0 Gardados para despois

Kaurismäki, programador convidado do Curtocircuíto 2015

Redacción | @prazapublica

Menos dun ano despois de converterse por sorpresa no 'padriño' da inauguración do cinema Númax, Aki Kaurismäki e o seu cinema volverán a Compostela. O director finés será un dos protagonistas da edición 2015 de Curtocircuíto, o festival internacional de curtametraxes de Compostela que, con Pela del Álamo á fronte por terceiro ano consecutivo, procura agora unha nova "dimensión", pretendendo "ser algo máis ca un festival de cinema, para converterse nun punto de encontro lúdico e cultural".

Será do 6 ao 11 de outubro cando estea en marcha unha edición do certame cinematográfico no que a presenza de Kaurismäki será transversal durante catro días, do 9 ao 11. Por unha banda, ofrecerá "as súas obras menos coñecidas, os 'rock films', e curtametraxes que veu desenvolvendo ao longo da súa carreira". Ademais, o director de fitas como Nubes pasaxeiras ou Un home sen pasado exercerá como "programador convidado" nunha sesión titulada 'Signed by Aki K.'

O director finés desenvolverá dúas sesións, unha dedicada a filmes musicais e outra, con "pequenas xoias que quere dar a descubrir ao público"

O primeiro pase con Kaurismäki, 'Rock & Shorts', servirá para repasar varios dos filmes musicais que realizou coa banda de rock Leningrad Cowboys, protagonista tamén do filme Leningrad Cowboys Go America (1989). Na segunda o público poderá gozar ao carón do autor dun "trío de filmes", "pequenas xoias que o finés quere dar a descubrir ao público", indican dende Curtocircuíto". Trátase da comedia The Fatal Glass of Beer (Clyde Bruckman, 1933), do filme de John Huston sobre soldados traumados pola Segunda Guerra Mundial que chegou a ser censurado, Let There Be Light (1946), e da fita de ciencia ficción Seul l’avenir nous le dira, asinada por Chilles Charmant, axudantes de Kaurismäki, neste 2015.

O certame compostelán, de novo con Pela del Álamo á fronte, incluirá tamén programación musical

A presenza e as sesións con Kaurismäki, que tamén protagonizará encontros directos co público, é a "primeira dunha serie de sorpresas" que, aseguran, traerá consigo este reorientado Curtocircuíto. A nova "liña" do festival, ademais de curtas, ofrecerá tamén "programación musical durante tres noites", na que se combinarán bandas galegas con grupos internacionais.

'Noite curta' en setembro

O 2 e o 9 de setembro Curtocircuíto proxecta ao aire libre as fitas gañadoras da edición do pasado ano

Un mes antes do inicio oficial do festival Curtocircuíto convida a compartir a 'Noite curta', dúas sesións ao aire libre na praza de Praterías que, os días 2 e 9 de setembro, servirán para lembrar os filmes gañadores da pasada edición. Pela del Álamo e a edil de Acción Cultural de Santiago, Branca Novoneyra, presentaron este xoves un evento que, indican, lanza unha colaboración co festival de música Wos Inc. Así, na segunda 'Noite Curta', a do día 9, terá un espazo para o "diálogo" entre cinema e música.

Estas son as primeiras novidades dun festival que, sinalan dende a organización, anunciará "en breve" novos contidos. Estes, avanzan, conterán "retrospectivas dedicadas a importantes autores, unh asección oficial con importantes estreas internacionais" e mais "obradoiros para públicos diversos, amais de encontros con directores, entre outras actividades".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.