"Que un Estado use Windows supón abrirlle as portas de todos os seus despachos"

Richard Stallman, durante unha conferencia CC-BY-SA LaTribuFM88.7

Tan polémico como interesante e tan vehemente como didáctico, o doutor Richard Stallman, programador e fundador do movemento do software libre, visitou esta semana Galicia para explicar a súa filosofía nunha conferencia na Facultade de Informática da Coruña. Doutor honoris causa por unha morea de universidades e membro do Salón da Fama de Internet, non é difícil ver a súa cara en carteis que simulan a mítica figura do Che Guevara. Revolucionario da Rede, lanzou o seu movemento en 1983 e non dubida en definilo como unha opción "política e ideolóxica" aplicada ao ámbito informático. Do resto, tamén opina, tal e como fixo nunha entrevista a Praza durante a que decidiu descalzar os pés. "Non me gusta que me digan o que teño que facer", advirte antes dun relatorio que é semellante aos que ofrece noutros lugares, pero ao que, avisa, adoita engadir reflexións máis domésticas.

Como cales?

O que relato nas conferencias é case sempre o mesmo, aínda que cando estou en España adoito mencionar tamén que o Estado español é antidemocrático.

No ámbito informático, quere dicir...

No só neste ámbito, noutros moitos tamén, pero segundo a lei Sinde, por exemplo, en España pódese eliminar calquera sitio de internet sen aviso previo e isto é censura, algo incompatible coa liberdade e coa democracia. Pero ademais, paréceme que a nova lei de seguridade cidadá tamén é antidemocrática e eu fágolle unha suxerencia aos españois: que poñan letreiros nas súas casas nas que poña: "a lei de seguridade insulta a España"... É natural porque este Executivo é un goberno de ocupación, dos gangsters, estranxeiros fundamentalmente, que se impoñen aos españois. Estas cousas pasan en moitos máis lugares, obviamente.

"O Goberno de España é un goberno de ocupación dos 'gangsters' estranxeiros que se impoñen á cidadanía"

Tamén en canto ao ámbito informático?

Non coñezo a situación na maioría dos países, pero non sei se en moitos estados europeos os gobernos teñen a facultade de acabar con sitios web arbitrariamente. Sei que algúns si, pero creo que non moitos.

Vostede asegura que o software libre é fundamental para garantir a liberdade...

Na informática si, obviamente. Hai moitos outros campos da vida onde se precisa loitar pola liberdade, pero este é o meu ámbito e teño que loitar por ela. A informática é moi importante, pero cada vez que aparece un novo campo na vida, temos a necesidade de novos dereitos humanos que se engadan aos dereitos fundamentais xa existentes. Hoxe en día, a liberdade informática é esencial, pero España, por exemplo, intenta forzar a todo o mundo a participar na súa guerra inxusta contra compartir arquivos na Rede. Cada cidadán debería, por exemplo, ter a responsabilidade de montar redes wifi sen cables. Poñer unha clave á túa rede, convértete en soldado do Estado na súa guerra inxusta.

Deseguido lle dirían que facer iso non garante a seguridade...

A seguridade informática faise a través da encriptación entre a túa máquina e calquera servidor ou outra máquina coa que te comunicas. Cunha boa encriptación non ten importancia quen pode mirar os paquetes na túa rede. Se usas a rede nun restaurante ou nun aeroporto é o mesmo. Se non cres que sexa intolerable usar a rede dun aeroporto, evidentemente non cres que faga falta unha clave para a seguridade.

Cal é o seu modelo de democracia?

Habería moitos aspectos que analizar e modelos diferentes aos que aludir. En canto á adopción de leis, Suíza paréceme un bo modelo porque os cidadáns votan directamente para aprobar moitas normativas, aínda antes habería moitas outras cousas nas que reparar. En canto ao dereito de manifestación, por exemplo, creo que hai cinco anos a lexislación española nese ámbito era máis axeitada.

"Debemos rexeitar o software como servizo ofrecido por outro; non podemos confiarlle a nosa informática a outros, é unha tolemia"

E o seu modelo ideal para a informática e internet?

