Pódese contar a ciencia en galego?

Cadea de ADN Dominio Público Praza Pública

O galego é unha lingua válida para todos os ámbitos. Isto, que debería ser unha obviedade, parece ser negado polo Decreto de Plurilingüísmo aprobado polo Partido Popular en 2010 que no seu artigo 6º impide expresamente impartir a materia de Matemáticas en Primaria e no artigo 7º as materias de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e química en Secundaria. Afortunadamente, numerosas iniciativas demostran que as matemáticas en galego explícanse de marabilla, ou que a lingua galega é un idioma perfecto para as novas tecnoloxías e as cousas novas. Unha desas iniciativas é Igaciencia (entidade a prol da Ciencia Galega e do Galego na Ciencia). En entrevista con Praza o seu presidente, Manuel Díaz Regueiro, sinalaba que "semella que consideran que hai unhas materias nobres -fálanse en A- e outras menos nobres, ou folclóricas -en B- (...) O único que queren facer é transmitir con esa medida a idea de que o galego é unha lingua de labregos, obreiros e poetas, pero non burguesa, de xente acomodada. Unha lingua da que hai que mudar se un quere prosperar, unha lingua B".

Sonia Villapol: "A neurociencia dinos que transmitir coñecemento novo na lingua nai, neste caso dos galegofalantes, beneficia a asimilación e a comprensión de calquera concepto, e sen dúbida faise máis rápido que noutra lingua coma podería ser o castelán ou o inglés"

É o galego unha lingua válida para a ciencia? Por que se mantén (ou se quere manter) esa situación de diglosia na que se veta o seu uso en ámbitos científicos ou técnicos? "O galego é completamente válido, claro que si, como o é calquera das seis mil linguas existentes no planeta. Todas as linguas, mesmo as que contan con poucos fonemas, teñen a capacidade de transmitir calquera tipo de pensamento, por complexo que sexa", comenta Xurxo Mariño, profesor da UDC especializado no funcionamento do cerebro e divulgador científico. Coa mesma rotundidade se expresa Xacobo de Toro, mestre de bioloxía e xeoloxía no IES Urbano Lugrís de Malpica e ben coñecido polos vídeos de divulgación que publica (en galego) na súa canle de Youtube, que suman nalgúns casos máis de 13 mil reproducións: "Non existe ningún obstáculo. O galego vale perfectamente para divulgar a ciencia e para o ensino da ciencia. É a lingua que manexamos habitualmente na nosa terra, cando menos no ámbito no que eu imparto clase. E se non, por exemplo nos vídeos que fago, para iso están os subtítulos".

Xurxo Mariño: "Se buscamos algunha capacidade extraordinaria que temos os seres humanos é precisamente a capacidade lingüística. Rexeitar a posibilidade de botar man dunha lingua cando a tes aí diante é algo que non me entra na cabeza"

E tamén o fai Javier Balea, un dos responsables da conta de divulgación Moléculas en Galego, que suma 3.500 seguidores e seguidoras en twitter: "O galego, como calquera outra lingua, é valido para ciencia e para calquera outra disciplina. No meu caso, eu son químico. E así como tiven dificultades para desenvolver o meu traballo en galego no propio país, nunca tiven problemas para difundir as miñas ideas ou os meus estudos en galego". Sonia Villapol, neurocientífica e profesora na Universidade de Georgetown (EE.UU.) vai máis alá e explica que "a neurociencia dinos que transmitir coñecemento novo (tecnolóxico ou científico) na lingua nai, neste caso dos galegofalantes, beneficia a asimilación e a comprensión de calquera concepto, e sen dúbida faise máis rápido que noutra lingua coma podería ser o castelán ou o inglés". "Neste caso o galego é a mellor das ferramentas para a aprendizaxe máis efectiva", subliña. Xurxo Mariño apunta que "se buscamos algunha capacidade extraordinaria que temos os seres humanos é precisamente a capacidade lingüística. Rexeitar a posibilidade de botar man dunha lingua cando a tes aí diante é algo que non me entra na cabeza, porque calquera lingua trae con ela unha riqueza extraordinaria".

