Alumnado de secundaria de Vila de Cruces lanza unha revista de matemáticas en galego

Capa do primeiro número da revista © IES Marco do Camballón

O IES Marco do Camballón, en Vila de Curces, vén de lanzar o primeiro número da revista Marco Numérico, unha publicación de investigación matemática integramente en galego. Con 76 páxinas, inclúe sete traballos realizados nos últimos meses por alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato, da materia Métodos Estatísticos e Numéricos. De periodicidade anual, quérese que para o vindeiro número poidan incorporarse textos doutros centros de ensino de Galicia.

"Preténdese dar a oportunidade de que o alumnado do segundo ciclo de ESO e, especialmente, de Bacharelato realice e publique os seus propios traballos de investigación, suxeitos aos estándares de profundidade, rigor e forma habituais do mundo académico", destacan os e as responsables da publicación. Salientan, igualmente, que "a filosofía educativa da publicación baséase no fomento do traballo colaborativo" e subliñan que "a matemática ofrece viva mostra de colaboracións ao longo da súa historia" e en particular "a estatística e o cálculo numérico son dúas das áreas que máis necesariamente demandan este facer-en-común".

Cómpre lembrar que o Decreto de Plurilingüísmo aprobado polo Partido Popular en 2010 impide expresamente impartir a materia de Matemáticas en Primaria no seu artigo 6º e no artigo 7º veta o galego nas materias de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e química en SecundariaDende o ano 2011 organízase o concurso Explícoche Matemáticas 2.0, un certame dirixido ao alumnado do sistema universitario galego, de Bacharelato, e de 3º e 4º da ESO co obxectivo de "promover a utilización do galego como medio de transmisión das Matemáticas, así como a creatividade do alumnado". Está impulsado pola Facultade de Matemáticas da USC en colaboración coa Fundación Barrié e o Servizo de Normalización Lingüística da USC, e consiste na gravación de curtametraxes de ao redor de dous minutos de duración nas que se explique en galego un concepto matemático.

O IES Marco de Camballón é, igualmente, un dos tres institutos que participan na iniciativa da Axencia Espacial Escolar Galega, NOSA, que nos últimos anos lanzou tres sondas á estratosfera. Estes son os sete traballos publicados neste primeiro número de Marco Numérico:

  • A Lei de Benford. Estudo descritivo. Este artigo busca validar descritivamente a coñecida Lei de Benford, que afirma que os números presentes na nosa vida diaria comezan maioritariamente pola cifra 1.
  • Descrifrando o Enigma. Unha vez que temos a análise de frecuencias das letras do texto en clave poñémolo en relación coas frecuencias das letras do idioma de referencia no que está composta a mensaxe.
  • Chove ou non chove? Partindo do rexistro de datos da estación local da rede de Meteogalicia, situada na parroquia de Camanzo, modelízase a evolución das precipitacións como un modelo estocástico. Isto permite estimar as probabilidades de estado chove ou non-chove nun día concreto para o concello de Vila de Cruces se o día anterior choveu ou non.
  • O teorema dos infinitos monos. No artigo analízase a probabilidade de que un conxunto de monos (de 1 a infinitos exemplares) escriba a palabra CAMBALLÓN sobre un teclado.
  • Modelo para o cálculo das pensións. A reforma das pensións do ano 2013 introduciu un novo modelo de cómputo para as pensións. O artigo analiza as distintas etapas de implantación desta lei a través dos coeficientes de axuste que se aplican á base reguladora
  • Correlación de magnitudes exoplanetarias. O artigo analiza a correlación de magnitudes asociadas a exoplanetas confirmados a partir dos datos do NASA Exoplanet Archive.
  • Método de calibración do sensor de ozono MQ131 para placa Arduino. Este traballo pon de relevo de que maneira as matemáticas e os métodos numéricos e estatísticos están relacionados coa robótica.

 

Capa do primeiro número da revista © IES Marco do Camballón
Este primeiro número componse de 76 páxinas, elaboradas por alumnado de 2º de Bacharelato © IES Marco do Camballón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.