0 Gardados para despois

“Nós mostrounos o camiño a seguir e aínda non percorremos nin a metade”

Redacción | @prazapublica

2naFronteira -Carmen Penim e Maurizio Polsinelli- estrean Son de Nós, o seu novo disco, homenaxe aos poetas que escribiron na revista Nós. O dúo, coñecido polo seu anterior traballo, con poemas de Díaz Castro, baseouse na súa "afinidade estética e ideolóxica" co proxecto de Nós. Aínda que o seu discurso non queda atrapado nos tópicos, que tamén os hai, sobre esta cuestión.

Xa fixerades un disco con poemas de Díaz Castro. Pero en realidade musicades poemas desde o voso primeiro traballo…

Si. Comezamos, no primeiro disco, con poemas meus e de Lorca, Góngora e Garcilaso. Vivamos en Italia entón. No 2013, ao volver a Galicia, publicamos Alma, no que musicamos clásicos coma Curros ou Rosalía e contemporáneos coma Manolo Rivas, e dous poemas de Pessoa e outros dous de Lorca, dos seus seis poemas galegos. Cando empezamos a traballar cos poemas de Díaz Castro non pensabamos en facer un disco, pero ao final si que o foi… No 2014, cando estabamos con Díaz Castro, xa tiñamos dous poemas de Otero Pedrayo musicados. Na presentación do disco en Ourense, o presidente da Asociación ProCentenario Nós 2020 interesouse polo noso traballo con Otero Pedrayo. Foi el quen nos suxeriu que fixeramos un disco con poemas da revista Nós.

E que atopastes nela para convertelo en disco?

Intelixencia e liberdade. Eran xente cosmopolita pero arraigada na terra. Fomos escollendo poemas…

Do cosmopolitismo con raíces de Nós fálase bastante. Mais en realidade, nun país de emigración que traía o que vía en América, a música sempre foi así, non? E agora é raro atopar artistas que non digan que fan mestura, fusión, que son eclécticos…

Claro. E moitos músicos, de antes e de agora, para vivir tocaban en orquestras, que fan moita música de latinoamérica. Sempre foi a casa común da música, esa mestura. É difícil facer algo “puro” hoxe. O que pasa é que si é verdade que non queremos que nos encaixen en esquemas. Eu fago o que fago. Ti ves velo, se queres, sen prexuízos. E despois xa me dis o que é para ti. É iso.

E como se fai unha escolma entre tantos poemas? Con que criterios?

Houbo que reducir moito porque era inabarcable. A metade do traballo que fixemos tivo que quedar fóra do disco. A ver se facemos un segundo disco para 2020. Unha cousa que tiña clara é que tiña que haber algunha muller. Francisca Herrera era a única que escribía na revista. Pero os seus poemas non me convenceron moito. Busquei máis, a través dun amigo, nunha antoloxía e quedei abraiada da fondura coa que escribía. Despois escollemos poemas de Blanco Amor, -a verdade é que eu faría un disco só con obras del-; de Pepe Velo, -é impresionante que escribise un poema como Alcipré’ con 17 anos-; do galego-arxentino Luís Bernárdez; de Bouza Brey e de Carvalho Calero. E de Otero, que xa citei.

Quedei abraiada da fondura coa que escribía Francisca Herrera

Pois son poetas ben distintos, de diferentes épocas. Blanco Amor e Otero Pedrayo, por exemplo. Afecta iso moito ao teu traballo como compositora?

Son moi distintos, si. Mesmo se poderían facer varios discos, en orde cronolóxica. Pero nós somos músicos que nos autoproducimos: non podemos facer tal cousa. De todas maneiras, o que cambia o meu traballo non é tanto o estilo ou a época do autor, como se o texto respira cultura popular ou non. Porque mudan os ritmos, as rimas…

Nós forma parte do que nos conformou. Pero ademais de atrás é bo mirar para adiante. Que nos di Nós sobre o noso presente e sobre o que nos agarda?

