0 Gardados para despois

“Nao é un grupo creado para a denuncia da realidade e, sobre todo, para darlle forza á xente”

Redacción | @prazapublica

A Sala Malatesta, que bota a andar no local da antiga sala Nasa, en Santiago, comeza a súa andaina cun concerto de Banda Bassotti… e un grupo sorpresa. A sorpresa resultou ser Nao. Aínda que se cadra non foi tanta. Porque hai algúns nexos entre ambos proxectos. Falamos con Jasper, de Nao. 

Estades a piques de sacar un novo traballo, non si?

Aínda non. Estamos empezando a compoñer. Anunciamos que imos seguir outros dous ou tres anos. De momento, sacamos o vídeo de Venceremos nós. Imos gravar un documental e tres maxis, un cada ano. Será, así, como un traballo en tres partes, como unha conta atrás que comezará polo terceiro. Chámase Apocalipse, como a película. 

Hoxe na sala Malatesta o que poderemos escoitar será Cartas no Caderno, supoño.

Si, levamos un ano bastante intenso con Cartas no Caderno e a verdade é que tamén introducimos cancións que non estaban no repertorio, por ofrecer algo distinto ao público. Con algúns cambios e tamén con colaboracións distintas, porque despois de tantos concertos acabamos caendo na rutina.

Cartas no caderno é, se cadra, o voso disco máis colectivo. Colaboracións, versións…

Así foi concibido. Co disco anterior, Cancións de amor e liberdade, tiveramos un proceso de creación moi longo, con varios meses gravando. Desta volta queriamos algo máis inmediato e distinto. Por iso fixemos un disco de versións de autores e grupos que nos influíron, no musical e no ideolóxico tamén. Queriamos facer versións, pero levándoas tamén a Nao, imprimíndolles a nosa propia personalidade. E a verdade é que a resposta dos colaboradores foi brutal.

"Queriamos facer versións, pero levándoas tamén a Nao, imprimíndolles a nosa propia personalidade"

Malia seren versións, o disco é moi coherente, no que di, cos anteriores traballos vosos: non deixarse arrastrar polo sistema, actuar e tomar partido… Son as mesmas ideas.

É que, aínda que cambiaron algunhas cousas, no esencial segue a ser igual, por iso o que dicimos nun mudou tanto. A denuncia sempre vai estar aí porque ademais Nao foi un grupo creado para iso, para denunciar a realidade, o que pasa e, sobre todo, para darlle esperanza e forza á xente. Nos nosos temas sempre está o orgullo de clase, o orgullo de país… En discos sucesivos tocaremos outras cousas, como estaba o amor en Cancións de amor e liberdade. Pero somos un grupo creado para “remover conciencias”, como adoita dicirse, e non só para rir e pasalo ben, que tamén.

Acción galega é o poema de Ramón Cabanillas, cun engadido en éuscaro e outro en catalán, de Els segadors

Si. Eu coñecía o poema de Cabanillas e gustábame, pero é que ademais eu estiven en Xenreira e lembraba moito de cando fixeramos este tema. Primeiro meterámoslle ska, despois pensamos en probar co hardcore… Pois en Nao démoslle unha volta máis, e como o tema fala de loita, de acción labrega, e ademais estamos nun Estado plurinacional por moito que a algúns lles pese, convidamos xente vasca e catalá. Falamos con Kaotiko, e eles meteron esa parte de Els Segadors ao final, sen que nós lles dixeramos onde. Falamos con Álex e eles meteron a súa parte no intermedio… foi desas cousas que saíron ben así, sen planealo todo.

"Estamos nun Estado plurinacional por moito que a algúns lles pese"

Os Vampiros de Zeca Afonso é un tema moi coñecido pero, escolléstelo por algún motivo especial?

