A Xunta declara deserto o concurso para as licenzas de radio en FM

Estudio de radio CC-BY Inés Saraiva

A Xunta declara deserto o concurso público para o outorgamento de licenzas de radio en FM. O Consello anunciou que queda deserto o devandito concurso para a “prestación de servizo de comunicación radiofónica de carácter comercial” logo do cambio normativo que provocou a entrada en vigor hai menos de dous meses do decreto de comunicación audiovisual radiofónica.

O devandito decreto prevé “a posibilidade de declarar  desertos os procedementos para o outorgamento de licenzas que se atopen en tramitación, no caso de existir incompatibilidade entre o réxime previsto nas bases da convocatoria e o réxime previsto no mesmo decreto”, aclara a Xunta, que aplica esta opción “para evitar unha posible situación de inseguridade xurídica por incompatbilidades” entre as bases do concurso e a nova normativa.

A Xunta ten en conta o ditame do Consello Consultivo que advertía das posibles irregularidades

Así, a Xunta ten en conta o criterio do ditame emitido hai tempo xa polo Consello Consultivo sobre o decreto e no que se consideraba que a denominación de “emisoras de carácter comercial” non era correcta por “impedía concorrer a aquelas entidades que non tivesen ese carácter”. Do mesmo xeito, o Executivo advirte que tamén  “se observaba unha incompatibilidade entre o réxime xurídico de desistencia previsto no  decreto e o réxime xurídico de caducidade establecido nas bases do concurso”.

“Mentres que as bases do concurso  limitaban a prestación de servizos á tecnoloxía analóxica, o decreto abre a posibilidade  de empregar calquera tipo de tecnoloxía, ben de tipo dixital ou doutra natureza”, aclara o Goberno, que trata así de “salvagardar o interese público e protexer a seguridade xurídica de calquera posible licitador ou adxudicatario das ditas licenzas”. Agora ábrese un prazo de seis meses para convocar  un novo concurso.

O concurso para licenzas de FM repetirase na Comunidade de Murcia e a súa adxudicación tamén foi aprazada na Comunitat Valenciana. 

Estudio de radio CC-BY Inés Saraiva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.