Pois penso que é un referente imprescindible e pouco recoñecido. Nós mostrounos o camiño a seguir e aínda non percorremos nin a metade. Son os anos 20, e é abraiante a maneira na que falan da nosa cultura. O orgullo que senten, a falta absoluta de complexos. Acusáronos de elitistas, pero sentían moito aprecio pola cultura da xente común. O que pasa é que eran xente dunha sabedoría extrema… E eu creo que temos que seguir por ese camiño, sen exclusivismos, integrándoo: o popular e o culto, vendo a Galicia no mundo…

É habitual, nese sentido, que se opoña o galego ao universal. Como se o galego, o minoritario, o minorizado, fose unha sorte de apartado diferente do “universal”, que sería o normal fronte ao raro. Que pensas diso?

Creo que xa non temos nada que demostrar a estas alturas. A min interésanme moito as músicas minoritarias. Hai músicos turcos, libaneses… que enchen auditorios. E non se lles ocorre pensar que non poden facer o seu porque non vende. Se ti cres de verdade no teu e o pos no escenario con convencemento, funciona. O que pasa é que por aquí seguimos a ter certa inseguridade. Certa falta de confianza. Que non tiña a revista Nós. E iso nótase nos prexuízos. Eu, por exemplo, son un produto galego típico: vivín na emigración, tiven a inquietude de formarme fóra… E a miña música é tan galega como a de quen toca a gaita. Teño moitas influencias distintas…

A miña música é tan galega como a de quen toca a gaita

Como o jazz e a clásica.

É que eu o que quería era ser unha diva do jazz. (Ri). E escoito moita clásica e contemporánea.

O voso proxecto é piano, voz e harmonio. Sen máis complicación. Pero Sons de Nós non soa só a iso.

Non. Temos a colaboración de Pablo Rodríguez (guitarra española); Carmen Gallego (Nyckelharpa e violín); Segundo Grandío (contrabaixo); César Loureiro (zanfona); Paulo Nogueira (percusión) e Leandro Deltell (batería).

Tamén tes un libro de poemas.

Si, pero non me considero poeta. Escribo cancións. Admiro moito a xente que escribe boas cancións. É máis difícil que musicar poemas.

Nese sentido, hai toda unha “tradición contemporánea” de musicar poemas na música galega. Penso nos cantautores…

Música e poesía sempre estiveron ligadas na cultura clásica. Na ópera, por exemplo. E sempre funcionou. Na música máis popular -rock, pop-... tamén, e moi ben. E eu estou moi contenta de que haxa grupos de rock, por exemplo, que musiquen poemas. Son profesora e aos meus alumnos póñolles Astarot por exemplo… Nos 70 houbo cantautores moi comprometidos coa nosa cultura aos que lles debemos moito. Xente coma Fuxan os Ventos, Luís Emilio Batallán…

Nos 70 houbo cantautores moi comprometidos coa nosa cultura aos que lles debemos moito

Pero ese tempo pasou. A política está presente na música, pero doutra maneira. Ás veces, mesmo te sorprendes de como fala agora xente que nos 70 participou daquilo.

Parece como que hai medo a definirse, que se quere que te asocien a unha cultura máis aséptica. Eu creo que o que pasa é que aquí nunca houbo unha tradición democrática. Hai retrocesos na firmeza coa que se reivindica o noso lugar no mundo. Se cadra somos demasiado prudentes. Non vexo ese ambiente de compromiso que houbo no pasado. Parece que se prefire a indefinición. O cal non significa que teñas que definirte como de tal partido político. Eu tampouco o fago.

Es de Ourense. Fuches a Italia para estudar?

Nacín en Covas (Os Blancos) e pasei os primeiros anos da miña vida en Meaus, no Couto Mixto. Pasei a infancia en Holanda e despois volvín e estudei en Santiago. Entre 2007 e 2013 vivín en Italia, onde estudei canto (lírica e jazz) e formei o dúo con Maurizio Polsinelli. Sempre fun moi inquieta. Marchei para Italia, traballei dando clases de español e alí comecei a estudar canto, que era o que realmente quería. Antes só estudara de maneira autodidacta. Agora estudo con Laura Alonso.

Algo máis?

Teño outro proxecto, sobre as mulleres na guerra. Parte da guerra civil española, pero a idea é o sufrimento das mulleres na guerra, en xeral. A historia das mulleres guerreiras, que sobreviviron, que nos deixaron unha herdanza. E eu creo que se nos unimos e saltamos certos prexuízos, a forza da comunidade, do colectivo, fará que todo vaia mellor. Quero que sexa un libro-disco. Con poemas doutras mulleres e meus.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.