A metade do Consello de Goberno da USC abandona a reunión en protesta co reitor

Acción das afectadas pola decisión da USC hai unhas semanas © Plataforma Levantamento Suspensión Cautelar

A USC consumou este mércores a decisión de anular a convocatoria de prazas docentes que anunciou no verán e que o Reitorado suspendeu hai unhas semanas por indicación da Xunta. E anticipou o novo camiño polo que terá que pasar calquera decisión sobre novas convocatorias: en xaneiro o reitor reunirase co Goberno galego para estudar a posibilidade de novos contratacións "vencelladas a necesidades docentes de carácter urxente e inaprazable". Pero a xuntanza do Consello de Goberno da Universidade converteuse nunha mostra máis dos conflitos que a institucion vive nos últimos temos e que teñen o reitor Juan Casares Long como centro. 

A petición de varios membros do Consello de Goberno da USC o reitor convocara esta sesión extraordinaria na que se debatería un punto único, o debate e toma de decisión sobre a suspensión da convocatoria de prazas do PDI. Ante a proposta de negociación para a convocatoria, o reitor fixo unha contraproposta acordada coa Xunta de agardar até os orzamentos do vindeiro ano, confiando na boa vontade do goberno do Partido Popular para incluír estas contratacións nas partidas, compromiso adquirido de xeito extraoficial do Director Xeral de Planificacións e Orzamentos, Miguel Corgos.

O reitor chegou a presentar un correo electrónico de Corgos, no que o directos xeral afirmaba que o borrador do proxecto de Orzamentos incluiria un apartado no que "se contemple a posibilidade de autorizar convocatorias de prazas de persoal laboral fixo vencelladas a necesidades docentes de carácter urxente e inaprazable". Casares Long anunciou a este respecto que en xaneiro se reunirá coa Xunta para negociar a posibilidade de convocar algunhas prazas, sempre e cando a Xunta o autorice, iso si.

Casares Long anunciou que en xaneiro se reunirá coa Xunta para negociar a posibilidade de convocar algunhas prazas, sempre e cando a Xunta o autorice, iso si.

Nese momento a metade dos membros do Consello de Goberno, unhas 15 persoas, decidiron abandonar a reunión en protesta pola actitude do reitor. Estes grupos críticos denuncian que Casares Long impediu de facto calquera votación que non fose a aprobación da súa proposta, que se negaban a votar, e que en consecuencia decidiron abandonar a xuntanza.

Os e as afectadas pola anulación, que seguían a reunión concentradas na praza do Obradoiro, anuncian que recorrerán á vía xudicial contra a decisión do Reitorado e contra todas as prazas novas que se convoquen. Afirman que "tras o consello de goberno de hoxe, constatamos que o reitor é o brazo executor da intervención de la Xunta na Universidade" que que resulta "inaudito" que un reitor lle negue a un consello de goberno a posibilidade de pronunciarse e votar nun consello extraordinario convocado para tal fin". Conclúen que este mércores se deu "un paso máis na perda de autonomía da nosa Universidade".

Os e as afectadas pola anulación, que seguían a reunión concentradas na praza do Obradoiro, anuncian que recorrerán á vía xudicial contra a decisión do Reitorado e contra todas as prazas novas que se convoquen

Pola súa banda, a Liga Estudantil Galega afirma que "a equipa reitoral, nunha nova mostra de ineptitude no seu goberno da USC, non soubo resolver a dura situación, na que máis de trinta convocatorias de prazas de profesorado se vían anuladas por unha flagrante violación da autonomía universitaria por parte da Xunta". A Liga denuncia ademais que o reitor, "continuando na súa postura de graves tintes ditatoriais, ameazou o Consello de Goberno cun recurso contencioso-administrativo a título persoal contra cada membro que votase en contra do acordo reitor-Xunta".

Acción das afectadas pola decisión da USC hai unhas semanas © Plataforma Levantamento Suspensión Cautelar
Correo electrónico enviado polo director xeral de Orzamentos Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.