Os afectados pola suspensión da convocatoria de 34 prazas na USC piden unha reunión co reitor

Dominio Público Praza Pública

A Plataforma formada polas afectadas e afectados pola resolución reitoral que suspende cautelarmente as prazas convocadas o 21 de setembro ven de solicitar unha entrevista informativa urxente co reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long. A convocatoria de 34 prazas foi cautelarmente suspendida nunha comunicación do 26 de outubro, próxima á data na que a convocatoria esgotaba o prazo previsto de publicación das listaxes provisionais de admitidos e excluidos.

As afectadas pola resolución, salientan que "as prazas suspendidas de xeito cautelar son prazas de transformación de contratos xa existentes en figuras específicas e graduais da carreira universitaria. Polo tanto, estas prazas non implican un incremento do persoal laboral da USC"

A USC explicou a decisión en base ás "comunicacións remitidas a esta universidade pola Dirección Xeral de Orzamentos” da Xunta. Pero o conflito iniciouse co recurso contencioso-administrativo que o Ministerio de Facenda interpuxo contra a convocatoria baséandose no Real Decreto-lei 20/2011, de 30 de decembro, de medidas urxentes, que prohibía a incorporación de novo persoal ás administracións públicas, agás en casos excepcionais.

Porén, as afectadas e afectados pola resolución, salientan que "as prazas agora suspendidas de xeito cautelar son prazas de transformación de contratos xa existentes en figuras específicas e graduais da carreira universitaria. Polo tanto, estas prazas non implican un incremento do persoal laboral da USC nin da masa salarial autorizada pola Xunta de Galicia". Con todo, a convocatoria é un concurso público, de xeito que todos os aspirantes a estas prazas, pertenzan ou non ao Persoal Docente e Investigador (PDI) da Universidade de Santiago, están afectadas por esta detención cautelar do proceso selectivo.

A Plataforma lembra que "estas e estes afectados pola suspensión cautelar da convocatoria presentan unha alta produtividade en docencia, investigación e xestión"

A Plataforma polo Levantamento da Suspensión Cautelar está composta por PDI da USC en diversas situacións contractuais que obrigan a unha transformación da relación laboral coa institución. A Plataforma lembra que "estas e estes afectados pola suspensión cautelar da convocatoria presentan unha alta produtividade en docencia, investigación e xestión, acreditada polas axencias externas avaliadoras da calidade  –ACSUG para Galicia e ANECA para o Estado–, así como unha relación laboral de longa duración coa Universidade de Santiago, nalgúns casos de 35 anos". Por conta do traballo docente desenvolvido, os profesores e investigadores afectados teñen unha media de 300 alumnos e alumnas aos que imparten aulas tanto en grao e licenciatura como en mestrados e programas de doutoramento nun total de 14 facultades da USC.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.