"Hai moitos beneficios en ter unha hora distinta no inverno e outra no verán"

'Perfil del tiempo', de Dalí Dominio Público Praza Pública

A finais do verán a Comisión Europea anunciou a súa intención de suprimir os cambios de hora estacionais que dende hai 45 anos se levan realizando no continente co obxectivo de aforrar enerxía e, sobre todo, de aproveitar mellor a luz solar. A Comisión seguía os resultados dunha consulta cidadá que cunha participación de 4,6 millóns de persoas amosara un apoio maioritario á súa supresión. A eliminación do cambio horario produciríase ao longo do ano 2019, non que os distintos Estados deberían escoller entre ficar co horario de verán ou co horario de inverno, non realizando xa máis cambios. Con todo, a maior parte dos expertos e expertas na materia amosaron de inmediato o seu rexeitamento á eliminación do cambio horario e varios países demandaron publicamente o seu mantemento, especialmente Portugal.

"É certo que o cambio horario xera un pequeno malestar durante algúns días. Pero se non o facemos, podemos atoparnos con situacións moi estrañas, como que amencería varias horas antes de entrar a traballar. Ou todo o contrario"

Rui Jorge Agostinho, director do Observatório Astronómico de Lisboa e autor do informe que recomendou ao goberno portugués a posicionarse en contra da eliminación do cambio estacional de hora, participou este martes no Consello da Cultura Galega nunha xornada de debate titulada “É racional o cambio estacional de hora?”. Nela tamén interviron José María Martín Olalla, profesor da Facultade de Física da Universidade de Sevilla, e Jorge Mira, catedrático do Departamento de Física Aplicada da USC e membro do comité de expertos para o estudo da reforma da hora oficial española.

Tanto Agostinho como Martín Olalla maniféstanse contrarios á eliminación do cambio horario, ao igual que Jorge Mira, que xa nesta entrevista destacaba que "o cambio de hora "busca pór un pouco de racionalidade" na ampla diferenza entre o día e a noite existente durante o ano. "O importante é permitir que os cidadáns poidan gozar de luz solar nos seus momentos de lecer", engadía.

De igual xeito José María Martín Olalla salienta que a principal vantaxe do cambio horario estacional -"máis que o aforro enerxético, que é mínimo"- é que "axuda a manter uns horarios estables pola mañá, para entrar a traballar ou ao colexio" e que "permite administrar mellor as horas de luz polas tardes". "A partir do século XX a posibilidade de contar con horas de ocio polas tardes converteuse en algo fundamental nas nosas sociedades", destaca. "É certo que o cambio horario xera unha serie de inconvenientes, un pequeno malestar durante algúns días. Pero se non o facemos, podemos atoparnos con situacións moi estrañas, como que amencería varias horas antes de entrar a traballar. Ou todo o contrario", engade.

"Dende hai décadas o benestar persoal está moi asociado a esta posibilidade de contar con horas de lecer polas tardes e coa posibilidade de aproveitalas con luz solar"

O mesmo opina Rui Jorge Agostinho, que subliña que "hai moitos beneficios en ter unha hora distinta no inverno e outra no verán, asociados á distinta hora en que nunha e noutra estación sae o sol e se pon e ao distinto uso que nun e noutro momento se fai do tempo". "Se adoptásemos un horario de inverno permanente, o sol sairía moi cedo no verán, unhas horas nas que case ninguén traballa. De igual xeito, o solpor adiantaríase moito, o que dificultaría as actividades de ocio das persoas ou a realización de compras", pon como exemplo o astrónomo portugués. "Dende hai décadas o benestar persoal está moi asociado a esta posibilidade de contar con horas de lecer polas tardes e coa posibilidade de aproveitalas con luz solar", di.

Un efecto igualmente estraño sucedería de adoptarse un horario de verán permanente, engade, amencendo moi tarde, sobre todo no inverno e con solpores moi serodios no verán. En Galicia, por exemplo, un horario de inverno permanente levaría a amencer ás 5:55 de xuño. E un de verán permanente atrasaría a saída do sol en decembro ata as 10 da mañá.

Liña do amencer no inverno | Universidad de Sevilla

"É unha cuestión que depende da latitude", explica Martín Olalla. "Non é a mesma a situación en Finlandia, onde pasan de ter unha noite case perpetua a ter un día case perpetuo; alí, polo tanto, que cambie a hora ou non é algo que case non afecta. Moi diferente é o que pasa na latitude na que se atopa a Península Ibérica, onde a hora do amencer cambia tres horas entre o verán e o inverno, unha diferenza que grazas ao cambio de hora reducimos a só dúas horas", di.

Martín Olalla é crítico coa actitude mantida neste proceso pola Comisión Europea neste tema, "no que actuou con pouco rigor", di. "Non podo anticipar o que vai facer o Goberno español. Só lle pido reflexión sobre o asunto. Hai outros Gobernos europeos que están pedindo unha moratoria para estudar mellor o asunto e demandando tamén que queden abertas todas as opcións", explica. Pola súa banda, Rui Jorge Agostinho destaca que "Portugal debe realizar un esforzo político, para que a Comisión Europea non impoña a supresión do cambio estacional". "A decisión é política", subliña.

