0 Gardados para despois

A lingua galega fai dous anos exiliada das ciencias na escola

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Do ardor "despolitizador" á suposta pax lingüística. Tres días despois do Día das Letras cumpriranse dous anos dende que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, estampaba a súa sinatura no denominado decreto do plurilingüismo, a norma que, entre unha extraordinaria controversia, substituía o decreto de promoción do galego no sistema educativo, aprobado polo bipartito e do que o PP se desmarcou en última instancia. Eran tempos de polémica e manifestacións como a deste 17 de maio, cando os colectivos en defensa do idioma volverán denunciar o "retroceso" da lingua propia nas aulas e a súa "prohibición" en moitas das materias técnicas do ensino obrigatorio, como Matemáticas ou Tecnoloxía.

Pero, alén das protestas, como está a situación dous anos despois e, sobre todo, como mudou o escenario a respecto do que atopou o actual Goberno? A radiografía máis próxima ao momento do cambio de cor política na Xunta é posible atopala nas bases de datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), que en 2008 estudou con detalle o a lingua en que recibía as súas clases todo o alumnado do ensino obrigatorio e postobrigatorio e comparouno co ano 2003, coas normas do Executivo de Manuel Fraga aínda en vigor. Ese estudo amosa ás claras a influencia do decreto de 2007, no que se fixaba a obrigatoriedade de impartir un "mínimo" do 50% de materias en galego, en liña co estipulado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL), aprobado por unanimidade en 2004, aínda con Fraga.

Co decreto de 2007 as clases "maioritariamente" en galego situáronse en preto do 60% no ensino obrigatorio

En cifras globais no ano 2003 o estudantado do país que recibía o ensino unicamente en galego ou "maioritariamente en galego" apenas superaba o 39%. Coa norma de 2007 esa porcentaxe subiu notablemente e situouse lixeiramente por riba do 60%. Ademais, os que tiñan todas as súas materias en castelán pasaron do 15,1% ao 6,3%. Onde a lingua propia gañou máis presenza con ese decreto foi nos niveis de ensino obrigatorio, isto é, en Educación Primaria e na ESO. Alí, o alumnado con todas ou a maioría das clases en galego, que en 2003 era o 49%, chegou ao 71,8%. Nos niveis postobrigatorios o avance foi tamén notable, do 25% ao 42,3%. Nestes últimos, os que tiñan materias só en castelán pasaron do 22,3% ao 10,7%.

Esta presenza do galego no entorno da metade das materias do ensino ou, o que é o mesmo, este cumprimento do decreto e do PXNL foi o que, en vésperas das eleccións de 2009, se converteu en branco de acusacións de "imposición" por parte de asociacións minoritarias pero tamén de membros destacados do PP que, unha vez chegados á Xunta, optaron pola reforma e, previa realización dunha controvertida enquisa, pola elaboración da vixente norma "do plurilingüismo". A grandes trazos, a nova regulamentación fala de que os dous idiomas cooficiais teñan a mesma "porcentaxe" de horas pero xunto a este principio reitor incorpora outros que reducen notablemente a parcela do galego. En ningún nivel educativo as matemáticas ou a tecnoloxía poden ser impartidas en lingua galega e, ademais, a incorporación dunha lingua estranxeira en ata "un terzo" das horas lectivas pode chegar a confinar o galego, co decreto na man, a só "un terzo" da carga lectiva impartida, quedando ademais practicamente exiliada da ensinanza do coñecemento científico.

"Os obxectivos do PP estanse a cumprir"

E, como está a situación tras dous anos de decreto? Dende a Xunta a belixerancia inicial foi paulatinamente substituída por un perfil moito máis baixo, operación á que axudou tamén notablemente a substitución de Anxo Lorenzo por Valentín García á fronte da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Neste tempo o Goberno galego limitouse a asegurar que a protección do galego está garantida ao tempo que o conselleiro, Jesús Vázquez, mantén que o decreto é cumprido con plena "normalidade". Esta visión optimista non é compartida dende os sindicatos do ensino nin dende as asociacións e plataformas en defensa da lingua, que durante o proceso de aprobación xa amosaran unha unidade case total no rexeitamento á norma.

Louzao: "Xa nos gustaría que o 50% das materias impartidas fosen en lingua galega"

Para o secretario nacional da CIG Ensino, Anxo Louzao, "o que podemos constatar é que os obxectivos do PP, moi ao noso pesar, estanse a cumprir". "En lugar de avanzar no idioma" tal e como marca a Lei de Normalización Lingüística, di, a lingua propia está a experimentar o "retroceso" que amosan, entre outros, os propios indicadores do IGE. "Xa nos gustaría que o 50% das materias impartidas fosen en lingua galega e que a lingua vehicular fose, maioritariamente, o noso idioma", di Louzao. Ben ao contrario, nestes anos, censura, a Consellería de Educación "atacou permanentemente a todo aquilo que supuxera un pequeniño avance", ata o punto de que "é a primeira vez que se prohibe impartir en galego materias como Matemáticas, Física, Química ou Tecnoloxía".

No plano dos indicadores numéricos Louzao subliña que o maior retroceso se produciu na educación infantil. O sistema de consultas ás familias -este é o único nivel educativo no que está implantado- provocou "que nos ámbitos urbanos nin se chegue ao 10%" de presenza media do galego. "No ámbito xeral do ensino, nin o 20% é impartido en lingua galega", un panorama ao que se engaden dificultades en niveis concretos como a Formación Profesional, onde "o material pedagóxico e escolar en galego" é "inexistente", dado que "non están fixados os mínimos" a impartir en lingua galega. En xeral, Louzao ten claro que "nin se cumpren os mínimos establecidos nun decreto" que foi "pensado para expulsar o galego" das aulas.

Callón: "Nas cidades, o galego foi varrido do ensino infantil"

Tamén dende o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) se subliña a especial incidencia do decreto no ensino infantil e nas cidades, onde existe unha "maior perda de falantes", aínda quen as enquisas de Educación as peticións de ensino en galego chegasen a "cifras do 40%" . "A maioría das aulas impártese só en castelán, co que en lugar de facer unha política de apoio ao galego están a provocar a desgaleguización" do alumnado, sen ter en conta "criterios científicos" e si apoiándose en "prexuízos lingüísticos históricos".

Nun sentido semellante o presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, non dubida de que o decreto "consolidou" que a lingua galega sexa, na actualidade, unha das que ten "unha situación máis precaria en todo o ámbito educativo de Europa", con "prohibicións que non existen nin no Estado francés" que levan a que xa se poida "concretar o retroceso do decretazo" en cifras: nas cidades, por exemplo, o galego foi directamente "varrido" do ensino infantil, afirma. En canto ao cambio de modos na Xunta Callón sinala que "xa advertimos, nas primeiras manifestacións, que a tentativa de Feijóo ía ser" adoptar inicialmente "unha actitude moi agresiva" contra o idioma "para despois pór o disfrace de galeguista e tentar mercar vontades na vida cultural galega". "Valentín García sorrí máis que Anxo Lorenzo, pero na súa política de destrución non hai ningún cambio", resume.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.