"Non creo que haxa razóns para dicir que fixen exclusións"

Manuel Guede e Jesús Vázquez © Xunta

Non é unha tarefa doada dirixir o Centro Dramático Galego nunha época de brutais recortes na cultura e constante conflito entre o sector e a Xunta. Manuel Guede reivindica, neste contexto, a súa experiencia como aval para afrontar a súa nova etapa á fronte do CDG -que xa dirixira durante 14 anos, cos gobernos de Fraga-, e promete erguer pontes para o diálogo, para así comezar a traballar. Asegura querer mirar ao futuro e non ao pasado, e estar xa á procura de fórmulas para que "a crise non poida con nós".

"É unha prioridade recuperar a visibilidade que o CDG tiña, facer que teña presenza desde Tui ata O Barco, A Estrada... en todo o país"

Como atopa o CDG? Cales son as súas prioridades neste momento?

Encontro un CDG que vén de vivir un período difícil, pero eu creo que o importante é falar do futuro e darlle carpetazo ao pasado. Por iso a prioridade agora é traballar nesa estratexia de futuro, sobre os tres piares fundamentais: o rescate da nosa literatura dramática histórica, o diálogo co repertorio do teatro universal e a posta en valor do teatro contemporáneo. Temos que optimizar os recursos, e a ese obxectivo responde a proposta de facer O profesional de Dusan Kovacevic, un clásico moderno que poderemos montar cun custo razonable, porque aproveitaremos o traballo feito xa coa Companhia de Teatro de Braga no 2007: dirección, tradución, deseño do espazo escénico... Tamén é unha prioridade recuperar a visibilidade que o CDG tiña, facer que teña presenza desde Tui ata O Barco, A Estrada... en todo o país.

Había outra obra xa prevista, As furias. Como tomou Andrés Lima este cambio?

Cando falei con Andrés Lima expliqueille que non temos, neste momento, medios económicos para ofrecerlle as mellores condicións para que puidese facer As furias. El mesmo pediume que llo explicase tamén ao seu equipo. Eu mesmo como director téñome encontrado en situacións así: primeiro chégase a acordos de palabra, antes de asinar ningún contrato... E así foi. Desde logo quedamos nunha, podemos chamarlle, "débeda moral" con Andrés, debémoslle unha a un profesional ao que admiro e respeto moito.

"Cando falei con Andrés Lima expliqueille que non temos, neste momento, medios económicos para ofrecerlle as mellores condicións para que puidese facer As furias"

Participou non hai moito nunhas xornadas de Escena Galega nas que dixo que a crise estaba a servir como excusa para a falta de proxecto para o teatro. E estaban a referirse vostedes non só ao CDG, senón á AGADIC de Fasero.

A min tocárame falar do CDG, naquelas xornadas sobre o teatro nun tempo de crise. Desde entón a crise non fixo máis que aumentar. A cuestión é que temos que buscar mecanismos de resposta á crise, procurar alternativas, e non deixar que a crise poida con nós. É importante, por exemplo, recuperar o ritmo a nivel de funcións, volver ás 35 ou 40 representacións que se facían de cada produción.

Cando o conselleiro, Xesús Vázquez, o presentou como novo director do CDG, comentou que a súa tarefa sería "normalizar e regularizar" o teatro, que é xusto a finalidade coa que naceu o CDG no 1984. Se o obxectivo segue a ser o mesmo, algo se debeu facer mal desde entón nas políticas teatrais, non si?

Eu vivín un tempo no que o CDG chegou a consolidar certa normalidade na xestión, e mesmo a ter unha proxección e un prestixio fóra. Pero claro que había críticas de persoas que opinaban que o CDG debía tomar outro rumbo. A unanimidade absoluta é imposible. Dicía Ingmar Bergman cando dirixiu o centro dramático de Suecia que cando escollía teatro clásico criticábano os do teatro contemporáneo, e cando optaba polo contemporáneo criticábano os do clásico... De todas maneiras, eu supoño que cando o conselleiro falou de "normalizar" referíase a dar unha resposta inmediata á situación de crise que se produce cando un teatro queda sen director.

