A Axenda Feminista 2016 está dedicada ás científicas galegas

Capa da axenda feminista 2016 © Observatorio da Mariña pola Igualdade

Como ven sendo habitual por estas datas, o Observatorio da Mariña pola Igualdade vén de editar a Axenda Feminista 2016, que nesta ocasión se centra na ciencia e na investigación, co obxectivo de "valorar e visibilizar" o traballo de 12 científicas galegas (ou vencelladas moi estreitamente a Galicia), unha por cada mes do ano. O Observatorio destaca que moitas destas e outras investigadoras ao longo da historia "acadaron grandes logros que non sempre foron recoñecidos na súa xusta medida".

O Observatorio destaca que moitas destas e outras investigadoras ao longo da historia "acadaron grandes logros que non sempre foron recoñecidos na súa xusta medida"

As doce científicas escollidas foron Vanessa Valedeiglesias García (Toxicoloxía Xenética), Josefina Ling Ling (Astronomía e Astrofísica), Aida Fernández Ríos (Bioloxía Mariña), África González Fernández (Inmunoloxía), Sonia Villapol Salgado (Neuroloxía), Alicia Estévez Toranzo (Microbioloxía e Parasitoloxía), Mª Isabel Fernández García (Química Inorgánica), Gloria Revilla López (Fisioloxía Vexetal), Elena Vázquez Abal (Xeometría e Topoloxía), Susana Martínez Conde (Neuroloxía), Ana Mª González Noya (Química Inorgánica) e Mª Isabel Loza García (Farmacoloxía). 

A Axenda Feminista 2016 sobre Científicas galegas repite o formato da axenda de anos anteriores: tamaño A5, tapas duras, goma para pechala e unha cinta para marcar a páxina desexada. Ademais dos textos e das fotos de cada científica, tamén se poderá atopar unha pequena biografía das científicas para coñecer un pouco mellor o seu traballo e os seus proxectos, datas relevantes para o movemento feminista que decote pasan desapercibidas noutros almanaques, páxinas de notas, ou o calendario menstrual 2016. O deseño das tapas correu a cargo da deseñadora Oreli Pello.

O prezo da axenda son 13 euros (dous menos para as persoas socias do Observatorio) e pódese atopar nos seguintes puntos de venta: Ribadeo, Libraría Casa das Letras; Foz: Libraría Bahía; Burela: Libraría Espacio Lector Nobel; Viveiro: Libraría Porta da Vila; Vilalba: Papelería Pergamino 2; Lugo: Libraría Trama; Santiago de Compostela: Libraría feminista Lila de Lilith; A Coruña: Libraría Suevia; e Vigo: Libraría Andel.
A xente que o desexe tamén se pode poñer en contacto co Observatorio da Mariña pola Igualdade a través do mail observatorioigualdade@gmail.com ou do teléfono 627.037.668 para mercar a súa axenda. Fanse envíos por correo postal cun custe adicional de 2 euros.

Capa da axenda feminista 2016 © Observatorio da Mariña pola Igualdade
Ana Méndez-Iragorri e Paz Ramil, na presentación da axenda © Observatorio da Mariña pola Igualdade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.