Anúlanse as intervencións antivacinas previstas na Coruña

Xavier Uriarte, portavoz do colectivo antivacinas © La Caja de Pandora

Non haberá charlas contra a vacinación na Coruña. A feira BioCultura, que se celebrará na cidade do 2 ao 4 de marzo coa colaboración de Concello e Xunta, programara dúas charlas de integrantes da Liga pola Liberdade da Vacinación, un movemento que ten publicado un “Manifesto contra as vacinacións masivas” e que está liderado por Xavier Uriarte, que afirma que "A maior parte das vacinas non serven para nada e crean problemas".

Tras as críticas recibidas nas últimas horas e a petición do propio Concello da Coruña, a Asociación Vida Sana -organizadora do evento- retirou da programación as sesións previstas

Finalmente, tras as críticas recibidas nas últimas horas (por exemplo a cargo do Colexio de Médicos), e a petición do propio Concello da Coruña, a Asociación Vida Sana -organizadora do evento- retirou da programación as sesións previstas nas que ían intervir Xavier Uriarte e José Núñez, outro dos portavoces deste colectivo. "Na Marea Atlantica non temos ningunha dúbida á hora de defender a vacinación, unha práctica que salvou e salva miles de vidas. Na Coruña sábemolo desde a #ExpeciciónBalmis", sinalaba a formación a través das redes sociais este xoves

Os contidos suprimidos na "xornada de reflexión sobre a vacinación sistemática" son as charlas "Que son as vacinas, que conteñen e como funcionan?", "Pediatría natural e hixienista" e "Presentación da nova teoría infecciosa ecolóxica" e o coloquio "Pautas básicas para as familias que vacinan por primeira vez".

A feira BioCultura terá lugar no recinto de Expocoruña, con 202 expositores e 150 actividades, nas que se mesturan o fomento da agricultura ecolóxica (o evento conta coa colaboración do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica), a moda sostible ou as cooperativas enerxéticas con outros contidos coma as chamadas "terapias alternativas" e pseudociencias de todo tipo. BioCultura, que tamén se celebra en Madrid, Barcelona, Sevilla e Bilbao, escolleu este ano A Coruña por primeira vez como sede. A Xunta tamén colabora na feira e, a través da Dirección Xeral de Xuventude, ofrece na súa web un desconto do 50% no prezo da entrada á feira (4 euros) se se presenta o Carné Xove.

A Deputación da Coruña anunciou, pola súa banda, que a Feira Biocultura "non contará con stand da Deputación” e salienta que o ente provincial “non organiza, patrocina, nin financia o evento, nin terá participación algunha no mesmo”, pois "non pode avalar coa súa presenza cuestións que nada teñen que ver co sector e que carecen do máis mínimo rigor científico".

 

O perigo dos antivacinas para toda a sociedade

O intento da Liga pola Liberdade da Vacinación de difundir na Coruña a súa filosofía únese a outras polémicas recentes relacionadas coas pseudociencias. A máis recente foron as charlas do naturópata Josep Pàmies, anuladas na Coruña e Vigo. Ou tamén a intervención no Parlamento europeo de Lidia Senra, instando á UE a que non obrigue a poboación a vacinarse porque é "unha práctica de risco" e "ninguén puido demostrar a seguridade das vacinas".

No ano 2015 un neno morreu de difteria en Olot (Girona) porque non fora vacinado contra esta enfermidade, pois seus pais -partidarios das chamadas medicinas alternativas- rexeitaran facelo. Nese momento a Liga pola Liberdade da Vacinación emitiu un comunicado reiterando a súa posición sobre "os efectos adversos posibles das vacinas da difteria".

O portavoz da Liga pola Liberdade da Vacinación afirma que "a maior parte das vacinas non serven para nada e crean problemas"

Nos últimos anos a extensión en toda Europa deste tipo de colectivos que rexeitan as vacinacións masivas (nalgúns casos por razóns relixiosas, noutros en virtude dunha suposta ideoloxía de rexeitamento ás empresas farmacéuticas e outros bulos acientíficos) está provocando a reaparición de enfermidades infecciosas que estaban practicamente desaparecidas. Así, por exemplo, o pasado ano os casos de sarampelo incrementáronse nun 400% no continente. A situación é especialmente grave en Italia e Romanía, dous dos países nos que os os grupos antivacinas teñen máis predicamento, superando os 5000 casos cada un, con ducias de mortes. Estes novos avances de enfermidades que xa deixaran de ser un problema nos nosos países, están afectando a adultos anteriores aos programas de vacinación, a nenos cuxos pais decidiron non vacinar pero tamén a un 10% de persoas si vacinadas pero que non responden ao tratamento. Con todo, estas persoas estaban ata agora protexidas polo feito de que a práctica totalidade da poboación estaba vacinada contra estas enfermidades, impedindo a súa aparición e contaxio. O crecemento das filosofías antivacinas pon agora en risco as sáus vidas.

 

Cartel da feira BioCultura © Praza Pública
Xavier Uriarte, portavoz do colectivo antivacinas © La Caja de Pandora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.