No momento en que estabamos facendo o disco estaba de actualidade o rescate de Grecia, o de Portugal, dicíase que ían rescatar España… E o que dicía Zeca en Os Vampiros, claro, tiña total vixencia. Se el fixera ese tema pensando no FMI e no BM, despois foi o Banco Central europeo, porque é o mesmo. “Eles comen todo e non deixan nada”, di. É algo que todo o mundo entende. Ademais, é probablemente un dos temas nosos máis coñecidos, sen ser noso! A xente cántao moito nos concertos. Nese tema colaboraron Manuel Payno, Inés Álvarez e Pikkio e Sigaro de Banda Bassotti.

E Je veux? Que fala de actuar, loitar pola liberdade…

É de Zaz, unha cantante francesa. Foi unha proposta, ou máis ben un desafío, do noso manager, que nos dixo que lle gustaba ese tema pero que seguro que non iamos ser capaces de facer unha versión. Pois o noso cerebro para iso, que é Gus, púxose e fixémola. Queriamos, ademais, que cantase unha muller. Colaborou con nós Paula Chaves, -ademais de Antía Comesa e Adrián Cepeda da Liga Gaiteira-, que só a coñeciamos de verlle vídeos, pero gustábanos moito a súa voz. Pois foi un éxito brutal. Conectou moito coa xente da idade dela, duns 20 anos.

"Foi algo inesquecible contar para o disco con grandes da nosa música"

De Como o vento xa era moi coñecida a versión de Radio Océano. Que é como parte da historia da nosa música…

Xa a gravaramos no disco de homenaxe aos Diplomáticos e volvemos gravala dándolle outra volta. En realidade é dun grupo portugués, Sétima Legião. Aquí é coñecida polas versións de Radio Océano e dos Diplomáticos. E foi Xurxo Souto quen dixo de chamar tamén a Xosé Manuel Pereiro, que eu non o coñecía. E, claro, para nós, contar para este disco con xente coma Mini, -en Acción Galega-, coma Xurxo, coma Pereiro… con grandes da historia da nosa música, aínda que nós sexamos pequenos, foi algo inesquecible.

Coa Banda Bassotti xa tiñades relación de antes…

Coincidimos tocando. Coñecémonos desde hai tempo e enganchamos ben no musical e no ideolóxico. Hai fotos deles con camisolas de Nao. A conexión con eles é brutal, e iso é do máis bonito que nos pasou como grupo. Ver que un grupo que escoitabas de pequeno te respecta como músico é... iso, brutal.

Desde As palabras espidas, o primeiro disco, fostes gañando contundencia.

É algo que nos din moito, que houbo unha evolución. Estivemos buscando o noso propio son. E creo que o conseguimos en Cancións de amor e liberdade. Primeiro fixemos un rock máis metal, despois máis melódico, desterramos o rap… Antes, aínda que xa tiñamos un estilo particular, é como se nos faltase algo.

Co da contundencia referíame, sobre todo, ás letras. E non sodes a única banda. Parece que o tema da crise-estafa se notou. Letras máis sociais, políticas…

A crítica social foi sempre unha parte do noso traballo, como che dicía, aínda que non o fixeramos de modo moi directo ás veces. Os nosos discos non terían sentido sen ese discurso de denuncia social. E é certo que, se cadra, está cada vez máis presente. E oxalá houbese máis bandas que o asumisen..

"A crítica social foi sempre unha parte do noso traballo"

Hai unha idea moi presente en Cancións de amor e liberdade que xa estaba en Coas túas mans, que é que podemos cambiar as cousas.

Si, porque temos que ter fe en nós mesmos. Aínda que sexamos só uns cantos grupos que cantan, ou uns cantos movementos sociais… Do outro lado o que está é o Imperio. E nós non estamos en igualdade de condicións. Coas túas mans era un canto á esperanza, e segue a selo. O mundo é noso, podemos cambiar a historia. E cantamos isto desde a esperanza. Nós falamos moito desde o amor, non desde o odio. Contaba Galeano que un pai albanel lle explicaba a un fillo que o mundo o crearan eles, os obreiros. Porque o mundo é de quen o constrúe.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.