Diego Ameixeiras lánzase ao cómic da man de Abraldes para crear unha “novela gráfica de intriga”

Un adianto da novela gráfica © Abraldes e Diego Ameixeiras

Diego Ameixeiras lánzase á banda deseñada. O escritor leva meses traballando co ilustrador Juan Carlos Abraldes para publicar o próximo ano unha novela gráfica tinguida de suspense e intriga. “Xa fixera guións para películas, para series e para documentais. Faltábame a novela gráfica”, admite o propio Ameixeiras. Polo momento, a súa futura obra non conta cun título definitivo, mais si ten un guión pechado e as súas primeiras páxinas -que Praza adianta en exclusiva- xa son unha realidade.

A súa futura obra non conta cun título definitivo, mais si ten un guión pechado e as súas primeiras páxinas -que Praza adianta en exclusiva- xa son unha realidade

O argumento, con claros trazos de suspense e de novela negra, céntrase na monótona vida de Andrés Ribao, un garda xurado ao que acaban de botar dunha empresa de seguridade. A súa vida, baleira e asolagada polo desleixo, cambia radicalmente cando coñece unha rapaza que se transforma no obxecto da súa obsesión. “Ribao é unha personaxe escura, con problemas co alcol e unha vida grisalla. Carga cun certo fracaso persoal. E nesas coñece unha muller e, despois dun encontro sexual, queda obsesionado con ela”, explica Ameixeiras.

Como calquera obsesión -e como en calquera novela negra-, o caletre de Ridao non deixa de dar reviravoltas e súa  esborrallada vida comeza  a mudar de vez a base de estraños acontecementos. O primeiro deles é a visita de dous enigmáticos policías que están a buscar a moza, o reiterado obxecto do seu desexo, por un delito que descoñece. “Quere descubrir o misterio e, sobre todo, ter un segundo encontro coa rapaza”, explica Ameixeiras. E até aí se pode ler. O resto, a intriga e o misterio, están a coller forma nas mans do ilustrador Abraldes e haberá que agardar a que a finalice as 48 do cómic para descubrir cal foi o crime desa sorte de femme fatale ideada por Ameixeiras para atormentar a Andrés Ribao. 

Non é a primeira vez que colaboran xuntos, xa que o debuxante foi o encargado de ilustrar a última obra de Ameixeiras: Historias de Oregón

Con ese argumento, Diego Ameixeiras estrearase na banda deseñada da man de Abraldes.  Non é a primeira vez que colaboran xuntos, xa que o debuxante foi o encargado de ilustrar a última obra de Ameixeiras: Historias de Oregón, publicada por Xerais e galardoada co Premio Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Nese libro está orixe do futuro cómic. “Despois de facer as ilustracións desa novela, púxenme en contacto con Diego para lle propoñer realizar algún cómic xuntos. Gustárame a súa forma de crear a historia e a idea de realizar unha obra de xénero negro atraíame moito”, admite Abraldes.

 

A novela que non foi

Diego Ameixeiras aceptou o convite do ilustrador. “El fixérame a proposta no verán do ano pasado, pouco despois de gañar o premio. Dixéralle que eu tiña unha historia por aí coa que podíamos probar”, explica o escritor. Esa historia estaba a medio escribir, había un feixe de páxinas con apuntamentos para facer unha novela que non daba agromado. “Tiña a historia parada. Tiña os personaxes, pero non daba atopado o seu sitio. O argumento estaba aí e, cando me fixo a proposta Abraldes, pensei que se podía facer unha novela gráfica. Tiñamos o argumento, a trama”, explica un Ameixeiras que ao pouco xa estaba transformando o escrito para darlle corpo de guión.

“O guión ten o nivel dunha boa película de Hollywood de xénero negro. O seu argumento conta cun bo arranque, un intrigante nó e un sorprendente desenlace”

“O guión ten o nivel dunha boa película de Hollywood de xénero negro. O seu argumento conta cun bo arranque, un intrigante nó e un sorprendente desenlace”, explica Abraldes, quen ao ler o texto xa comezou a idear o tratamento estético e o trazo cos que plasmaría a historia. “A min gústame moito o estilo de creadores clásicos como Milton Caniff, Alex Toth, Jordi Bernet... Autores que empregan enérxicas manchas de pincel para obter o volume nas súas creacións”, explica o ilustrador, quen adianta que o cómic será en branco e negro.

A novela gráfica estará rematada o próximo ano e para aquela agardan xa ter claro cal será o selo que o publique

Abraldes leva meses traballando nas formas e intercambiando correos e suxestións con Ameixeiras. “Ten suficiente liberdade. Eu pódolle facer suxestións, pero el é o ilustrador, o cómic  vai ser como el o vexa”, explica Ameixeiras. Ningún dos dous pensa polo momento no proceso editorial, o primeiro é rematalo e por iso Abraldes, que traballa nunha produtora de cine e videoxogos a tempo completo, está a roubarlle horas ao seu tempo libre para realizar as 48 páxinas coas que contará este libro. A novela gráfica estará rematada o próximo ano e para aquela agardan xa ter claro cal será o selo que o publique. Iso si, teñen unha cousa clara ao respecto: o idioma de publicación orixinal. “Interésanos publicalo antes en Galicia, posto que nós somos galegos e o guión concibiuse orixinalmente en galego”, sinala Abraldes.

Boceto de Andrés Ribao © Abraldes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.