Emilio Fernández: "Non estamos a formar universitarios e universitarias, senón especialistas"

Emilio Fernández, candidato a reitor da Universidade de Vigo © Alba Sotelo

Este luns 23 a Universidade de Vigo celebra eleccións ao Reitorado, que abandonará Salustiano Mato, unha vez acadados os oito anos que pode ocupar o posto. Dous candidatos optan ao cargo, Manuel Reigosa e o catedrático en Ecoloxía Emilio Fernández, con quen falamos. Fernández é o director do Campus do Mar desde o ano 2010; con anterioridade, foi Director Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente. Lidera a candidatura Ideas que Suman, que subliña "tres prioridades": Recuperar a ilusión e aumentar a confianza da institución no seu persoal "fomentando a identificación deste coa institución á que pertence", gañar o futuro e "preservar a autonomía da institución".

"O primordial é identificar e deseñar entre todos e todas cal vai ser o futuro da nosa universidade nun horizonte de 15 anos. E para iso queremos que o Claustro tema un papel activísimo na primeira fase da lexislatura"

Cales son os principais retos que debe enfrontar a Universidade de Vigo nos vindeiros anos?

Debemos atallar a excesiva burocratización da universidade, que está a ocupar moitísimo tempo do profesorado e do persoal de administración e servizos e que nos resta capacidade de facer o que temos que facer, que é investigar e das docencia. Polo tanto, temos que proceder a unha transformación radical do sistema administrativo da universidade. Temos tamén problemas importantes no ámbito da docencia, con desequilibrios serios. Pero para a nosa candidatura o primordial é poder identificar e deseñar entre todos e todas cal vai ser o futuro da nosa universidade nun horizonte de 15 anos. É dicir, ter unha visión estratéxica compartida sobre cara onde imos, que é o que queremos ser, como imos enfrontar os retos de futuro, como por exemplo a demografía que temos no territorio. O obxectivo prioritario da nosa candidatura, polo tanto, é a elaboración dun plan estratéxico da Universidade de Vigo que marque as liñas centrais de traballo. E para iso queremos que o Claustro tema un papel activísimo na primeira fase da lexislatura.

"Somos conscientes do difícil momento no que o equipo do reitor Mato desenvolveu o seu traballo. A economía da Universidade está saneada, o que nos permite estar agora nunhas condicións óptimas"

Que valoración fai da xestión realizada por Salustiano Mato nos últimos anos? Que se debe manter? Que se debe mellorar?

Somos conscientes do difícil momento no que o equipo do reitor Mato desenvolveu o seu traballo, posiblemente o peor momento económico da historia da universidade. Polo tanto, toda a análise que se faga ten que ter en conta o contexto no que se desenvolveu, con recortes de financiamento extremos. Hai algúns elementos que para min son extraordinariamente positivos: o primeiro, que a economía da Universidade está saneada, o que nos permite estar agora nunhas condicións óptimas para seguir traballando. Ademais, fíxose un gran traballo de proxección exterior da Universidade. Hai aspectos que temos que corrixir, relacionados coa propia estrutura administrativa e de xestión, como dixen anteriormente. Tamén aspectos ligados á política de profesorado. E temos que mellorar moitísimo a nosa oferta de mestrados e de doutoramento.

Como debe ser o financiamento da Universidade de Vigo? Como se pode mellorar? Como se poden incrementar os ingresos?

Se queremos unha universidade pública que traballe para a igualdade de oportunidades, o financiamento ten que ser fundamentalmente público. Isto non quere dicir que as universidades non teñamos corresponsabilidade na procura de recursos, de feito a Universidade de Vigo xa está a traballar intensamente nesa vía.

"Imos retomar un programa de retención de talento, ofrecendo contratos postdoutorais de tres anos a investigadores e investigadoras novas que doutro xeito marcharían da Universidade"

De que forma se pode promover a estabilización do profesorado ou do persoal investigador que neste momento se atopa nunha posición máis precaria ou que tivo que buscar oportunidades laborais noutros territorios?

Temos un problema importante na Universidade de Vigo e na universidade española en xeral, que é que estes anos que pasamos con taxas de reposición moi baixas, do 10% provocaron que os cadros de persoal docente e tamén de PAS están a envellecer moito. Isto, que sería grave en calquera administración, na universidade aínda o é moito máis, porque un profesor ou profesora non se forma en meses. A canteira para levar a cabo este relevo xeracional sen dúbida está neses investigadores e investigadoras mozos e mozas que neste momento figuran como profesores axudantes, axudantes-doutor ou mesmo asociados neste momento. E temos que conseguir estabilizalos. Con todo, temos un obstáculo importante: a masa salarial que podemos gastar en contratación de persoal é algo que nas universidades nos vén limitado.

Gustaríanos poder estabilizar a todas estas persoas, que teñen un talento moi importante e se atopan nunha situación de grande incerteza, pero teremos que facelo gradualmente, porque a nosa capacidade de contratación é dunhas 20 ou 25 prazas por ano, aproximadamente. Mentres, o que imos facer é retomar un programa que xa existiu na Universidade, de retención de talento, ofrecendo contratos postdoutorais de tres anos a investigadores e investigadoras novas que rematan a súa vinculación e que doutro xeito marcharían da Universidade. Non podemos permitir que este talento, formado aquí, marche.

"A constitución dun ecosistema universitario entre os centros do norte de Portugal e a Universidade de Vigo pódenos abrir as portas de América Latina"

Que propostas ten para a Universidade de Vigo nos vindeiros anos en materia de internacionalización, sobre todo tendo en conta a proximidade de Portugal e os vínculos cos centros da Eurorrexión?

