'Falar sen cancelas', a "comida galega apocalíptica", estréase este domingo en Carballo

Pedro Brandariz, Isabel Risco e Fran Rei © ene-A fotógrafos

Os populares cómicos galegos Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei estrean este domingo, día 11 de outubro, no FIOT de Carballo o seu novo espectáculo de "humor galego apocalíptico", Falar sen cancelas. Unha "comedia pesimista" producida por Culturactiva, dirixida por Diego Rey e protagonizada por tres populares cómicos que amosarán o seu talento e a súa compenetración artística, labrada durante 15 anos de colaboración en diferentes espectáculos, intercalando sobre o escenario unha serie de monólogos, gags e xogos de improvisación que farán de cada representación unha aventura diferente e única.

"Unha noite de comedia trepidante na que a palabra e o humor son os grandes protagonistas", segundo a produtora. A cita comeza ás 22.30 horas no Bulevar Musicafé e a entrada é libre.

Falar sen cancelas parte da descuberta, por parte dos seus protagonistas, dun andazo que está acabando coa galeguidade. Tamén os televisivos humoristas foron atacados por este estraño virus, que fai que non poidan falar galego en público. Incapaces de quedar cruzados de brazos perante semellante problema, os tres humoristas recollen mostras dos mellores especímentes galegos e galegas que atopan por Galicia adiante e sintetizan un antídoto. Unha solución irreverente e festiva que lle ofrecerán directamente ao público, a partir do domingo 11 de outubro, nos teatros de todas as vilas e cidades de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.