'Plantón' de pais, sindicatos e alumnos no Consello Escolar do Estado

José Ignacio Wert, ministro de Educación © Goberno de España

Plantón a Wert. Representantes da Confederación Española de Pais e Nais de Alumnos (Ceapa), os sindicatos de ensino de CCOO, UGT, STES-i, CIG, ELA, a Confederación Estatal de Asociacións de Estudantes (Canae), o Sindicato de Estudantes e membros da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) decidiron abandonar o Pleno do Consello Escolar do Estado deste martes, no que se debatía o informe do anteproxecto de Lei de Mellora da Calidade Educativa (Lomce), a polemica reforma impulsada polo ministro.

As organizacións marcharon en protesta pola non tramitación dun ditame alternativo ao elaborado pola Comisión Permanente

Todas as organizacións protestan así pola decisión do presidente do Consello Escolar do Estado, Francisco López Rupérez, de non tramitar ante o Pleno o informe ditame de STES-i, alternativo ao elaborado pola Comisión Permanente sobre a reforma educativa do Goberno, baseándose nun informe da Avogacía do Estado.  "Supón censurar a opinión dunha parte do profesorado e un ataque á liberdade de expresión", queixáronse os diferentes grupos representados.

No devandito informe da Avogacía asegúrase que o ditame de STES-i cumpre os requisitos exixibles de "motivación" e "precisión", pero non así o de "respecto", tres requisitos que deben cumprir os ditames alternativos segundo o regulamento do Consello Escolar. O documento mencionado sinala que entende o requisito de "respecto" como a "debida neutralidade", polo que o ditame de STES-i non pode ser tomado como voz dunha institución.

"É completamente absurdo en democracia porque o respecto consiste en que se presenten os informes alternativos no Consello Escolar, expresar as opinións que libremente se queiran e despois dun debate e unha votación apróbase o informe que se considere pertinente, xa sexa o da Comisión Permanente ou o de calquera das organizacións que estamos aquí", denunciou á saída do Pleno o portavoz de STES-i, Augusto Serrano.

Ademais, acusou o presidente deste órgano consultivo de "cernar gravemente" o dereito á liberdade de expresión, "amparándose nun informe da Avogacía do Estado que non vai máis aló porque non fai ningunha formulación de legalidade".

"O ministro recortador non só recorta condicións laborais, liberdade e equidade, senón tamén liberdades"

Pola súa banda, o secretario xeral da Federación de Ensino de CCOO, José Campos, indicou que o rexeitamento do documento de STES-I "foi a pinga que colmou o vaso". "Levamos un mes sen participación e, aínda por riba, no momento de máxima participación da comunidade educativa hai un atentado á liberdade de expresión", denunciou Campos, para advertir de que co abandono do Pleno o que queren demostrar é que o "ministro recortador non só recorta condicións laborais, liberdade e equidade, senón tamén liberdades" .

"Levamos un mes sen participación e, aínda por riba, no momento de máxima participación da comunidade educativa hai un atentado á liberdade de expresión"

A Federación de Asociacións de Estudantes Progresistas (Faest) xa anunciara este luns que non se presentaría ao Pleno do Consello Escolar onde, aseguran, sairá un ditame que lexitime a "contrarreforma educativa" exposta polo ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert. Para a organización estudantil "a Lei Wert supón a cristalización de todo o desmantelamento económico que xa sufriu a educación pública".

José Ignacio Wert, ministro de Educación e Cultura © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.