O Oceanográfico de Vigo confirma que deu reproducido o polbo en catividade

Un dos polbos reproducidos en catividade Dominio Público IEO

Adiantárao o xornal científico GCiencia e o Instituto Español de Oceanografía vén de confirmalo. Un equipo do Oceanográfico de Vigo vén de lograr, en colaboración con outro de Tenerife, a reprodución do polbo en catividade. Ou, o que é o mesmo, veñen de ratificar o "fito científico" que, agora si, abre as portas á cría en piscifactoría do cefalópodo en plena alerta pola súa escaseza mentres a demanda segue a medrar, co consecuente incremento dos prezos.

Prevén que o polbo de acuicultura poida chegar ao mercado nuns cinco anos

O IEO explica que, tras "vinte anos de investigacións" sobre o cultivo do polbo común (octopus vulgaris), agora foron capaces de achar "novas técnicas de cultivo e alimentación consistentes no crecemento das larvas cunha metodoloxía máis rendible e replicable" que todas as utilizadas ata o momento. Durante anos, a supervivencia dos exemplares era moi escasa, case nula.

Exemplares dos polbos que o IEO deu criado en catividade © IEO

"O polbo -explica a institución científica- ten un ciclo curto de vida, pero con potencial de crecemento" e isto "convérteo nunha especie idónea para o seu cultivo e desenvolvemento en catividade". No entanto, ata agora non era posible reproducilo. Así e todo, a enorme demanda a nivel global "provocou un incremento da súa pesca" e, ao tempo, "o incremento de estudos e investigacións" para crialo. "Este feito, xunto ao seu elevado prezo no mercado, fai que sexa un excelente candidato para a diversificación da acuicultura.

As fases futuras da investigación van ser desenvolvidas sobre a base dun contrato do IEO con Nueva Pescanova, empresa con "opción preferente de licenza da patente"

Ata acadar este fito o equipo científico centrouse en cada unha das fases do desenvolvemento do polbo: ovos, paralarvas, xuvenís e adultos. "Os ensaios realizados no IESO melloran os resultados obtidos ata agora no cultivo larvario e lograron obter xuvenís, cos cales iniciar a fase de engorde ata chegar a adultos. As fases futuras da investigación van ser desenvolvidas sobre a base dun contrato do IEO con Nueva Pescanova, "polo que esta empresa ten unha opción preferente de licenza da patente do IEO sobre estas investigacións".

Segundo o instituto, "ambas institucións teñen interese en pechar o ciclo en catividade a nivel comercial do polbo común. É por iso que equipos públicos e privados traballarán conxuntamente para tentaren que o polbo de acuilcultura poida ser unah realidade en, aproximadamente, media década.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.