Queres ser un alcalde corrupto? Fai clic!

O xogo foi creado pola empresa galega Meiga Labs © Meiga Labs

Estamos en campaña electoral, e iso nótase mesmo nos videoxogos. Chegar a ser alcalde (ou alcaldesa) corrupto ten un traballiño detrás. Hai que gañar as eleccións, primeiro, e despois poñer en marcha unha serie de mecanismos que todos coñecemos e que desgraciadamente marcaron a vida política de moitas localidades españolas e galegas nos últimos anos. Porén, agora unha aplicación para dispositivos móbiles fai moito máis doado recrear esa experiencia.

O estudio galego Meiga Labs vén de lanzar o xogo Corrupt Mayor Clicker (para Android e moi pronto con versión iOS) no que podemos converternos nun político pouco honrado que vai acumulando cartos para depositalos na súa conta en Suíza. "Somos corruptos, entre nós non o negamos. Sobornamos, facemos estafas, amañamos oposicións, axudamos a constructores, cobramos en negro, evadimos impostos, o típico. Engana e rouba o que poidas ata ter unha boa cantidade de diñeiro no noso banco de Suíza. Pásate pola nosa sede e damosche o carné do partido, un maletín para meter os billetes de 500€ e unha tarxeta black", lese na descrición do xogo. "Benvido ao noso partido político: O Partido do Diñeiro!", destacan os seus creadores.

No desenvolvemento do xogo (moi sinxelo, de tipo clicker) irán aparecendo de cando en cando distintas situacións nas que o usuario ou usuaria terá que escoller entre distintas opcións, que o poden beneficiar ou prexudicar. Terá que decidir se acepta ou non cartos, se os inviste ou non, será interpelado por xornalistas sobre a súa orixe, poderá botarlle a culpa ao goberno anterior, poderá tomar decisións sobre un petroleiro á deriva, poderá enchufar parentes, realizar contratos pouco legais, poderá marchar de vacacións cun narcotraficante, ou tentar subornar os xuíces que o queiran procesar.

A aplicación complétase coa posibilidade de compartir nas redes sociais un extracto da conta bancaria suíza e coa descuberta sucesiva, ao longo do xogo, de ata 60 frases reais de políticos, como "había neve", "fin da cita" ou "E se se poñen tontos, pégaselles un canonazo e punto!". Pódese xogar en castelán ou inglés e os seus creadores aclaran que "calquera parecido con persoas reais é mera coincidencia".

Este pequeno estudo independente de creación de videoxogos e apps, nacido en 2014 en Ourense, lanzou recentemente outro xogo para dispositivos móbiles, Time Pirates, un xogo 3D que segue o estilo creado por Angry Birds. Meiga Labs está formado por tres mozos emprendedores e amantes da tecnoloxía, que gañaron a cuarta edición dos premios Incuvi Emprende da Universidade de Vigo.

Captura de pantalla da aplicación © Meiga Labs
Captura de pantalla da aplicación © Meiga Labs

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.