Os Premios da XXIX edición de Cineuropa recoñecen a Arturo Ripstein e Miguel Gomes

José Luis Losa, esquerda, e Martiño Noriega, no anuncio dos Premios Cineuropa © Concello de Santiago

A XXIX edición de Cineuropa está cada vez máis perto e a organización comeza a desvelar algúns dos seus contidos. O director do festival, José Luís Losa, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, veñen de anunciar que os Premios Cineuropa recoñecerán este ano os directores Arturo Ripstein e Miguel Gomes. Os nomes destes únense, así, á nómina de cineastas de prestixio homenaxeados con este galardón, na que se encontran, entre outros, José Luis Guerín, Pablo Trapero, José Luis Borau, Manoel de Oliveira, Jane Birkin, Pedro Costa, José Sacristán, Albert Serra, María de Medeiros, Luis Tosar, Bahman Gohbadi, Bigas Luna, Federico Luppi, Stephen Warbeck, Vicente Aranda, Paulo Branco, Nils Malmros, Oliver Laxe ou Barbara Lennie.

O nexo de Arturo Ripstein con Cineuropa naceu, porén, hai xa anos. Cando o festival iniciaba a súa andaina, no 1987, o director mexicano estreaba nel El imperio de la fortuna, adaptación dun texto de Juan Rulfo con guión de Paz Alicia Garciadiego. Cineuropa acompañou a traxectoria de ambos ao longo de 20 anos, proxectando unha ducia das súas longametraxes. Realizador e guionista presentarán na XXIX edición de Cineuropa La Calle de la Amargura, estreada no festival de Venecia, ademais dunha retrospectiva deseñada especialmente para a mostra compostelá polo propio Ripstein.

As películas que poderán verse nesta retrospectiva son El Castillo de la pureza (1973) El Santo Oficio (1974), La viuda negra (1977), El lugar sin límites (1978), El imperio de la fortuna (1986), La reina de la noche (1994), Profundo Carmesí (1996), El Evangelio de las Maravillas (1998) e Así es la vida (2000). Ripstein estará presente nas proxeccións para manter encontros co público do festival.

Miguel Gomes representa, pola súa banda, o pulo actual do cinema portugués, ao que Cineuropa ten ollado anteriormente cos seus premios ao mestre Manoel de Oliveira (2003), ao director Pedro Costa (2012), á actriz María de Medeiros (2013) e ao produtor Paulo Branco (2014). De Miguel Gomes víronse en edicións anteriores de Cineuropa Aquele querido mes de agosto (2010), coa que gañou o Bafici (Festival Internacional de Cine de Buenos Aires), e Tabú, que levou o Premio Alfred Bauer na Berlinale de 2012.

O público de Cineuropa poderá ver o tríptico As Mil e Uma Noites, estreado hai catro meses na Quincena dos Autores do Festival de Cannes. “O trenzado sinuoso dos tres volumes é unha viaxe libérrima, con Sherezade como condutora pola Europa do Diktat alemán e a poboación refén dos recortes. E é, á vez, un poemático excurso polas tradicións e peculiaridades irredutibles dun Portugal que se resiste ao adocenamento. E, nun acto de afirmación da cultura daquel país, o Volume II de As Mil e Uma Noites representará a Portugal na candidatura aos Oscar”, subliña a organización de Cineuropa nunha nota de prensa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.