Xurxo Mariño © TEDx Talks

As razóns do veto ao galego na ciencia

Iria Veiga: "Dáse un círculo vicioso, por mor dun preconcepto que entende o galego como unha lingua familiar ou coloquial ou como unha lingua de cultura, pero entendida a cultura como unha cuestión poética ou sentimental"

"Razón non hai ningunha. Tanto matemáticas como física ou química poden ser impartidas en galego. Dende logo ninguén tería problemas para comprender", opina Xacobo de Toro. "Nas Matemáticas, que máis ten dicir “tres máis dous” que “tres más dos”? De feito, as matemáticas son a materia máis doada de impartir noutro idioma", engade. "É posiblemente unha cuestión en parte herdada do pasado. Ata hai unhas décadas todas as publicacións científicas estaban en castelán. Pero dende o inicio da autonomía iso comezou a cambiar. Mesmo así mantense un falso prestixio do castelán cando a única lingua realmente universal e vehicular na ciencia é o inglés", sinala Javier Balea.

Iria Veiga, psiquiatra no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, apunta que "se dá un círculo vicioso, por mor dun preconcepto que entende o galego -no peor dos casos- como unha lingua familiar ou coloquial, ou -no mellor dos casos- como unha lingua de cultura, pero entendida a cultura como unha cuestión poética ou sentimental, como diría Helena Miguélez". "É dicir, a idea de que o galego está vez para comunicar cousas máis subxectivas ou máis emocionais, pero que non é válido para o coñecemento obxectivo. Este prexuízo é no que se baseou aquela reforma legal", di, en referencia ao Decreto de Plurilingüísmo de 2010. Sonia Villapol salienta pola súa banda que "a mesma razón pola que se decide non usar o galego das materias educativas do ámbito científico podería empregarse para non usar o castelán castelán, xa que os novos descubrimentos publícanse en inglés".

Veiga fai fincapé igualmente na importancia de contarmos en galego con vocabulario científico e técnico actualizado e coa súa difusión: "Durante moito tempo o que nos faltou no galego foi vocabulario técnico e especializado e o hábito de utilizalo. Como unha parte moi importante da nosa formación técnica a recibimos directamente en español, moita xente empregaba o español, ao carecer de vocabulario técnico e especializado en galego". "Pero agora, coas ferramentas que temos dispoñibles, esa xa non é unha escusa válida: se ti queres, podes formarte en galego, sobre todo se tes un compromiso firme co uso do galego", destaca.

"Durante moito tempo o que nos faltou no galego foi vocabulario técnico e especializado e o hábito de utilizalo. Pero agora, coas ferramentas dispoñibles, esa xa non é unha escusa válida: se queres, podes formarte en galego"

"Aínda hai unha parte de vocabulario técnico moi específico no que hai que traballar. Teño un amigo que é profesor de botánica na universidade e cóntame que algunhas veces xorden dúbidas en cuestións concretas. Pero no nivel de secundaria por suposto xa non hai problemas", opina Xacobo de Toro. "Por moito que se mellore o vocabulario técnico, en moitas persoas segue a existir un prexuízo contra o galego na ciencia. Ás veces é complicado facer entender que é unha lingua como outra calquera, tan válida coma o resto. Pero si, eses materiais son importantes, e hai que difundilos, para facerlle entender á xente que o galego e a ciencia poden ir da man", sinala Javier Balea. 

