O XaTcobeo supera todas as probas con éxito e entra agora na fase máis esixente

O XaTcobeo © Universidade de Vigo

O picosatélite realizado pola Universidade de Vigo atópase aínda, unha semana despois de ser posto en órbita, na fase inicial da súa misión, mais, en palabras do investigador principal do proxecto e profesor Fernando Aguado, “pódese afirmar de forma obxectiva e constatable que cumprimos con éxito o proceso de deseño, fabricación, validación e aceptación, segundo os estándares da Axencia Espacial Europea para unha órbita tan esixente”. O XaTcobeo dá voltas no espazo moito máis rápido do esperado, seis voltas por minuto fronte á unha ou dous habituais. Así mesmo, o satélite foi exposto a niveis de temperatura extremadamente elevados.

Por suposto, están cubertos os obxectivos educativos, xa dende a fase de proxecto e construción, pero o feito de que o satélite estea respondendo sen problemas na contorna espacial máis esixente en canto a niveis de radiación, vibración e temperatura supón unha garantía de que “o sistema funcionará de forma inmellorable en órbitas comerciais, xa que foi validado en condicións moitísimo máis esixentes respecto das que ten operado ningún cubesat ata hoxe", segundo Aguado, que engade que "é un fito que moi poucas universidades poderán compartir”.

O proxecto entrou xa na seguinte etapa dentro da primeira fase, a da estabilización da plataforma que se realizará de xeito natural e pasivo e que “permitirá levar ao satélite aos rangos de temperatura e xiro esperados e ir avaliando as seguintes fases”, explica Aguado. A parte da misión interna que queda por cualificar correspóndese coas operacións da carga útil, os experimentos que o satélite leva a bordo: unha radio-software, reconfigurable en voo e un medidor de radiación que aproveitará a órbita do XaTcobeo para realizar medicións de como a radiación dos aneis de Van Allen afectan á electrónica embarcada.

O equipo responsable do proxecto, celebrando o éxito na posta en órbita do picosatélite Dominio Público Praza Pública
O XaTcobeo © Universidade de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.