Incide vostede na importancia da produción nun centro que, di sempre Eduardo Alonso, debería funcionar como teatro de repertorio nacional. Falou de recuperar o ritmo de dúas ou tres producións anuais. O director de Agadic, Fasero, sempre insiste, pola contra, no discurso da distribución: producir menos e distribuír mellor, con máis funcións por obra.

O das funcións é certo, e tería que haber unha aposta nese sentido por parte dos programadores, para que cada obra non estivera só un ou dous días no teatro. Pero isto non depende só do CDG nin de Fasero, senón da planificación política de cada teatro e do criterio de cada programador. No Salón Teatro si se representa cada produción do CDG durante varias semanas.

"Agardo agora pola lei de mecenato, que me parece fundamental para atraer patrocinios"

Nunha entrevista criticaba vostede o bipartito por ter unha visión "neoliberal" do teatro. Fasero fala tamén sempre de rendibilidade, aínda que sexa social. No inicio da etapa de Blanca Cendán, o director de Agadic algo comentara tamén sobre a entrada de capital privado. Como ve iso?

Pois cada vez que vou a Portugal quedo admirado da cantidade de patrocinios que ten por exemplo o Teatro Nacional de São João. Agardo agora pola lei de mecenato, que me parece fundamental para atraer patrocinios coma eses. 

Unha das súas prioriades será, precisamente, o intercambio con Portugal. Co bipartito fixéronse cousas nese sentido, non si?

Ese intercambio con Portugal comezou a facerse de modo sistematizado e institucionalizado no 95, e deu resultados como, no sentido da creación dunha literatura dramática común, Mar revolto de Roberto Vidal Bolaño ou Cantiga para Já de Jean Pierre-Sarrazac. O obxectivo non era só que eles viñesen actuar aquí e nós fósemos alá, senón crear proxectos comúns coma estes. É certo que esta relación gañou intensidade co bipartito, e despois desapareceu.

"A relación con Portugal gañou intensidade co bipartito, e despois desapareceu"

Quere que o Consello Asesor do CDG sexa un auténtico órgano representativo do sector. Terán capacidade real de decisión os representantes dos colectivos teatrais?

O Consello Asesor non deixa de ser un órgano consultivo, pero o que teño claro é que existía unha carencia, que era a falta dun espazo de encontro. Creo que é a estratexia ten que ser a dos vasos comunicantes, e non unha política de compartimentos estancos.  

Repasando as montaxes do CDG mentres vostede foi director na anterior etapa, vese que por alí pasou moita xente. Aínda que tamén houbo persoas que se sentiron excluídas.

Se fas balance de todo ese percorrido verás que convidei a todo o mundo, agás se cadra a algunhas persoas que por vocación consideraban o seu proxecto alternativo, o cal implica alternativa ás institucións, polo que chamalos sería mesmo ir en contra das súas propias teses. Pero non creo que haxa razóns para dicir que fixen exclusións. Tamén hai que dicir que eu nunca me metín, por suposto, cando as montaxes non as dirixía eu, nas decisións do director sobre o reparto.

"Cando o director do CDG dirixía ou traducía unha obra no CDG non cobraba por iso nada a maiores do seu salario. Paréceme unha obviedade, e por iso nunca me preocupei demasiado por explicalo"

Outra das críticas que recibiu naquela etapa foi a de facer un uso patrimonial do teatro.

Pois a xente que di iso debería saber que cando o director do CDG dirixía ou traducía unha obra no CDG non cobraba por iso nada a maiores do seu salario. Paréceme unha obviedade, e por iso nunca me preocupei demasiado por explicalo. Onde está ese uso patrimonal, entón? Deberían xulgar o que fixen como director pola súa calidade artística.

Un dos problemas que pode ter neste cargo son as presións políticas. Blanca Cendán tívoas, ao ser despedida, segundo ela dixo, por querer deixar que os profesionais do sector se expresasen con liberdade no Salón Teatro.

