A USC únese á UdC e rexeita a suba das taxas

Manifestación diante do reitorado © @comitesabertos

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de aprobar na sesión do Consello de Goberno o seu posicionamento contrario á suba dos prezos das matrículas universitarias para o vindeiro ano, tal e como solicita o Goberno central a través do Real Decreto-Lei 14/2012. Con este rexeitamento, a USC une a súa voz á Universidade da Coruña (UdC), que xa deixara claro o seu rotundo non a unhas medidas que poderían supoñer un aumento de máis do 60% no importe que os estudantes deberían pagar por acceder aos seus estudos. 

Por unanimidade, a USC expresou nunha nota o seu "rexeitamento absoluto, tanto da forma como do fondo, do Real Decreto-Lei, que prexudica gravemente o modelo de universidade pública, na que debe primar o principio de igualdade de oportunidades previsto na exposición de motivos da Lei Orgánica de Universidades". Ademais, expresa tamén a súa posición contraria a "tres medidas de especial gravidade": a suba dos prezos das taxas "nun momento de grave crise", os mecanismos propostos para a valoración da dedicación docente e investigadora, "que agravan os problemas actuais da universidade", e a regulación de aspectos fundamentais "que vulneran a autonomía universitaria e que están reservados ás institucións académicas".

Do mesmo xeito, a USC expresa que o Real Decreto-lei "supón un obstáculo claro no proceso de mellora da universidade" e pide a retirada do devandito decreto, así como que a Xunta "asuma as súas responsabilidades e garanta o financiamento público do sistema universitario galego, sen repercutir coa suba dos prezos nos sectores máis desfavorecidos". Incluso a Universidade pide "á comunidade universitaria e á sociedade en xeral" que participe "na defensa e na mellora deste servizo público".

A USC pide á Xunta que garanta o financiamento público e sen suba de taxas das universidades galegas 

Fose pola presión dos estudantes que se manifestaron fronte á Reitoría ante a reunión do Consello ou polo rexeitamento da medida, o feito é que o reitor Juan Casares Long aposta agora por posicionarse en contra das subas das taxas e únese así á postura da UdC, á espera ambos da resposta da Universidade de Vigo, que presumiblemente tamén dirá que non á suba do importe das matrículas.

Xa antes da entrada no Consello de Goberno, e ante a protesta de máis dun cento de estudantes convocados por Comités, Liga Estudantil ou Galiza Nova, o resitor Casares Long censurara o decreto por "non ser consensuado". "É un documento que non comprendemos e que non compartimos", asegurou. 

Manifestación diante do reitorado © @comitesabertos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.