O Consultivo dubida da legalidade de que os colexios peneiren o alumnado antes de admitilo

O ex conselleiro de Educación, nun colexio © Xunta

Contra o criterio da comunidade educativa e tamén contra o do Consello Consultivo. O pasado decembro a Xunta sacaba adiante definitivamente o seu novo decreto de escolarización, unha norma que establece que, por primeira vez, cada colexio ou instituto poderá "establecer criterios complementarios" de admisión de estudantes que se engadirán aos xerais, como a proximidade da vivenda ao centro ou as características socioeconómicas da familia. Cun peso de ata un punto, estes criterios serán "circunstancias relevantes apreciadas xustificadamente polo órgano competente do centro", unha ambigua redacción que, segundo analizan os xuristas do máximo órgano consultivo da autonomía, pode dar lugar á "inseguridade xurídica".

Nun ditame publicado o pasado día 3 o Consultivo explica que "debe admitirse a posibilidade de que a comunidade autónoma introduza criterios complementarios aos establecidos" na lexislación estatal, xa que esta fixa liñas "prioritarias" que non teñen por que ser "únicas". Esta vía, abonda, mesmo foi ratificada polo Tribunal Constitucional, polo que "existe certa marxe de configuración da normativa autonómica para incluír criterios complementarios, atendendo ás particularidades da súa realidade social, pero esta marxe debe ser utilizada de xeito que non resulten desnaturalizados os criterios que a norma básica configura como prioritarios", advirte.

A Xunta permítelle aos colexios establecer "criterios complementarios" para admitir estudantes, con peso de ata un punto

Neste contexto, e ante a norma promulgada pola Xunta, o Consultivo salienta que os criterios que fixe o Goberno autonómico "deben ter natureza obxectiva e estar xustificados dende unha razoable ordenación do dereito á educación". Pero isto, coida, non acontece no decreto do departamento que dirixe Jesús Vázuqez. "Á problemática que suscita a admisión de criterios complementarios, neste caso engádese o carácter excesivamente xenérico do precepto", di o ditame, "que dificulta a determinación de cales poden ser estas circunstancias relevantes que poden ser valoradas no proceso de admisión do alumnado".

O propio órgano consultivo lémbralle á Xunta que este non é o primeiro cuestionamento que recibe a singular peneira de estudantes. "A cuestión foi obxecto dun amplo debate no Consello Escolar de Galicia", no que existiron "posicións claramente contrapostas entre os partidarios da supresión" da capacidade selectiva por parte dos centros "e os de darlle unha maior ponderación". "Durante o citado debate", lembra, "falouse de determinadas circunstancias que poderían valorarse neste apartado" e algunhas delas, advirte, "suscitan serias dúbidas sobre o seu axuste á lei", xa que "se falou de antigos alumnos, familiares de docentes ou formación relixiosa ou moral que se desexe para os fillos e fillas".

O Consultivo cre que o decreto abre a porta a "valorar circunstancias que non se axustan á legalidade"

Así as cousas, e ante a "indefinición do texto, con abuso de conceptos xurídicos determinados" que mesmo permite "valorar circunstancias que non se axustan á legalidade", o Consello Consultivo considera "preciso que o texto concretase cales son as circunstancias que poden ser obxecto de valoración". Como xa acontecera noutros casos, como o decreto do plurilingüismo, o organismo vén instar a Consellería de Educación a non deixar en mans alleas responsabilidades que lle corresponden ao Goberno. Así, insta a Xunta a establecer "unha listaxe da que, se é o caso, o órgano competente de cacda centro poida escoller a que estimase oportuna".

O ex conselleiro de Educación, nun colexio © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.