Cando asumes da dirección dun organismo destas características sabes que o primeiro territorio que vas ter que explorar é o do financiamento, pero polo demais o teatro ten que ser, como dicía Goethe, como unha república independente. Eu, realmente, traballei sempre con autonomía, ninguén se imiscuíu no contido programático do CDG. De feito montamos textos con reflexións difíciles e lúcidas sobre o poder.

"Recuperar a alguén con experiencia é bo para o teatro"

Cando o destituíron, co bipartito, puxo vostede unha denuncia. E agora volve. Alguén podería ver un intento de perpetuarse no posto, xa que vostede xa o desempeñou durante 14 anos. Que pensa disto?

Pois para nada é así, pero vou poñer só un exemplo. Lluís Pasqual volveu dirixir o Teatro Lliure de Barcelona, e en Cataluña non houbo ese debate: a xente alegrábase de ter alguén coa súa experiencia e a súa sabedoría. Pero o noso é un país que tende á antropofaxia, ao canibalismo. Recuperar a alguén con experiencia é bo para o teatro.

Alén da crise, e dos recortes, producise tamén certo debate sobre a necesidade dun cambio de modelo no apoio público ao teatro. Vostede coñece ben, por exemplo, o sistema de residencias de Portugal, coa xestión de espazos públicos por compañías que programan tamén espectáculos doutras. Cal podería ser o papel do CDG nesta cuestión?

Falaba antes de vasos comunicantes e penso o mesmo, que o CDG ten que servir de espazo de encontro. Sobre o das residencias, penso que se houbera unha en cada unha das sete cidades do país, tamén mudaría a condición de foco do CDG. De todos os xeitos se cadra nós non podemos compararnos con experiencias como a do Teatro Nacional de São João porque eles teñen un orzamento moito maior que o noso. Si é certo que, de cara ao futuro, sería bo pensar nunha reformulación, e iso implicaría a concellos, deputacións, Xunta... Habería que evitar, por exemplo, que haxa espazos desocupados, como os hai. Pero iso, claro, non está só nas mans do CDG nin de Agadic.

"Tampouco o concurso público garante nada de por si"

Non chegou a consolidarse, por certo, o sistema do concurso público que defendeu o anterior conselleiro, Roberto Varela. Só no CGAC. Iso daríalle máis lexitimidade...

Tamén foi así no Centro Coreográfico Galego, non? O que eu creo é que tampouco o concurso público garante nada de por si, poderiamos citar moitos bos directores que non foron escollidos por concurso. Eu non fun escollido agora por concurso público, nin entrei así na anterior etapa. De feito daquela cheguei ao CDG despois de Blanco Xil, que tamén tivera un conflito. O importante agora é volver tender pontes, restablecer o diálogo, e para iso estará o Consello Asesor.

A programación non está moi perfilada por agora. Que lle gustaría facer para a vindeira temporada, en calquera caso?

Pois estou á espera da decisión da Real Academia Galega sobre o Día das Letras, porque se fose Roberto Vidal Bolaño desde logo o CDG tería que responder como el merece. Tamén temos cuestións abertas co mundo da lusofonía, das que xa iremos informando. Non será só Portugal, senón Brasil ou os países lusófonos africanos, nos que se está a facer unha literatura dramática moi interesante.

"Estou á espera da decisión da Real Academia Galega sobre o Día das Letras, porque se fose Roberto Vidal Bolaño desde logo o CDG tería que responder como el merece"

Aínda que a prioridade sexan as producións, hai outras cousas: coproducións, residencias no Salón Teatro, cursos de formación... Que pasará con eles?

A prioridade será producir, si. Pero o resto vai seguir, claro. Será máis importante, a nivel de esforzo orzamentario, producir que a propia programación de exhibición do Salón Teatro. Non quere dicir que non vaia existir, só que se procurará reducir custos a través dos intercambios: compañías de fóra virán aquí e nós iremos a de onde elas veñan. Todo o que non xenere gastos que non poidamos asumir manterase. O das residencias é unha boa idea, e claro que as seguirá habendo: no Salón Teatro e nos espazos do polígono de Costa Vella.

Manuel Guede e Jesús Vázquez © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.