Liña do amencer no verán | Universidad de Sevilla

"Non podo anticipar o que vai facer o Goberno español. Só lle pido reflexión sobre o asunto. Hai outros Gobernos europeos que están pedindo unha moratoria para estudar mellor o asunto e demandando tamén que queden abertas todas as opcións"

De feito, en outubro a presidencia rotatoria da UE, que este semestre ocupa Austria, propuxo adiar ao ano 2021 a decisión que en principio debía ser adoptada no outono do ano que vén. Aduce que a maioría dos países aínda non realizaron o debate público e as análises necesarias para decidir que hora escoller e que, ademais, os cambios e adaptacións obrigatorias para determinados sectores (sobre todo o transporte aéreo e outros) necesitarían de máis tempo. "A hora oficial afecta a todos os habitantes do país. Por iso calquera reflexión sobre ela debe ser pausada por parte dos responsables do Goberno, co mellor asesoramento posible, cun completo coñecemento dos factores en xogo e, sobre todo, cuns datos solventes", salienta Jorge Mira.

A frontal negativa de Portugal á supresión do cambio horario chega nun país que nas últimas décadas xa levou a cabo esa experiencia, á que tivo que dar marcha atrás polo rexeitamento maioritario que provocou na poboación. En 1992 o país adoptou o horario de verán permanente, que provocaba que durante varios meses de inverno se entrase a traballar de noite. A medida foi revertida en 1996. Cómpre lembrar que na consulta celebrada este verán o 76% dos portugueses e portuguesas que participaron (un número moi pequeno en termos absolutos en calquera caso) apostaron polo horario de verán permanente. E o mesmo fixeron o 58% dos españois e españolas. 

Comparativa do ritmo de traballo entre España (azul) e Francia (vermello)

 

Cambiar a hora legal ou racionalizar os horarios?

"A hora legal é unha convención, simplemente fixa unhas regras do xogo para a vida. Pero a partir de aí nós podemos xestionar os nosos horario dunha maneira ou doutra"

Para aproveitar mellor as horas de sol é imprescindible mover a hora legal? Ou é máis importante o debate sobre a racionalización de horarios? "Mellorar a conciliación non require alterar o fuso, só require mellorar a conciliación", destaca Martín Olalla. "Son esas outras medidas, de carácter social, as que merecen unha análise e onde debe centrarse a discusión académica, o debate público e a acción política", engade. "A hora legal é unha convención, simplemente fixa unhas regras do xogo para a vida. Pero a partir de aí nós podemos xestionar os nosos horario dunha maneira ou doutra: a que hora comezamos a traballar, a que hora saímos, a que hora comemos, que duración ten a pausa do mediodía, a que hora nos deitamos... Son dous temas distintos que ultimamente en España se están a mesturar. Este debate é moi interesante, pero debemos entender que non depende da hora legal", di.

Neste senso, o libro É o noso fuso horario un problema?, editado o pasado ano polo Consello da Cultura, afonda nesta cuestión, sinalando o profesor José María Fernández-Crehuet, apostaba por utilizar o cambio de fuso para forzar un cambio de horarios na sociedade española. Algo ao que Martín Olalla responde "se se cambia a hora legal pode suceder que a sociedade simplemente se adapte ao novo horario, adiantando ou atrasando as súas accións, ficando finalmente na mesma posición en relación ao sol, pero cunha hora legal diferente".

Rui Jorge Agostinho afirma que "é certo que en Galicia a hora legal está desviada da hora solar". Porén, sinala que "a realidade é que as actividades están adaptadas a esa hora solar"

Sería máis conveniente que Galicia adoptase o actual fuso horario de Portugal? Preguntado por esta cuestión, Rui Jorge Agostinho afirma que "é certo que en Galicia a hora legal está desviada da hora solar". Porén, sinala que "a realidade é que as actividades están adaptadas a esa hora solar, de xeito que a hora de inicio do traballo ou do colexio está adaptada á hora do sol e o mesmo sucede coas horas do xantar ou da cea, máis serodias". "Gañaría algo Galicia ou o conxunto de España adoptando a hora UTC? Eu non vexo que fose ter un efecto positivo necesariamente", afirma o astrónomo portugués, que pide "analizar a historia de cada país". "Portugal sentiuse ben nos últimos cen anos tendo hora UTC, é unha cuestión de tradición. En España son xa 78 anos con esta hora legal, tres xeracións e media de persoas, polo que a sociedade tardaría bastante tempo en adaptarse a un cambio de hora legal", di. "Pero esa é unha cuestión da socioloxía e non do meu campo, a astronomía", remata.

Inicio e final da actividade laboral en distintos países | Universidad de Sevilla

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.