Débese facer un esforzo importante na internacionalización dos nosos e nosas estudantes, co maior número posible de programas de mobilidade internacional e dando alternativas a quen non poden acceder á realización de estudos no estranxeiro. En canto á relación con outras universidades temos que emprestar unha atención preferente a Portugal, porque a relación entre Galicia e Portugal, sobre todo co norte de Portugal é privilexiada. Nós pensamos que a constitución dun ecosistema universitario entre os centros do norte de Portugal e a Universidade de Vigo pódenos ademais abrir as portas de América Latina, tanto dos países de fala hispana como de portuguesa, unhas relacións que poden ser determinantes para nós.

Como debe ser a relación entre as tres universidades galegas? Como debe ser a súa coordinación? Estanse a aproveitar todas as posibilidades que permitiría o traballo conxunto entre as tres institucións?

Neste momento hai moitos espazos e proxectos de colaboración entre as tres universidades galegas, pero na miña opinión hai unha marxe de mellora clara. Temos que incidir na coordinación dos estudos conxuntos que temos, varios mestrados universitarios nos que debemos mellorar a formación. Débense fortalecer ademais os mecanismos de colaboración do sistema universitario galego sobre todo no eido da investigación.

"Existe unha concepción, que eu rexeito, da universidade como empresa, que pode derivar na consideración dos e das estudantes como simples clientes dun produto que dende a universidade se ofrece"

Nas eleccións ao Reitorado chaman a atención habitualmente as reducidas porcentaxes de participación do estudantado. De que forma se podería implicar máis os e as estudantes nos comicios e coa propia universidade e a súa xestión?

Ós índices de participación do estudantado nas eleccións son efectivamente moi baixas habitualmente. E iso reflicte un problema que é común a todas as universidades do Estado, e que veu crecendo nos últimos anos. Existe unha concepción, que eu rexeito, da universidade como empresa, que pode derivar na consideración dos e das estudantes como simples clientes dun produto que dende a universidade se ofrece. Pero a concepción clásica da universidade era distinta: o estudante, cando ingresaba na universidade, pasaba a formar parte da mesma e isto foise perdendo. No programa incluímos medidas para fomentar o asociacionismo.

"A Universidade de Vigo ten que estar presente en todos os debates que existen na sociedade, de toda índole"

Que función deben cumprir as universidades na sociedade? Perdeuse un chisco o papel central que viñan cumprindo como formadores a varios niveis, de forma integral, e tamén o rol que antes cumpría como actor social?

Ese é un dos aspectos que máis vimos repetindo na nosa campaña. Creo que a universidade española cumpre con creces o seu obxectivo de formar profesionais, e así o din os empregadores, que resaltan que os e as estudantes que saen das universidades están ben formados e formadas nas súas áreas de coñecemento. Pero non estamos a formar universitarios e universitarias, o que estamos a formar son especialistas. A universidade é outra cousa: temos que formar unha cidadanía crítica que teña coñecementos amplos, que as persoas de carreiras científicas e técnicas teñan coñecementos de artes e humanidades, e ao revés, que as dos ámbitos humanísticos teñan unha ampla cultura científica. Estamos a perder, se non a perdemos xa, esa función e debemos retomala. Nas propostas levamos a posta en marcha dun programa moi intenso de formación transversal, de xeito que o coñecemento dos distintos ámbitos se mesture, tanto entre o estudantado coma entre o profesorado. E a segundo cuestión é que a Universidade de Vigo ten que estar presente en todos os debates que existen na sociedade, de toda índole. Neste momento non sempre a universidade é unha voz importante e protagonista destes debates.

As empresas son parte desa sociedade coa que a universidade ten que estar en permanente contacto. Pero en ocasións unha excesiva proximidade pode levar a unha mercantilización excesiva da institución? Como acadar un equilibrio?

As empresas forman, efectivamente, parte da sociedade, e as universidades públicas temos que ter unha estreita relación con elas, transferir coñecemento, establecer vínculos, programas de prácticas profesionais... Pero a universidade debe manter a súa autonomía, sobre todo no aspecto económico, porque doutro xeito nos converteriamos en algo que difire do que debe ser unha universidade pública. Isto non quere dicir que non poidamos participar en proxectos de I+D con empresas, accedendo a liñas de financiamento da investigación deste xeito, pero isto non pode significar que sexa o sistema empresarial o que determine o destino das nosas institucións.

"É un asunto que xa está a danar a imaxe das universidades públicas, non só a da URJC, porque pode dar a impresión de que todas funcionamos da mesma maneira"

A polémica xerada ao redor do caso do máster de Cristina Cifuentes pode prexudicar á imaxe do conxunto das universidades públicas españolas?

É un asunto evidentemente moi grave, que xa está a danar intensamente a imaxe das universidades públicas, non só a da URJC, porque pode dar a impresión de que todas funcionamos da mesma maneira. Eu son profesor de varios máster e pódoche asegurar que nun vin nada parecido: temos actas, os estudantes suspenden, repiten curso, se non se presentan a un exame aparecen como non presentados... Nun sistema universitario tan grande pode haber algún departamento que funcione mal, pero a cidadanía ten que ter a seguridade de que a inmensísima maioría funcionan correctamente. É un feito lamentable, moi lesivo, e do que temos que sacar unha aprendizaxe: que temos que extremar as precaucións para que este tipo de acto non sucedan.

 

Emilio Fernández, candidato a reitor da Universidade de Vigo © Ideasquesuman

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.