0 Gardados para despois

A non perder!

Redacción | @prazapublica

Concertos da Banda Municipal de Música de Santiago

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presentou o Ciclo de Inverno da Banda Municipal de Música, acompañado polo director da formación, Casiano Mouriño. Entre xaneiro e marzo, a Banda ofrecerá un total de 17 concertos, dos que catro serán didácticos. A programación de inverno da Banda Municipal de Música comezou cunha actuación vinculada á Cabalgata dos Reis Magos. Ao longo deste primeiro trimestre do ano, a Banda ofrecerá dous concertos para maiores. Serán o xoves 12, na residencia Porta do Camiño, ás 12:00 horas; e o venres 13, na residencia Volta do Castro, a partir das 11:30 horas.

Ademais, haberá ata catro concertos didácticos da Banda no seu Ciclo de Inverno. Os do mes de febreiro serán o xoves 9 e o venres 10, ás 11:00 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Neles, a Banda de Música contará coa colaboración de Viravolta Títeres, e xuntos porán en escena unha particular versión de West Side Story. Xa no mes de marzo, haberá concertos didácticos o xoves 30 e o venres 31, tamén na Sala Mozart do Auditorio. Neste caso, porase en escena o espectáculo Corre, corre, Boliña!, con Celso Fernández como narrador.

 

Concertos da Real Filharmonía de Galicia

A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Paul Daniel, dedicará o seu concerto do xoves 12 de xaneiro, ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia, á Sinfonía núm 3 en re menor de G. Mahler. O mércores 18 e xoves 19 ás 11:00 horas no mesmo lugar Piero Lombardi dirixirá un programa co Minueto de L. Boccherini, a Pizzicato Polka de Johan Strauss, o Vals das flores de P. I. Chaikovsky., a Danza húngara nº 5 de J. Brahms e muiñeira. Con bailaríns do espazo de danza da USC.

 

Ciclo de piano Ángel Brage

A pianista ruso-alemá Olga Scheps será a encargada de inaugurar nesta nova temporada, o Ciclo de Piano Anxel Brage no que interpretará obras de Chopin, Satie e Prokofiev. O xoves 19 ás 20:30 horas.

 

Menú da noite

Luís Davila e Carlos Blanco deixan (momentaneamente) a saia escocesa e poñen smóking para sachar como é debido. E ata cociñan caldo en directo. Literalmente. O debuxante de Bueu e o actor arousán combinan novamente enxeños e artes para atopar o cóctel perfecto. Desta volta viaxan a Broadway. Cos sachos, claro. E bailan (?) claqué e todo. Animación incluída. Un xoguete escénico, un traballo a dúo onde a comedia ten finalmente a cobertura visual que nunca tivo. O xoves 12 ás 20:30 horas e o venres 13 ás 20:30 e 22.30 horas no Teatro Principal de Santiago.

 

Concerto da Sociedade Filharmónica de Lugo

Seguen os concertos da Sociedade Filharmónica de Lugo. O 12 de xaneiro Signum Quartet interpretará obras de Schubert e Beethoven.



 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.