"Sóbrannos motivos para ir á folga no ensino"

Cartel a prol do ensino público nun centro galego CC-BY-SA Praza Pública

CCOO mantén a convocatoria de folga que intentará parar todo o ensino o vindeiro martes 22 en Galicia. Para o sindicato, “a gravidade dos recortes fan necesario” o paro, máis aínda tras as duras medidas presentados e defendidas en solitario o pasado xoves polo ministro de Educación, Ignacio Wert. “Prevén reducir entre o 25 e o 30% os orzamentos educativos nas autonomías”, advirte nun comunicado Comisións, que apela á súa “responsabilidade” para apoiar a folga.

Non o terá fácil CCOO, tras o rexeitamento á convocatoria de folga de sindicatos independentes, de CIG ou do STEG, pero tamén de UGT, que se desmarcou da súa matriz estatal ante o “inminente final de curso e o desgaste sufrido polo profesorado”, que xa apoiou dúas folgas nos últimos meses e que se atopa agora “en datas propias de avaliación no bacharelato”. No entanto, Comisións mantén o seu chamamento ao paro, aínda que as centrais galegas insisten tamén en que moitas das medidas deste Real Decreto xa foron aplicadas no país e que a situación non é a mesma para a comunidade que para o conxunto do Estado.

CCOO convoca en solitario tras o rexeitamento a apoiar o paro de UGT, CIG e STEG

“Sóbrannos os motivos para ir a esta folga”, xustifica Machús Fernández, secretaria xeral de CCOO-Ensino, que advirte de que hai moitas das medidas do Real Decreto que “non só non se aplicaron en Galicia, senón que se van aplicar para o ano”. “Vanse reducir profesores en secundaria, e vaise parar o proxecto Abalar”, pon como exemplo, tras insistir na necesidade do paro.

“Xa sabemos que non é o mellor momento do curso para convocar unha folga, pero o momento non o escollemos nós, senón que o escolle o Goberno ao decidir estas medidas”, engade Machús Fernández, que recorda tamén que outras comunidades “como Madrid e Valencia” xa secundaron varios paros educativos nos últimos meses. “Hai quen convoca a folga fóra de Galicia e non aquí e quen non ten en conta o que pasa máis aló do Padornelo”, aclara a secretaria xeral de CCOO-Ensino, en clara alusión a UGT e CIG. Ademais, recoñece, ao igual que outras fontes sindicais, que "a desunión farte a algúns profesores". "O desexable é que todos estivesemos nas mesmas, pero hai diferenzas que aínda non o fan posible", aclara. 

"Sabemos que non é o mellor momento do curso, pero non o escollemos nós, senón o Goberno"

Para CCOO, as medidas destinadas a reducir o número de profesores son, entre outras, o incremento do horario lectivo, a desaparición da redución de horario lectivo para o profesorado maior de 55 anos, o incremento das ratios de alumnado por aula un 20%, e medidas varias como a desaparición de diferentes programas educativos, a non convocatoria de licenzas retribuídas por razón de estudos, redución do número de interinos, peche de servizos educativos ou non autorización de ficar en activo para o persoal maior de 65 anos.

CCOO calcula que se destruirán 100.000 postos docentes no Estado, 2.000 deles en Galicia

Segundo o sindicato, “en todo o Estado destruiranse case 100.000 postos docentes”. En Galicia, e tendo en conta os recortes en secundaria, “perderanse 2.000 postos de traballo entre o profesorado”. Ademais, Machús Fernández non se fía da promesa da Xunta de non aumentar a ratio de alumnos por docente: “É evidente que non se aplicará de maneira xeral porque no rural o problema é a falta de nenos, pero quen nos asegura que non se vai facer nas cidades?”.

Por último, CCOO recorda que o orzamento da Consellaría de Educación para o ano 2012 “minguou case o 2%”, polo que a situación é “alarmante” tras os recortes “producidos xa en 2011 na universidade (12%), formación do profesorado (26%), secundaria e FP (8,8%) ou prevención do abandono escolar (23,6%)”. “Todo isto e máis o incremento de horas lectivas en secundaria impide que nos centros se poida atender a diversidade, polo que nas aulas máis masificadas e con menos profesorados reinará a lei da selva e dispararanse os xa elevados índices de fracaso escolar”, conclúe.

Cartel a prol do ensino público nun centro galego CC-BY-SA Praza Pública
A secretaria xeral de CCOO-Ensino, Machús Fernández, na presentación da plataforma © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.