A 'Guía dos elementos químicos' non se poderá usar na ESO pola prohibición de impartir a materia en galego

Presentación da 'Guía dos elementos químicos' na RAG, este luns © RAG

Este luns presentouse na sede da Real Academia Galega a obra Guía dos elementos químicos. Historia, propiedades e aplicacións, unha obra de divulgación científica que dende a súa presentación o pasado mes de outubro vén recollendo os parabéns polo seu xeito lúdico e ameno de ensinar a orixe e características dos elementos químicos. Coincide, ademais, coa celebración neste 2019 do Ano Internacional da Táboa Periódica de elementos químicos, en conmemoración da súa primeira formulación polo científico ruso Dmitri Mendeleev.

No seu artigo sétimo o Decreto sinala que se impartirán en castelán na ESO "as materias de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e química"

O último elemento oficial é o 118, o oganesson, o de maior peso atómico sintetizado, que debe o seu nome ao físico nuclear ruso Yuri Oganessian. A obra incorpora a súa denominación xunto ás dos outros últimos descubertos, o nihonio, o moscovio, e o ténnesso, aprobadas recentemente pola Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (IUPAC). Pecha a obra o unennio, nome provisional dun elemento ata o momento non sintetizado, e que se converterá no 119 da táboa.

O libro, realizado por Manuel Bermejo, Ana González Noya e Marcelino Maneiro e editado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, non só está escrito en galego, senón que moitos dos seus exemplo prácticos están expostos "en clave galega" (como as mencións ás minas de volframio de Carballo ou aos ferreiros de Riotorto) destacan os seus autores e autora, facilitando así a súa identificación por parte dos lectores e lectoras do libro.

Porén, a obra non poderá ser utilizado na materia de Física e Quimica, pois o Decreto de Plurilingüísmo aprobado no ano 2010 polo Goberno do Partido Popular impide que sexa impartida en galego. Así, no seu artigo sétimo, sinala que se impartirán en castelán na ESO "as materias de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e química", reservando o galego para as de "Ciencias sociais, xeografía e historia, Ciencias da natureza e Bioloxía e xeoloxía".

O libro busca, segundo a Xunta, "apoiar o profesorado, o persoal investigador, o alumnado e a cidadanía en xeral para desenvolver sempre a comunicación, o ensino e a aprendizaxe científica desde o galego”

Na presentación deste luns destacouse que a Guía é “a primeira oferta de denominación normalizada e oficial dos nomes dos elementos químicos en galego", subliñando o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, que iniciativas como esta “deben entenderse no proceso de modernización, enriquecemento e actualización permanente da lingua”. “A lingua galega non pode manterse á marxe da realidade científica e tecnolóxica", engadiu Freixanes.

De igual xeito, o pasado mes de outubro, na presentación da obra no Centro Ramón Piñeiro, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou que se trataba "dunha importante achega ao eido científico-técnico, coa que quere avanzar un paso máis no proceso de galeguización deste ámbito de especialidade, así como apoiar ao profesorado, ao persoal investigador, ao alumnado e a cidadanía en xeral para desenvolver sempre a comunicación, o ensino e a aprendizaxe científica desde o galego”.

Presentación da 'Guía dos elementos químicos' a cargo do secretario xeral de Política Lingüística, o pasado mes de outubro © Xunta

"Rexeitar a posibilidade de botar man dunha lingua cando a tes aí diante é algo que non me entra na cabeza"

Iniciativas como Explícoche Matemáticas 2.0 ou entidades como Igaciencia levan anos reivindicando a utilidade do galego para as matemáticas, a física, a química, a tecnnoloxía e a ciencia en xeral. En entrevista con Praza Manuel Díaz Regueiro, presidente de Igaciencia, sinalaba que "semella que consideran que hai unhas materias nobres -fálanse en A- e outras menos nobres, ou folclóricas -en B- (...) O único que queren facer é transmitir con esa medida a idea de que o galego é unha lingua de labregos, obreiros e poetas, pero non burguesa, de xente acomodada. Unha lingua da que hai que mudar se un quere prosperar, unha lingua B".

De igual xeito, o pasado ano falbamos con Xurxo Mariño, Sonia Villapol, Xacobo de Toro, Iria Veiga e Javier Balea, que subliñaban a validez e utilidade do galego para estas materias: "Se buscamos algunha capacidade extraordinaria que temos os seres humanos é precisamente a capacidade lingüística. Rexeitar a posibilidade de botar man dunha lingua cando a tes aí diante é algo que non me entra na cabeza", dicía Mariño.

Guía dos elementos químicos © Moléculas en Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.