Iria Veiga e Sonia Villapol Dominio Público Praza Pública

O galego na relación médico-paciente

"Se queremos avanzar cara a unha relación de colaboración, non xerárquica, unha medicina non-paternalista, o emprego do galego como lingua vehicular, axuda a camiñar nesa dirección"

Iria Veiga é, ademais de divulgadora científica, psiquiatra, e polo tanto conta con experiencia no trato directo con pacientes, unha relación na que a lingua tamén xoga un papel moi importante. "A gran maioría dos meus pacientes falan galego. O problema é que se ti como médico non utilizas o galego os pacientes tampouco o van facer, máis que nada porque é unha relación desigual, moi xerárquica", explica. "Por moito que os médicos fagamos esforzos porque esa desigualdade de relación diminúa, o paciente obsérvaa sempre como xerárquica. Se o profesional utiliza o español, está utilizando unha lingua de maior prestixio, o que aínda amplía máis a distancia. En ocasións, os profesionais que falan en español non son conscientes de que existe esa distancia, esa dificultade", di. E conclúe: "Se queremos avanzar cara a unha relación de colaboración, non xerárquica, unha medicina non-paternalista, o emprego do galego como lingua vehicular, axuda a camiñar nesa dirección". 

A ciencia como parte da cultura dun país

Cando lle preguntabamos a Xurxo Mariño polas razóns polas que se vetaba o ensino en galego das Matemáticas, da Física ou da Química, mentres se permitía para impartir materias de Historia ou Coñecemento do medio, o neurobiólogo apuntaba ao "problema" de que "moita xente non consideraba a ciencia como parte da cultura". "Iso é un erro importante, porque a ciencia fai parte esencial da cultura, e moito máis nos nosos días. Pode que esa concepción: que a ciencia non forma parte da cultura dun pobo, tamén está detrás desa diferenciación", dicía.

"Parece que unha persoa é moi culta, moi erudita, por coñecer moitos literatos, pero non pasa nada se non coñece un científico ou dous. Iso aínda está no subconsciente de moita xente, pero pouco a pouco vaise cambiando", di Xacobo de Toro

Forma a ciencia parte da cultura? Por que ao pensarmos en cultura o primeiro que nos vén á cabeza é a arte ou a literatura e só de xeito secundario apuntamos ao coñecemento científico? Hai un par de meses a divulgadora coruñesa Débora García Bello sinalaba nesta entrevista que "Tan inculta é a persoa de ciencias que non sabe de arte coma alguén de letras sen nocións de cultura científica"

Xacobo de Toro Dominio Público Praza Pública

Xacobo de Toro incide nesas mesmas ideas: "Parece que unha persoa é moi culta, moi erudita, por coñecer moitos literatos, pero non pasa nada se non coñece un científico ou dous. Iso aínda está no subconsciente de moita xente, pero pouco a pouco vaise cambiando, grazas en parte ao traballo de divulgación científica que se está facendo". "A divulgación está achegando a todas as persoas as novas descubertas científicas; antes parecía un mundo moi hermético, dábase a noticia de que se chegara a un fito, a un descubrimento, pero nada se dicía de quen estaba detrás ou de como fora o proceso", sinala, engadindo que "tamén se está avanzando moito na igualdade de xénero na ciencia e rescatando científicas que quedaran ocultadas".

"Parece que só é cultura a arte ou as letras e que a ciencia forma parte doutro imaxinario, cando a ciencia tamén é parte da cultura dun pobo, dun país", di Javier Balea (Moléculas en Galego)

Sonia Villapol subliña que "a ciencia é coñecemento, e polo tanto é cultura" e que "a ciencia tamén se pode observar dende unha perspectiva artística, polo tanto tamén atopamos arte na ciencia", engadindo que "a divulgación científica ten un compoñente cultural moi importante e debería ser un piar na sociedade do coñecemento". "Sería emocionante escoitar nun bar á xente falar dos novos avances na cura do Alzhéimer, no lugar de falar do último partido de fútbol", conclúe.

Tamén Javier Balea destaca o traballo de divulgación científica que persoas coma el mesmo veñen facendo dende hai anos: "O traballo que se vén facendo de divulgación científica consegue que a xente entenda que a ciencia é tamén parte da cultura". "Parece que só é cultura a arte ou as letras e que a ciencia forma parte doutro imaxinario, cando a ciencia tamén é parte da cultura dun pobo, dun país", di.

Un dos proxectos presentados ao certame escolar de Galiciencia © Galiciencia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.