Hai varios asuntos neste ámbito e unir todos nun único modelo non sería coherente. Unha das claves é ter o control da túa propia informática e para telo tes que facela coas túas copias de programas libres. Se usas un programa privativo, a túa informática está baixo o control do dono dese programa e iso é inxusto. O software debe ser libre e debemos rexeitar o software como servizo segundo o cal o dono dun servidor convídate a confiarlle a túa informática ao seu servidor para que se faga coa copia de varios programas. Sexan libres ou privativos, ti non tes o control das copias. Non debes confiar a túa informática ao servidor doutro, aínda que sexa o meu propio servidor. Ti debes ter o control, non eu. Isto non quere dicir que todos os servidores sexan malos, pero que o dono dun servidor saiba todo o que fas é unha tolemia. Isto lévanos tamén ao asunto da vixilancia...

Estamos cada vez máis vixiados?

Temos na nosa sociedade un nivel de vixilancia moito máis alto que o que había na antiga URSS, que xa foi dabondo. Se o Estado soubese todo de nós, podería atrapar directamente todos os criminais, agás no caso dos bancos, porque nese caso os delitos serían tolerados. O Estado non impediría os desafiuzamentos, pero si a defensa contra os desafiuzamentos. O Goberno está ao carón dos ricos e en contra dos non ricos. Que o Estado soubese todo de nós sería unha arma máis para os ricos, que queren roubar o máximo posible aos que non o son. A democracia non se basea nos métodos de adopción de leis, este só é un mecanismo. A democracia é a unión dos que non son ricos para ser máis fortes que os poderosos e mantelos nunha posición de non dominio.

Fala da loita de ricos e non ricos, adoita aludir á "solidariedade social" do software libre... O seu é pura ideoloxía e política, ou non?

Si, porque estou pola democracia e non aposto por eliminar a posibilidade de facerse rico, para nada, pero os ricos non deben poder dominar a sociedade porque é un perigo. Estamos esquecendo a necesidade de asegurarnos que non nos dominen. Estannos dominando e temos que recuperar a democracia, tamén no ámbito informático, onde hai outros moitos perigos contra a liberdade, como a censura, que avanza rapidamente. En varios países de Europa bloquéase o acceso a varios sitios web e eu non creo que iso sexa xusto nin democrático.

"Estamos esquecendo a necesidade de asegurarnos que non nos dominen; temos que recuperar a democracia"

As institucións públicas que basean os seus sistemas informáticos en software privativo, non acaban sendo refén das empresas que o producen?

Son reféns, están secuestrados polas empresas. O dono dun programa privativo exerce o seu poder sobre os usuarios deste programa e é inxusto, sexa quen for o usuario. Se es ti, están danando a túa liberdade, pero se é o Estado o que o usa, é aínda peor porque está danando o pobo. Temos o dereito a manter o control da nosa informática e o Estado debería garantilo e non tolerar a presenza dun programa privativo na súa actividade informática.

En Galicia, o Parlamento e a Xunta exixen que os seus ordenadores veñan con Windows preinstalado...

Non coñezo este caso particular, pero pode ser consecuencia da inercia social. A maioría usan Windows e a Xunta segue o mesmo camiño, quizais por ignorancia.

Pero é moito máis caro.

Iso é un detalle secundario. O Estado debe manter a súa soberanía informática, aínda que custe cartos e aínda que outras alternativas libres custases máis. Pero hai un tipo de corrupción que adoita ser legal e que se fai. Por exemplo, Microsoft, de cando en vez, ameaza países con trasladar as súas empresas e postos de traballo a outro lugar se ese país non adopta a política que lle exixe. Noutros casos, ofrece establecer un centro de investigación nunha rexión ou inviste diñeiro a cambio de que se acepten as políticas que quere impoñer.

"O uso de Windows por parte dun Estado é como abrirlle as portas de todos os despachos"

Pero os gobernos adoitan aludir a razóns de seguridade para non migrar a software libre.

Iso é unha mentira. Un programa privativo non ten seguridade ningunha. Aquí o que hai é bastante cegueira en canto á seguridade porque adoita falarse da seguridade contra terceiros e non prestar atención á seguridade cara ao dono do programa, que non existe. Calquera programa privativo ten seguridade cero cara ao seu dono. Sabemos que Microsoft ensina á NSA os erros de seguridade en Windows antes de corrixilos, así que Windows ten seguridade cero de cara aos Estados Unidos. O uso de Windows por parte dun país é como abrirlle as portas de todos os seus despachos, é unha tolemia.

Richard Stallman, durante unha entrevista CC-BY Beatrice Murch

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.