A Xunta e a Universidade de Vigo premian uns investigadores cuestionados por facer plaxio

Facultade de Ciencias de Ourense. Universidade de Vigo © Uvigo

A Universidade de Vigo parece disposta a obviar os erros cometidos polos seus profesores e alumnos no desempeño do seu labor docente e investigadora aínda que fosen descubertos ao facer plaxio de artigos científicos xa publicados e os máximos responsables admitirán publicamente a acción xustificándoa como unha “chapuza”.

Tanto o profesor da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, Juan Carlos Mejuto, como o investigador e profesor invitado da universidade viguesa, Gonzalo Astray, autores do plaxio ao escribir no Journal Of Chemical and Engineering Data artigos científicos copiados a científicos chineses, foron premiados a finais deste mesmo ano pola Xunta de Galicia e a Universidade. No caso do catedrático Juan Carlos Mejuto, a consellería de Educación e Ordenación Universitaria concedeulle unha bolsa de 112.000 euros como “recoñecemento ao labor científico desenvolvido na facultade de Ciencias”. O profesor Mejuto é beneficiario xunto a outros dous catedráticos desta axuda pensada para a promoción dos mellores investigadores de Galicia.

No caso do alumno de Mejuto, Gonzalo Astray, o recoñecemento ven da propia institución académica ao ser proposto para o premio extraordinario fin de doutoramento. Tal como reflexa unha acta datada o 12 de decembro de 2011, á que tivo acceso Praza Pública, o investigador Astray encabeza unha lista de 9 persoas propostas “por unanimidade” para o premio extraordinario de doutoramento.

O que noutras circunstancias podería ser un procedemento regular dentro da carreira dun docente universitario ou dun investigador alcanza límites pouco xustificables para gran parte da comunidade universitaria galega. Os estudantes, postos en contacto con Praza, denuncian a “endogamia universitaria” e a ausencia de igualdade de oportunidades. Chaman a atención sobre como un “alumno e profesor pillados facendo plaxio poden ser laureados por todas as institucións académicas do país”. Investigadores, que reclaman o seu anonimato como unha fórmula de defensa perante as represalias, sosteñen que “non hai maior desprestixio para un científico que o descubran apropiándose dunha investigación doutro”.

O escándalo do plaxio publicado por El País o 20 de maio de 2011, e polo periódico alemán Frankfurter Allgemeine, foi admitido daquela de bo grado polo profesor afectado proclamándose único responsable. Mejuto manifestou “tratase de malas prácticas e neglixencia porque recoñezo que son un chapuceiro pero non son un tramposo”. Porén a explicación a non lle valeu a revista científica Journal Of Chemical and Engineering Data, que lles impedirá volver a escribir ata que transcorran tres anos.

Facultade de Ciencias de Ourense. Universidade de Vigo © Uvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.