Proxectos de toda Galicia exporanse en Lugo no 'Arduino Day'

Placa Arduino CC-BY-NC-SA gabriella levine

O Centro Uxío Novoneyra de Lugo (Quiroga Ballesteros, 1) acollerá o vindeiro sábado 28 de marzo unha exposición de iniciativas relacionadas con Arduino, plataforma de hardware libre para a creación de proxectos interactivos. Será a segunda edición deste evento, organizado pola asociación makers.lugo, que estará aberta a todos os públicos durante todo o día. Lugo únese desta maneira ás celebracións globais do Arduino Day que terán lugar en máis de 250 cidades de todo o mundo para conmemorar a creación da plataforma de hardware libre Arduino.

Os e as visitantes poderán coñecer unha ampla variedade de proxectos chegados de toda Galicia, dende impresoras 3D ata control enerxético do fogar, pasando por robótica educativa, árbores de nadal ou invernadoiros controlados por Arduino. A exposición estará aberta de 10 a 13:30 e 16:30 a 19:30, con presentacións de proxectos tanto pola mañá (de 11:30 a 12:30) como pola tarde (de 17:30 a 18:30).

makers.lugo é unha asociación sen ánimo de lucro, creada en xaneiro de 2014, que forma parte do movemento maker. Como destaca un dos seus fundadores, Andrés Maneiro, ten como obxectivo contribuir na construcción dunha sociedade baseada nos principios do libre acceso á tecnoloxía, impulsando actividades relativas a Hardware e Software Libre. Coñécese como movemento maker á cultura de “Fágao vostede mesmo”, do inglés “Do It Yourself” (DIY). Maker é un termo acuñado por Dale Dougherty, fundador en 2005 da revista Make, que lle dá nome ao que se levaba facendo dende anos antes nos hackerspaces e fab labs: milleiros de artistas, enxeñeiros, programadores, autodidactas e afecionados de todo o mundo compartindo ideas e proxectos, creando unha nova cultura baseada na colaboración e libre acceso á tecnoloxía. O movemento maker non é máis que un novo avatar dunha característica profundamente humana: construir cousas coas nosas propias mans, en comunidade.

Arduino é unha plataforma de hardware libre, baseada nuha placa cun microcontrolador e un entorno de desenvolvemento, deseñada para facilitar a creación de proxectos interactivos, que integren elementos electrónicos. Hai máis de 10 anos no Instituto de Deseño Interactivo da cidade italiana de Ivrea, Arduino foi creado como ferramenta para que os estudiantes puidesen ter acceso a plataformas de creación interactivas de baixo custo. Na última década, estendeu o seu obxectivo orixinal converténdose nun dinamizador da industria global de electrónica e do movemento maker.

Proxecto realizado con Arduino CC-BY fdecomite
Placa Arduino CC-BY-NC-SA gabriella levine
Arduino Day en Lugo en 2014 Dominio Público makers.lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.