Medio Rural ordenou o 28 de marzo mercar de urxencia 1.500 fundas para o persoal contra incendios

Brigadistas de Medio Rural, coas súas fundas de traballo © Xunta

Os tempos administrativos rara vez entenden de imprevistos. A casualidade vénlle de xogar unha mala pasada á Consellería do Medio Rural. Como adoita acontecer en cada primavera o departamento agora dirixido por Rosa Quintana puxo en marcha as contratacións do material que o persoal do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios emprega durante o verán. Así, por exemplo, a finais de febreiro activou o procedemento para obter traxes de protección ignífugos, botas para brigadas e condutores de motobombas e luvas. Pero, ademais deste primeiro contrato, a Consellería ordenou outro, co obxecto do "subministro e entrega dun mínimo de 1550 monos de protección ignífugos para a realización de traballos de prevención e extinción de incendios forestais". A particularidade desta resolución é que se está a tramitar co procedemento de urxencia e que iniciou o percorrido legal o pasado 28 de marzo, isto é, só tres días antes do gran incendio das Fragas do Eume.

Pero, que significa que ese procedemento de urxencia? Atendendo á Lei de Contratos do Sector Público, esencialmente que todos os trámites duran a metade que nunha contratación normal. Así, as empresas interesadas en servirlle este material á Xunta teñen só ata o vindeiro día 12 para presentar as súas ofertas. A parte económica das mesmas -denominada "sobre B"- será aberta por Medio Rural en acto público a finais deste mes e, unha vez resolta a adxudicación e formalizado o contrato a empresa aínda terá 35 días para servir as fundas. Así as cousas, todo semella indicar que o obxectivo desta operación é contar cos equipos, como moi cedo, no inicio formal do verán, malia ao adianto real da campaña de incendios deste 2012 a causa das altas temperaturas e a ausencia de precipitacións.

Os pregos de condicións deste contrato público permiten coñecer, ademais do custo desta roupa de traballo, un máximo de 224.750 euros para ese número mínimo de 1.550 monos, as características técnicas que debe ter "para a realización de traballos de prevención e extinción con seguridade e eficacia", segundo se indica nas propias cláusulas do prego. Segundo consta no documento oficial, Medio Rural valora a calidade do "tecido principal hidrofugado", os "velcros costurados en cruz", os "reforzos nas perneiras" e nos ombreiros, as proteccións nos cóbados, a existencia de petos adicionais aos mínimos esixidos ou a inclusión do preceptivo material reflectante. Ademais, cómpre que o fabricante teña en conta a resistencia térmica e ao vapor de auga ou se a funda encolle ou non ao ser lavada.

Mangueiras en marzo

O que semella un erro na Plataforma de Contratación Pública da Xunta -incluíuse un documento que non corresponde co contrato das fundas de traballo- permite coñecer tamén que, entre as compras habituais de material anti incendios, Medio Rural tramitou tamén a mediados de marzo a subministración "de tramos de mangueiras para a realización de traballos de prevención e defensa contra os incendios forestais durante o ano 2012". Dada a data na que está asinado o prego de condicións técnicas, o 12 de marzo e as características do mesmo todo semella indicar que, ao contrario que no contrato das fundas, neste non hai ningún tipo de excepcionalidade.

Destinadas aos vehículos autobomba, a Consellería esixe que as mangueiras sexan "novas, de recente fabricación, de tipo moderno e de primeira calidade". "Dado que este material será utilizado en operacións de extinción, en duras condicións de traballo, as súas características básicas serán tales que reúnan unhas condicións de robustez, lixeireza, facilidade de manexo, conservación e mantemento, que aseguren a máxima efectividade e duración do mesmo", explica. Así, por exemplo, as mangueiras deben ter 25 milímetros de diámetro interior, "en tramos de 20 metros de lonxitude". Ademais, o tecido do material "posuirá un tratamento que o protexa contra os fungos, bacterias e microorganismos" e Medio Rural "establecerá o anagrama ou texto que se marcará de forma indeleble en todos os tramos da mangueira". Neste caso, o orzamento para mercar un mínimo de 1.280 treitos de mangueira, de 20 metros cada un, é de 120.320 euros.

Brigadistas de Medio Rural, coas súas fundas de traballo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.