Adeus ao teletexto da TVG

Pantalla do teletexto da TVG remitindo á súa web en internet CC-BY-SA Praza Pública

Si, o teletexto aínda existía na TVG. Ese pode ser para moitos o titular. Para outros pode ser que aínda segue a existir noutras televisións de ámbito estatal, como a tamén pública TVE e as principais canles privadas. Ou que a BBC británica, que o inventou alá na década dos 70, eliminouno xa en 2012, como tamén fixo a autonómica Telemadrid en 2013. Pero esta nova vai sobre o teletexto da TVG, que vén de desaparecer co comezo de 2018, deixando orfos a algúns fieis, principalmente persoas maiores.

O sistema de información foi inventado en 1974 pola BBC, que o suprimiu en 2012. Internet e os índices de programación que xa incorpora a TDT e o cable foron restando utilidade a un sistema que aínda manteñen outras televisións estatais

Desde hai uns días quen tente acceder ao teletexto da galega, tanto na súa primeira canle como na TVG2, o que atopa é unha pantalla única que informa de que a súa web en internet é a mellor canle para conectar coa CRTVG desde calquera parte do mundo. Desde o ente público réstanlle importancia á desaparición e sinalan que estes días só recibiron “catro correos electrónicos” de espectadores preguntando polo servizo. Tamén aseguran que a súa supresión non implicará mudanzas no cadro de traballadores da casa porque o servizo estaba automatizado. E matizan que o teletexto non desapareceu, senón só a inmensa maioría do seu contido. Nas páxinas posteriores á 800 seguirá activo algún servizo para as persoas xordas, que xa dispoñen tamén a través doutras vías dos subtítulos que antes só facilitaba o teletexto.

A España o teletexto chegou en 1988, pero os adiantos tecnolóxicos dos últimos anos foron restándolle utilidade

O teletexto foi inventado en 1974 pola BBC, que o suprimiu en 2012. A España o teletexto chegou en 1988, pero os adiantos tecnolóxicos dos últimos anos foron restándolle utilidade. Internet rebordou con creces a capacidade de información inmediata que tiña o teletexto, ao tempo que tanto a televisión dixital terrestre (TDT) como os servizos por cable incorporaron e melloraron os índices sobre programas e emisións de cada canle que tiña o vello sistema.

Teletexto de TVE este martes 23 de xaneiro CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.