Medio Ambiente eleva a 1.000 hectáreas o desastre do Eume, Medio Rural manteno en 750

Dominio Público Susete

"Activo pero controlado". É a expresión utilizada pola Xunta para definir o estado do incendio das Fragas do Eume tras a segunda noite de batalla contra as lapas. Dous termos, ata agora contraditorios na propia terminoloxía oficial, que ilustran o que a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, admite en declaracións á Cadena SER. Malia á seguridade amosada nas escasas comunicacións públicas chegadas dende San Caetano, Quintana recoñece o que para moitos, a comezar polos alcaldes da zona, é evidente. "De momento, os datos que temos son provisionais" e "falamos de 750 hectáreas de perímetro", precisa. Apenas dúas horas máis tarde e desde Monfero o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, xa situaba en 1.000 as hectáreas arrasadas no Eume, pero pouco despois a Xunta, dende o seu Twitter, oficial, precisaba que "a cifra oficial da Xunta non variou. A cifra de hectáreas queimadas é 750"".

Neste contexto, as trinta brigadas da Xunta (ademais de 3 técnicos, 28 axentes forestais, 17 motobombas, 3 palas, 8 helicópteros, 7 avións e efectivos de Protección Civil de Mugardos) e os case trescentos efectivos da Unidade Militar de Emerxencias despregados na zona traballan arreo non só apagando o lume, senón tamén arrefriando o monte antes de que reavive o vento a mediodía. Trátase de evitar o que aconteceu na tarde do domingo, cando en Monfero rexurdiron cunha altura de dous metros lapas que xa foran apagadas. Malia á visión, a priori máis realista, da titular de Medio Rural, o servizo de comunicación do Executivo mantén que "o lume non avanzou máis na noite", que o seu perímetro "está practicamente controlado" e que o nivel 1 -risco para as vivendas- está activado só "por precaución". "O peor do incendio das Fragas xa pasou", resume a Xunta.

En calquera caso, e tendo en conta que a suma das estimacións de Medio Rural ofrecida no mediodía do domingo xa subía os rexistros a 850 hectáreas, todo semella que sobre o terreo xa é innegable a gran dimensión do desastre. Como adiantou Praza Pública a quen lle encomendou o Executivo a relación directa cos municipios afectados, a comezar polos alcaldes, é ao conselleiro de Medio Ambiente. El presidiu a xuntanza cos rexedores deste mediodía en Monfero e a el lle corresponde, polo tanto, dar explicacións ante as acusacións de "descoordinación" lanzadas, por exemplo, polo alcalde da Capela, Manuel Meizoso.

A Xunta asegura que o lume podería ficar extinguido este luns mentres Feijóo se afasta da primeira liña de lume florestal e mediático

Mentres, a propia Rosa Quintana resta implicitamente rigor a esas queixas. "Eu desculpo todo polo nerviosismo, entendible en momentos como os que se viviron o sábado", repetiu en varias intervencións radiofónicas que se converten, xunto ao Twitter, na única fonte de información oficial ata a xuntanza de Hernández e os alcaldes. Malia a ese "nerviosismo", asegura, "a coordinación é máxima" e os medios de extinción, suficientes.

Este é o contexto no que segue a loita contra o lume nunhas Fragas que, sempre segundo o Goberno galego, poderían deixar de arder no propio luns. Con todo, e aínda que esa extinción chegase xa, a preocupación sobre o que era o bosque atlántico mellor conservado de Europa non remata. É máis, no caso de que chegasen as agardadísimas chuvias a catástrofe ecolóxica podería incrementar. Se as cinzas chegan ao río eume, o ecosistema fluvial, primeiro, e o da ría, despois podería quedar gravemente afectados. "A partir de que deamos o incendio por extinguido emepzaremos a poñer en marcha as medidas paliativas necesarias", asegura a conselleira. A batalla contra o lume continúa e, aínda que non foi confirmado oficialmente, numerosas voces apuntan a que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se retirará da primeira liña de lume, florestal e mediático. Pola mañá participou no Comité Executivo do PP, en Madrid, onde insistiu na suá proposta de endurecer as penas aos culpables de delitos de incendio. Pola tarde, isto si confirmado oficialmente, realizará unha visita ás obras do porto exterior da Coruña.

 

 

© Susete
Dominio Público Susete

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.