao dicir que isto só se aplicaría para os estudantes procedentes de familias que si poden pagar estas matrículas: "ti aumentas as matrículas dende 700 euros até tres mil euros, pero dis que concedes unhas bolsas para que o prezo que finalmente paguen unha maioría dos alumnos siga sendo de 700. O problema é que o prezo das matrículas é unha taxa, que é automática, mantense dun goberno a outro, e que é moi difícil cambiar. Pero as bolsas teñen que aprobarse ano a ano, e ao non haber un compromiso legal para manter esas bolsas, a súa continuidade non está asegurada e depende cada ano dunha decisión política. Algo parecido está pasando cos libros de texto do ensino medio".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.