As tres universidades galegas poderían despedir 250 PAS e PDI e subir as taxas, segundo a CIG

Alegoría contra os recortes na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

A sección sindical da CIG da USC manifestou este xoves "a súa máxima preocupación" e  o seu "frontal rexeitamento" cara ao proxecto de Lei de orzamentos da Xunta de Galicia para 2013, actualmente a debate no Parlamento, e que suporá un "severísimo recorte no financiamento das universidades galegas de 21,7 millóns de euros" ao pasar estes fondos, qeu cobren os gastos de persoal e correntes básicos, de 290 millóns a menos de 251.

A CIG amosa o seu "frontal rexeitamento" aos recortes no financiamento das universidades galegas

Tal e como explica nun comunicado a central nacionalista, unha parte importante dos recortes correspóndense a "unha brutal tesoirada" de 15,7 millóns da masa salarial e cuxa media non se corresponde coa diminución aplicada á Administración autonómica, do -3,4%, senón que chega ao 5%. Isto, para a CIG supon "unha evidente penalización". "Faltarían aínda con estas previsións en torno a 8,6 millóns, por mor das actualizacións automáticas pola antigüidade e os complementos retributivos", advirte, tras alertar de que "tal desaxuste poderíase traducir nuns 250 despedimentos de PAS e PDI así como de maiores recortes salariais".

A central nacionalista advirte de 250 futuros despidos e máis recortes salariais

Ademais, no comunicado lémbrase tamén que nos fondos de I+D+i "aparéntase un lixeiro aumento", ao pasar dos 46 aos 48 millóns, pero advirten tamén  que "nos últimos tres anos estas consignacións orzamentarias resultaron ficticias". "Executouse un escaso 20% das partidas, xa que a Xunta non chegou a realizar a maioría das convocatorias previstas e diminuíu o alcance das poucas que se publicaron", din.

"A Xunta pretende que sexan as taxas académicas as que compensen a baixada orzamentaria anunciada"

"A Xunta pretende que sexan as taxas académicas as que compensen a baixada orzamentaria anunciada, para o que prevé un incremento por este concepto de 6 millóns de euros", explica a CIG, que cre que estas estimacións non son "axustadas á realidade" . Nin a previsión feita polo Goberno nas rebaixas salariais para o 2013, nin o acordo das taxas serían suficientes para cubrir unha diminución tan importante.

"Rexeitamos que se restrinxa o acceso ao ensino universitario por razóns económicas", quéixase o sindicato, que considera que os orzamentos son "unha sentenza de morte para as universidades públicas, xa que conculcan o principio de autonomía universitaria e van causar unha grave degradación do servizo público de ensino superior, ademais de dificultar o acceso da sociedade á universidade e provocar despedimentos de persoal", engaden.

En resumo, a Xunta recorta no esencial e incrementa as taxas, obriga as universidades a facer recortes e subir as taxas máis alá doutras consellerías e universidades do Estado, degrada o servizo público e dificultará o acceso ao ensino superior.

Por todo isto, a CIG fai "un chamado á comunidade universitaria para expresar o rexeitamento a estas políticas" e convida a acudir ás protestas, a primeira delas a levada a cabo na tarde deste mesmo xoves nas principais cidades galegas contra os recortes laborais e o deterioro dos servizos públicos.

Protesta contra os recortes no ensino público CC-BY Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.