Non, o culpable de veres 'Sanjenjo' nun mapa non é Google (é a Wikipedia en español ou a túa configuración)

Mapa da Ría de Arousa en Google Maps na configuración idiomática de 'Español' © Google

De cando en cando recuncan as mesmas reclamacións a Google para que "respecte" a forma oficial dos topónimos galegos. Dende entidades sociais e culturais, concellos, dende peticións online e mesmo dende o Parlamento galego. Porén, como ben lembrou estes días nas redes sociais o investigador social e analista político Carlos Neira, a maior parte da responsabilidade de que nalgunhas ocasións aparezan en Google Maps topónimos traducidos ao castelán non é precisamente de Google, senón da configuración idiomática que cada persoa teña no seu ordenador e, de forma moi destacada, da comunidade da Wikipedia en español. É dicir, que todas esas ben intencionadas protestas e esforzos están a errar o tiro, en lugar de dirixirse onde realmente poderían ser efectivas.

Gran parte do problema solucionaríase, simplemente, dedicando uns segundos a configurar os nosos ordenadores e fomentando que os usuarios galegos así o fagan

A forma en que o servizo de mapas de Google (con diferenza o máis utilizado) presenta os topónimos depende en primeiro lugar da configuración de idioma que cada persoa teña no seu navegador. Se o navegador está configurado para empregar o español, o mapa amosará Sanjenjo, Puebla del Caramiñal, Ginzo de Limia ou Piedrafita del Cebrero. En cambio, se eliximos o galego como lingua do navegador, Google Maps ofreceranos os mapas cos topónimos reais. De feito, se eliximos o francés, no mapa leremos La Corogne ou Saint-Jacques-de-Compostelle. O cambio de idioma pode facerse, ademais, na propia páxina de Google Maps, nunha das opcións do menú que se localiza á súa esquerda.

O mesmo mapa, configurando o navegador na opción de 'galego' © Google Maps

Polo tanto, gran parte do problema solucionaríase, simplemente, dedicando uns segundos a configurar os nosos ordenadores e fomentando que os usuarios galegos así o fagan. Pode haber máis dificultades, iso si, nos dispositivos móbiles, pois non todos os navegadores e aplicacións contan coa opción de galego, e ante a súa ausencia, o sistema ofrecerá os topónimos traducidos ao castelán. 

E aquí chegamos ao verdadeiro núcleo do problema. Pois, por que Google entende que existe unha versión castelá dos topónimos cando a única forma legalmente existente é a galega? Para cada idioma Google emprega os topónimos na forma en que aparecen na versión da Wikipedia correspondente. Así, cando a aplicación está configurada en castelán, o mapa emprega a forma que a comunidade castelá da enciclopedia decidiu que era o correcto. 

Para cada idioma Google emprega os topónimos na forma en que aparecen na versión da Wikipedia correspondente. E a comunidade da enciclopedia en castelán optou por traducilos a esta lingua

Se consultamos Xinzo de Limia na versión castelá, a entrada na enciclopedia sinala que "en gallego y oficialmente" o topónimo é Xinzo de Limia, pero opta pola forma Ginzo de Limia, utilizando como fonte o Diccionario de topónimos españoles y sus gentilicios publicado por Pancracio Celdrán Gomáriz no ano 2002. 

Trátase dun vello e longo debate na comunidade da Wikipedia, que se saldou cunha "convención de títulos" que sinala que que "a convención específica para topónimos de España di que os topónimos deben utilizarse en castelán". Sublíñase que "a pesar de que as autoridades das localidades dalgunhas comunidades autónomas bilingües españolas decidiron que o topónimo no idioma distinto ao castelán na súa comunidade autónoma sexa a única forma oficial, unha maioría de usuarios da Wikipedia en español prefire conservar o uso dos topónimos tradicionais na nosa lingua". Engade que "aludir ás leis que regulan o uso de topónimos tampouco é un argumento válido, por canto fano só no ámbito da correspondente documentación e sinalización oficial, non no resto dos usos".

"A campaña necesaria para ver a toponimia en galego non pasa por reclamar a Google polo Maps", senón nunha campaña tripla "de menor a maior grao de dificultade"

Polo tanto, "a campaña necesaria para ver a toponimia en galego", como concluía Carlos Neira hai uns días, "non pasa por reclamar a Google polo Maps", senón nunha campaña tripla "de menor a maior grao de dificultade". En primeiro lugar, por "avisar unha e outra vez á xente, á galegofalante principalmente, para que configure en galego o navegador dos equipos PC". En segundo lugar, por "pedir a Google polo Android e a Apple polo iOS o galego nos sistemas operativos de móbiles e tablets e os seus navegadores por defecto". E, finalmente, por "conseguir que a comunidade de editores da Wikipedia en Español respecte a forma oficial do topónimo ou cando menos a utilice en primeiro lugar".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.